Índice
Ordes - ORDENANZA FISCAL Nº 11, REGULADORA DA TAXA POR ENTRADA DE VEHÍCULOS E VAOS PERMANENTES.
Publicación provisional:
11/02/1999
BOP Nº:
34
Publicación definitiva:
11/02/1999
BOP Nº:
34
Aplicable dende:
01/01/2009
Artigo 1º. Fundamento e natureza
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 141 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladoras das Bases do Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece a taxa por entrada de vehículos e vaos permanentes, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, atendendo as súas normas ao disposto no artigo 57 do citado Real decreto.
Artigo 2º.-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible desta Taxa a utilización privativa ou o aproveitamento especial por entrada de vehículos a través das beirarrúas e a reserva de vía pública para aparcamentos exclusivos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.
Artigo 3º.-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos desta Taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades as que se refire ó artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro Xeral Tributaria que se beneficien do aproveitamento que constitúe o feito impoñible.
Terán a condición de substitutos do contribuínte os propietarios das fincas e locais as que dean acceso as entradas de vehículos, que poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os respectivos beneficiarios.
Artigo 4º.-Responsables.
- Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 42 da Lei xeral tributaria.
- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores das sociedades e entidades en xeral nos supostos e co alcance que sinala o artigo 43 da Lei xeral tributaria.
Artigo 5º.-Base impoñible.
A base tributaria estará constituída, segundo o feito impoñible:
1. Polo número en metros da lonxitude da entrada ou paso de vehículos no caso da entrada de vehículos a través da beirarrúa.
2. Pola superficie, en metros cadrados, ocupada pola reserva de vía pública para o aparcamento exclusivo noutro suposto.
Artigo 6.º .-Cota tributaria.
A cota tributaria será a que resulte da aplicación das seguintes tarifas:
Tarifa primeira.- reserva con entrada de garaxe
a. Entradas a garaxes ou locais de uso exclusivo do/a propietario/a do local para a garda dos seus propios vehículos, incluída a reserva de espazo, ata tres metros lineais, e unha capacidade máxima de tres prazas: 72,54 €/anuais.
b. Entradas a garaxes ou locais para a garda de vehículos, podendo realizar reparacións dos mesmos, prestación de servizos de engraxe, lavado, petroleado, etc., incluída a reserva do espazo até tres metros lineais, segundo a capacidade do local:
- Ata 5 prazas: 87,05 €/anuais.
- De 6 a 20 prazas: 145,08 €/anuais.
- De 21 a 60 prazas: 217,62 €/anuais.
- Cando exceda de 60 prazas: 253,89 €/anuais.
a. Por cada metro lineal superior a tres incrementarase a tarifa nun 100%.
Tarifa segunda.- Reserva sen entrada de vehículos.
Reserva de espazos ou prohibición de estacionar sen entrada de vehículos.
a. Reserva de espazos nas vías e terreos de uso público concedidos a entidades ou particulares, para aparcamento exclusivo ou prohibición de estacionamento.
Satisfarán ao ano por cada metro lineal ou fracción: 108,82 €.
b. Reserva de espazos ou prohibición de estacionamento nas vías e terreos de uso público para paradas de servizos de transporte colectivo de viaxeiros. Por cada metro lineal ou fracción de calzada que acade a reserva de espazo: 36,27 € anuais.
En todo caso será de conta do solicitante a sinalización da zona de reserva, tanto horizontal como vertical, segundo modelo oficial.
As zonas de carga e descarga debidamente sinalizadas polo Concello non serán obxecto de tarificación nas horas expresamente indicadas, nas que estará prohibido o seu uso fora do fin previsto, isto é, carga e descarga.
Artigo 7º.-Devengo.
Devengase a Taxa, e nace a obriga de contribuír:
a) Coa presentación da solicitude de utilización ou aproveitamento, que non se tramitará sen que efectuase o pago correspondente.
b) Dende o momento no que a utilización ou aproveitamento se iniciara, se este tivera lugar sen a preceptiva licencia municipal.
c) No caso de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, devengarase periodicamente o día 1 de xaneiro de cada ano.
Artigo 8º.-Período impositivo.
O período impositivo coincidirá co ano natural, salvo nos supostos de inicio ou cese no aproveitamento especial, no caso do cal o período impositivo axustarase a esa circunstancia co conseguinte prorrateo da cota, que terá lugar, en todo caso, por trimestres naturais.
Artigo 9º.-Réxime de declaración e de ingreso.
Este Concello poderá establecer convenios de colaboración con entidades, institucións e organizacións representativas dos suxeitos pasivos da taxa, co fin de simplificar o cumprimento das obrigas formais e materiais, derivadas de aquela ou os procedementos de liquidación ou recadación.
Cando por causas non imputables ó suxeito pasivo, o aproveitamento especial non se produza, procederá a devolución do importe correspondente.
Establécense dúas modalidades:
Autoliquidación:
Coa solicitude de autorización de aproveitamento especial do dominio público, terá que acompañarse a folla de autoliquidación, ingresada na Tesourería Municipal ou Entidade colaboradora do Concello.
Declaración:
Coa solicitude de aproveitamento especial do dominio público, presentarase declaración polos interesados, na que se reflectirá a superficie a ocupar, para a súa liquidación e pago da cota, na Tesourería Municipal ou Entidade colaboradora.
Artigo 10º.-Pago da taxa.
Efectuarase, o pago da taxa, tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na Tesourería Municipal ou Entidade colaboradora designada polo Concello, sen xustificante do cal non poderá retirarse a licencia.
No suposto de concesións de aproveitamento xa autorizados e prorrogados unha vez incluídas no correspondente Padrón Municipal, por anos naturais, nas Oficinas da Recadación Municipal ou Entidade Colaboradora
Artigo 11º.-Normas de xestión.
Terá que ir acompañada, a solicitude de entrada de vehículos ou vao permanente dunha declaración na que conste a superficie que se pretende ocupar, reflectida nun plano detallado do seu emprazamento concreto dentro do termo municipal.
O Concello procederá a practicar a oportuna liquidación complementaria, que terá que ser satisfeita, antes de retirar a licencia, de producirse contradición, entre a superficie declarada e a que se pretende ocupar realmente.
Entenderase prorrogada, unha vez autorizada a ocupación mentres non se presente a declaración da baixa polo interesado ou polos seus lexítimos representantes, no caso de falecemento, salvo as autorizacións outorgadas por un prazo concreto.
Artigo 12º.-Reintegro do custo ou reparación de danos.
Cando o aproveitamento especial leve aparellado a destrución ou deterioro do dominio público local, o beneficiario, sen prexuízo do pago da taxa a que houbera lugar, estará obrigado o reintegro do custo total dos respectivos gastos de reconstrución ou reparación e ó depósito previo do seu importe, segundo informe dos Servizos Técnicos Municipais, sen o cal non será outorgada a licencia.
Se os danos foran irreparables, a entidade será indemnizada en contía igual o valor dos bens destruídos ou ó importe de deterioro dos danados.
Disposición derradeira.
A presente ordenanza fiscal, aprobada definitivamente polo Pleno do Concello de Ordes en sesión celebrada o 29 de outubro de 2007 comezará a aplicarse a partir do primeiro de xaneiro do ano dous mil oito, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.