Melide - ORDENANZA FISCAL Nº 19, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DE SERVICIOS NO CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA PÚBLICO DEPENDENTE DO CONCELLO DE MELIDE

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 29/12/2008 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 01/01/2009

Artigo 1.-Natureza e fundamento.

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello acorda a imposición e ordenación da taxa pola prestación de servicios no conservatorio profesional de música público dependente do Concello de Melide, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ao previsto no artigo 58 da citada Lei 39/1988.

Artigo 2.-Feito impoñible

Constitúen o feito impoñible da taxa a prestación dos servicios no conservatorio profesional de música público dependente do Concello de Melide, especificados na tarifa desta taxa.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos

Serán suxeitos pasivos desta taxa as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria que soliciten ou resulten beneficiadas ou afectadas polos servicios ou actividades que se detallan na tarifa desta taxa.

Artigo 4.-Responsables

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

artigo 5 cota tributaria,

A cota tributaria será a seguinte:

A contía da taxa exixirase segundo a tarifa que se indica:
- Curso de iniciación (Música e Movemento, idade de 4 a 8 anos): 178,92 €.
- Grao elemental (catro cursos a partir da idade de 8 anos):
Por curso completo:315,35 euros.
Por 2 especialidades: 441,72 euros.
Por materia pendente: 82,75 euros.
Por servizos xerais e certificacións: 14,20 euros.
- Grao Medio (seis cursos, aprobando un curso de acceso, sen límite de idade):
Proba de acceso: 117,09 euros.
Por curso completo: 505,13 euros.
Por 2 especialidades: 631,50 euros.
Por materias pendentes: 116,74 euros.
Pola proba de acceso a calquera dos seis cursos de grao medio: 116,74 euros.
Por servizos xerais e certificacións: 14,20 euros.
- O estudo de materias soltas, será, por cada materia, 116,74 euros

Artigo 6.-Beneficios fiscais

As familias con fillos cursando estudios no Conservatorio profesional de música (en calquera dos graos elementais ou medios), gozarán das seguintes bonificacións cando sexan dous ou máis os irmáns matriculados:

Ao segundo fillo matriculado aplicaráselle unha bonificación do 25 por cento do importe das tarifas previstas nesta ordenanza polos conceptos de matriculación.

Mentres que a partir do terceiro fillo esa bonificación será única do 50 por cento.

Gozarase desta mesma bonificación no caso de que os matriculados sexan pai ou nai e fillos, nas mesmas porcentaxes que quedan fixadas para a concorrencia de irmáns.

Aos matriculados no Conservatorio profesional de música de Melide que formen parte de familia numerosa aplicaráselles unha reducción no importe da matrícula do 25 por cento. Para o caso de que formen parte da mesma unidade familiar, o beneficio fiscal correspondente rexerase unicamente polo disposto nos apartados 1) e 2) do presente artigo.

Ás familias perceptoras dunha RISGA (concedida no momento da solicitude) ou pensión non contributiva  ou RAI (Renta Activa de Inserción) ou similar aplicaráselles unha bonificación do 50 por cento no importe da matrícula, previo informe dos servizos sociais.

En todos os casos a porcentaxe de bonificación entenderase para o alumno/a, alumnos/as que se matriculen nos cursos inferiores do Conservatorio profesional de música.

Para beneficiarse destas bonificacións será condición imprescindible que o alumnado implicado estea matriculado no curso completo.

Para aplicar este tipo de bonificacións será preciso achegar a fotocopia cotexada da folla ou follas correspondentes do libro de familia ou certificado de convivencia, de ser o caso. No caso de familias numerosas será preciso achegar a fotocopia cotexada do título de familia numerosa, e no caso previsto no apartado 5 deste artigo certificado do órgano competente.

Artigo 7.-Ingreso

Para o ingreso desta taxa teranse en conta as seguintes normas:

Na solicitude de matrícula faranse constar os conceptos e contías que comprende esta taxa, que serán comprobados polos servicios administrativos do conservatorio profesional no momento de presentar a solicitude.

Ademais do impreso da matrícula, asinarase outro para deixar constancia da autorización de domiciliación bancaria co fin de poder realizar o cobramento que proceda, de ser o caso, segundo o cadro de tarifas aplicables.

Antes de que finalice o período aberto para realizar a matriculación darase traslado ás entidades bancarias correspondentes para que efectúen os pagamentos e aboen as cantidades a que ascenden as liquidacións de cada suxeito pasivo na conta bancaria do Concello.

O pagamento ao que se refiren os apartados anteriores poderá liquidarse:

Nun único pagamento anual, a realizar con carácter previo ao momento da matriculación.

Fraccionado en dúas partes: a primeira polo 60 por cento do importe que corresponda, que deberá acreditarse no momento da inscrición, e a segunda polo 40 por cento restante, que poderá realizarse ata o día 31 do mes de xaneiro do dito curso escolar.

Fraccionado en tres partes: a primeira polo 40 por cento do importe que corresponda, que deberá acreditarse no momento da inscrición, a segunda polo 30 por cento, que poderá efectuarse ata o 31 de decembro de cada curso escolar, e a terceira restante, tamén polo 30 por cento, que poderá efectuarse ata o 31 de marzo do dito curso escolar.

No caso de servicios puntuais o ingreso efectuarase por autoliquidación.

Os pagamentos fraccionados faranse mediante domiciliación bancaria autorizada para tal efecto.

A inscrición ou matrícula non será formalizada e carecerá de toda validez se non consta documentalmente que se efectuou o pagamento das taxas, perdendo neste caso o interesado a súa consideración de alumno/a oficial do conservatorio de música e, polo tanto, o dereito a exame e a cursar as distintas materias.

Para o suposto de que non fose atendido algún recibo, efectuarase un requirimento ao interesado advertíndolle deste extremo e concedéndolle un novo prazo de 10 días para o seu aboamento. No caso de non ser atendido o dito requirimento daráselle de baixa no curso ou materias para os que se matriculara, sen dereito á devolución das cantidades ingresadas anteriormente, mediante resolución da Alcaldía.

Artigo 8.-Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ao disposto no artigo 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Disposición final

A presente Ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno Corporativo en sesión celebrada o día 12 de novembro de 2003 e entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no BOP e será de aplicación a partir do curso 2004/2005 (inclusive), permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

A partir da entrada en vigor da presente ordenanza fiscal queda derrogada a ordenanza reguladora do prezo público pola prestación de servicios do Conservatorio Municipal de Música.

(BOP nº 267, do 20/11/2003)

(BOP nº 299, do 31/12/2003)

(BOP nº 267 19/11/2004 e BOP nº 300, 31/12/2004)

(BOP nº 298, 30/12/2005)

(BOP nº 293, do 23/12/2006)

(BOP nº 300, do 31/12/2007)

(BOP nº 298, 29/12/2008)