Carballo - ORDENANZA FISCAL Nº 8.- REGULADORA DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE DOCUMENTOS.

Publicación provisional: 22/12/1995 BOP Nº: 292
Publicación definitiva: 22/12/1995 BOP Nº: 292
Aplicable dende: 01/01/2002

Art. 1.- Fundamento e natureza.

No uso das facultades conferidas pola Constitución e polo art. 106 da Lei 7/1985, do 2 de Abril, de bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 de Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a "taxa pola expedición de documentos administrativos" que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, atendendo ó previsto no art. 58 da Lei 39/1988.

Art. 2.- Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade administrativa desenvolvida con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e de expedientes de que entenda ou coñeza a Administración Municipal.

2. A estes efectos, entenderase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fose provocada polo particular ou redunde no seu beneficio, aínda que non mediase solicitude expresa do interesado.

3. Non están suxeitos a esta taxa os documentos ou certificacións que expida a Administración Municipal en virtude de oficio de Xulgados ou Tribunais para toda clase de pleitos.

Art. 3.- Suxeito pasivo.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as Entidades as que se refire o artigo 33 da Lei 230/1963, xeral tributaria, que soliciten ou provoquen a tramitación do documento ou expediente de que se trate.

Art. 4.- Responsables.

Serán aplicables as normas de responsabilidade solidaria e subsidiaria establecidas nos artigos 37 e seguintes da Lei 230/1963, xeral tributaria, e demáis normativa aplicable.

Art. 5.- Exencións.

Non se recoñece beneficio ou exención algunha, agás aquelas que veñan recollidas en normas con rango de Lei ou as que resulten da aplicación dos Tratados Internacionais ratificados polo Estado.

Art. 6.- Cota tributaria.

A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada segundo a natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa Tarifa que contén o artigo seguinte.

Art. 7.- Tarifa.

1. A taxa esixirase aplicando as seguintes cotas tributarias:

- Certificados de convivencia e residencia: 6,00 euros (998 pesetas)

- Certificacións de empadronamentos en Padróns anteriores, dacordo coas seguintes regras:

a) 3 euros (499 pesetas) de tarifa mínima, polo último Padrón.

b) 1,20 euros (200 pesetas) de tarifa por cada Padrón anterior, sumándose de xeito acumulativo ós 3 euros (499 pesetas) iniciais.

- Certificacións de documentos de acordos municipais: 6 euros (998 pesetas)

- Resto de certificacións: 6 euros (998 pesetas)

- Certificacións expedidas para testimoniar nas escrituras de declaración de obra nova rematada: 61,90 euros (10.300 pesetas)

- Certificados sobre o estado de edificios: 61,90 euros (10.300 pesetas)

- Certificacións de aliñacións ou de servicios urbanísticos existentes: 12,62 euros (2.100 pesetas)

- Outras certificacións urbanísticas: 12,62 euros (2.100 pesetas)

- Copia autenticada dos atestados de accidentes de circulación tramitados polos axentes da Policía local: 18 euros (2.995 pesetas)

- Expedición e revisión de tarxetas de armas de aire comprimido ou análogas, sexan permanentes ou temporais, por cada unha delas: 6 euros (998 pesetas)

- Compulsa de documentos en Ventanilla Única: 0,60 euros (100 pesetas)

- Realización de copias de documentos: 0,030050 euros (5 pesetas)/páx. a partir de 20 páxinas (exento se menos).

- Encadernación de copias, segundo sinale a Comisión de Goberno en cada momento para as publicacións que procedan, ó que se lle delega pola presente.

2. Cando a certificación requira traballo de arquivo, as cotas incrementaranse nas seguintes cantidades, sumada á establecida ut supra, de xeito que a contía da taxa actual se incrementará na cantidade que se sinala na fracción de anos en que coincida:

1995-1991: 1,20 euros (200 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

1990-1986: 1,80 euros (300 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

1985-1981: 2,40 euros (400 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

1980-1976: 3 euros (499 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

1975-1971: 3,61 euros (600 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

1970-1961: 4,81 euros (800 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

1960-1951: 6 euros (998 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

1950- cara atrás: 9 euros (1.497 pesetas) máis se se refiren a algún destes anos

Artigo 8.- Criterios xenéricos de capacidade económica.

Ó abeiro do sinalado no artigo 24.4. da Lei 39/1988, as cotas indicadas no párrafo anterior aplicaráselles unha reducción do 90% no caso de que os contribuintes persoas físicas teñan escasez de recursos económicos, sempre que así o acredite un informe do Asistente Social do Concello e previa solicitude do interesado, unha vez apreciada a súa capacidade económica polos Servicios Económicos do Concello.

Art. 9.- Retribución

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuir cando se presente a solicitude que inicia a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ó tributo.

2. Nos casos ós que se refire o número 2 do artículo 2.º , o devengo prodúcese cando teñan lugar as circunstancias que provoquen a actuación municipal de oficio ou cando ésta comence sen a previa solicitude do interesado, pero redunde no seu beneficio.

3. Non se devengará esta taxa cando a actividade administrativa estea suxeita a calquera outra taxa esixida por este Concello.

Art. 10.- Liquidación e ingreso.

1.-A taxa liquidarase polo funcionario que reciba a solicitude no momento de rexistra-la entrada da mesma e esixirase o pago nese mesmo intre. En todo caso, o pago será condición previa para poder retira-lo documento ou certificación solicitada.

2.-En calquera momento, o Pleno da Corporacón poderá adopta-lo acordo de esixi-lo importe destas taxas mediante autoliquidación.

Art. 11.- Infraccións e sancións.

Para todo o relativo á calificación de infraccións tributarias e as correspondientes sancións, rexerá o disposto nos arts. 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria, e na Ordenanza Fiscal Xeral de Xestión, Inspección e Recadación do Concello, se existira.

Disposición adicional

As cotas tributarias fixadas no artigo 7 deste Ordenanza modificaranse anualmente de acordo coa variación do Indice de Prezos ó Consumo que sinale o Instituto Nacional de Estadística. O resultado da aplicación deste índice redondearase sempre por exceso ou por defecto a centena superior ou inferior.

Disposición final.

A presente Ordenanza, unha vez aprobada polo Pleno da Corporación, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial Provincial.

Dilixencia.

A presente Ordenanza foi aprobada definitivamente polo Pleno da Corporación na sesión ordinaria celebrada o día 2 de Novembro de 1995 e foi publicada no Boletín Oficial Provincial número 292 do 22 de Decembro de 1995.

Esta Ordenanza foi modificada por acordo plenario, tomado na sesión ordinaria celebrada o día 26 de outobro de 1999 (Expte. 99/176). Exposta ó público por prazo de trinta días hábiles, segundo anuncio publicado no BOP o día 10 de novembro de 1999 e no Diario La Voz de Galicia do día 10 de novembro de 1999, foi aprobada definitivamente o día 18 de decembro de 1999. Publicada no Boletín Oficial da Provincia número 299 do día 31 de decembro de 1999 (corrección de erros BOP número 15 do 20 de xaneiro de 2000), entrou en vigor o día 1 de xaneiro do ano 2000.

Dilixencia.

Esta Ordenanza foi modificada por acordo plenario, tomado na sesión extraordinaria celebrada o día 17 de novembro de 2000. (Expte. 2008/00). A dita aprobación foi anunciada no B.O.P de 22 de novembro de 2000, para publica-la exposición ó público e apertura do prazo de 30 días hábiles para a presentación de alegacións. Foi aprobada definitivamente o 29 de decembro de 2000, e entrará en vigor o 1 de xaneiro de 2001.