Sada - ORDENANZA FISCAL Nº 23, REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO CON MESAS E CADEIRAS.

Publicación provisional: 10/02/1999 BOP Nº: 33
Publicación definitiva: 10/02/1999 BOP Nº: 33
Aplicable dende: 15/07/2005

Artigo 1.- Fundamento e natureza.-

En uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, e ó amparo do disposto nos artigos 58 e 20.3.1) da mesma lei, este Concello establece a Taxa por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal.-

Artigo 2.- Feito impoñible.-

Constitúe o feito impoñible da Taxa o aproveitamento de terreos de uso público local mediante a ocupación cos elementos aludidos no artigo primeiro desta Ordenanza.-

Artigo 3.- Suxeitos pasivos.-

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, a favor das cales se concederan as licencias ou que se beneficien do aproveitamento, en caso de ter procedido sen a correspondente autorización.-

Artigo 4.- Responsables.-

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigo 42 da Lei Xeral Tributaria.-

2. Serán responsables subsidiarios as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.-

Artigo 5.- Devengo.-

Considérase devengada a taxa, nacendo a obriga de contribuir, cando se solicite a licencia para o correspondente aproveitamento ou cando se inicie este, no caso de facerse sen a oportuna autorización. Tratándose de aproveitamentos anuais xa autorizados e prorrogados, devengaráse a taxa o 1 de xaneiro de cada ano, agás nos casos de inicio ou cese no aproveitamento, nos que a cota se prorrateará por meses completos.

Artigo 6.- Tarifas.-

1. A contía da taxa regulada nesta Ordenanza será a fixada nas Tarifa seguinte, atendendo á superficie ocupada polos aproveitamentos, expresada en metros cadrados:

Por cada metro cadrado de superficie ocupada:

1) Ocupación por mes, 6,5.- euros.

2) Ocupación por ano, 6.- euros por mes.

2. Ós efectos de aplicación do disposto no apartado anterior terase en conta o seguinte:

a) Cada mesa con catro cadeiras equivalerá a dous metros cadrados.

b) Se o número de metros cadrados do aproveitamento non fose enteiro, redondearase por exceso para obte-la superficie ocupada.

c) Os aproveitamentos poderán ser anuais, cando se autoricen para todo o ano natural, e temporais, cando o período autorizado comprenda parte dun ano natural. Tódolos aproveitamentos realizados sen autorización se considerarán anuais.

Artigo 7.- Normas de xestión.-

1. As cantidades esixibles conforme ás Tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irreductibles polo período de tempo autorizado, agás o disposto no artigo cinco.

2. As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta Ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licencia e formular declaración na que conste a superficie que se pretende ocupar, a súa ubicación no Municipio e os elementos que se van instalar.

3. As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia, sen prexuízo das contías que corresponda abonar ós interesados.

Artigo 8.- Obrigación de pago.-

O pago da taxa se realizará:

a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na Tesourería Municipal antes de retira-la correspondente licencia. Este ingreso terá carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 26.1. a) Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, quedando elevado a definitivo ó concederse a licencia correspondente.

b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, unha vez incluídos nos padróns ou matriculas desta taxa, por anualidade conforme ó Regulamento Xeral de Recadación, no primeiro semestre do ano natural.

Disposición Final.-

A presente Ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día vintecatro de xuño de dous mil cinco, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín da Provincia e será de aplicación a partir desta data, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.-