Sada - Ordenanza fiscal nº 23, reguladora da taxa por ocupación de terreos de uso público con mesas e cadeiras

Publicación provisional: 10/02/1999 BOP Nº: 33
Publicación definitiva: 10/02/1999 BOP Nº: 33
Aplicable dende: 07/12/2020

Artigo 1.- Fundamento e natureza.-

En uso das facultades conferidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución Española e polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, e ó amparo do disposto nos artigos 58 e 20.3.1) da mesma lei, este Concello establece a Taxa por ocupación de terreos de uso público local con mesas, cadeiras, tribunas, taboados e outros elementos análogos, con finalidade lucrativa, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal.-

Artigo 2.- Feito impoñible.-

Constitúe o feito impoñible da Taxa o aproveitamento de terreos de uso público local mediante a ocupación cos elementos aludidos no artigo primeiro desta Ordenanza.-

Artigo 3.- Suxeitos pasivos.-

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei Xeral Tributaria, a favor das cales se concederan as licencias ou que se beneficien do aproveitamento, en caso de ter procedido sen a correspondente autorización.-

Artigo 4.- Responsables.-

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refire o artigo 42 da Lei Xeral Tributaria.-

2. Serán responsables subsidiarios as persoas ou entidades ás que se refire o artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.-

Artigo 5.- Devengo.-

Considérase devengada a taxa, nacendo a obriga de contribuir, cando se solicite a licencia para o correspondente aproveitamento ou cando se inicie este, no caso de facerse sen a oportuna autorización. Tratándose de aproveitamentos anuais xa autorizados e prorrogados, devengaráse a taxa o 1 de xaneiro de cada ano, agás nos casos de inicio ou cese no aproveitamento, nos que a cota se prorrateará por meses completos.

Artigo 6.- Tarifas.-

1. A contía da taxa regulada nesta Ordenanza será a fixada nas Tarifa seguinte, atendendo á superficie ocupada polos aproveitamentos, expresada en metros cadrados:
Ocupación por ano, por cada metro cadrado de superficie ocupada: 2.- euros por mes.

2. Ós efectos de aplicación do disposto no apartado anterior terase en conta o seguinte:

a) Cada mesa con catro cadeiras equivalerá a dous metros cadrados.

b) Se o número de metros cadrados do aproveitamento non fose enteiro, redondearase por exceso para obte-la superficie ocupada.

c) Os aproveitamentos poderán ser anuais, cando se autoricen para todo o ano natural, e temporais, cando o período autorizado comprenda parte dun ano natural. Tódolos aproveitamentos realizados sen autorización se considerarán anuais.

Artigo 7.- Normas de xestión.-

1. As cantidades esixibles conforme ás Tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irreductibles polo período de tempo autorizado, agás o disposto no artigo cinco.

2. As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta Ordenanza deberán solicitar previamente a correspondente licencia e formular declaración na que conste a superficie que se pretende ocupar, a súa ubicación no Municipio e os elementos que se van instalar.

3. As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia, sen prexuízo das contías que corresponda abonar ós interesados.

Artigo 8.- Obrigación de pago.-

O pago da taxa se realizará:

a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na Tesourería Municipal antes de retira-la correspondente licencia. Este ingreso terá carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 26.1. a) Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, quedando elevado a definitivo ó concederse a licencia correspondente.

b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e que se desexe prorrogar, por ingreso directo na Tesourería Municipal antes de retira-la correspondente autorización de prórroga. Este ingreso terá carácter de depósito previo, de conformidade co disposto no artigo 26.1.a) Texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, quedando elevado a definitivo ó concederse a autorización de prórroga correspondente

Disposición Final.-

A presente ordenanza fiscal, que foi aprobada polo Pleno da corporación na sesión do día26 de xuño de 2008, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín da Provincia e será de aplicación a partir desta data, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

Suspendese temporalmente a vixencia de aplicación da ordenanza fiscal núm 23 reguladora da taxa por ocupación de vía pública con mesas e cadeiras a partires do día 1 de xaneiro de 2021 ata o 31 de decembro de 2021"