Moeche - Ordenanza fiscal núm. 15, reguladora do prezo público pola prestación do servizo de axuda no fogar

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 14/12/2009 BOP Nº: 262
Aplicable dende: 15/12/2009

Artigo 1. - Obxecto

De conformidade co previsto no artigo 117, en relación co artigo 41.b) do Texto Refundido da Lei de Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, este Concello establece o prezo público pola utilización do servizo de axuda no fogar (SAF)

Artigo 2. - Obrigados ao pagamento

Están obrigados ao pagamento do prezo público regulado mediante a presente Ordenanza as persoas ás cales se presten polo Concello traballos de axuda no fogar de acordo co establecido na Orde do 22 de xaneiro de 2009 da Vicepresidencia para a Igualdade e o Benestar pola que se regula o servizo de axuda no fogar.

Artigo 3. - Determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo.

1. Considerarase persoa usuaria do servizo aquela para a que se solicita o servizo, e no caso particular da intervención con familias, entenderase como persoa usuaria un dos membros adultos da unidade de convivencia responsables dos menores que forme parte dela.

2. A capacidade económica das persoas usuarias do SAF calcularase en atención á súa renda, e se é o caso, ao seu patrimonio. Teránse en conta, ademáis, as persoas conviventes e económicamente depedentes da persoa usuaria.

3. A renda valorarase atedendo aos ingresos netos que perciban: rendementos de traballo, incluidas pensións e prestacións de prestación social, calquera que sexa o seu réxime; os rendementos de capital mobiliario e inmobiliario; os rendementos das actividades económicas e as ganancias e perdas patrimoniais.

4. Para o cómputo do patrimonio estarase ao disposto na normativa fiscal en vigor sobre o patrimonio, entendéndose por tal o conxunto de bens e dereitos de contido económico de que sexa titular a persoa usuaria do servizo, con deducción das cargas e gravames que diminúan o seu valor, así como das débedas e obrigas persoais das que deba responder. Considéranse exentos do cómputo a vivenda habitual en que se preste o servizo e os bens e dereitos cualificados como exentos na normativa aplicable sobre o Imposto do patrimonio. Nos suposos de cotitularidade, só se terá en consideración a porcentaxe correspondente á propiedade do benficiario.

5. No caso de que a persoa usuaria tivese cónxuxe ou parella de feito, as rendas de ambos os dous terán a consideración de rendas computables, entendéndose neste caso por renda persoal a metade da suma dos ingresos de ambos os dous membros da parella.

6. A capacidade económica por razón de renda determinarase dividindo a renda ou rendas computables, de acordo co número anterior, entre a suma dos seguintes conviventes: o perceptor ou perceptores de rendas computadas e, se é o caso, o cóxuxe e os ascendentes ou fillos/as menores de 25 anos, ou maiores desta idade en situación de discapacidade, que dependesen económicamente dos citados perceptores.

7. A capacidade económica resultante será a correspondente á renda da persoa usuaria, calculada de acordo cos números anteriores, modificada á alza, se fose o caso, pola suma dun 5% do valor do patrimonio neto que supere o mínimo exento para a realización da declaración do imposto sobre o patrimonio en vigor a partir dos 65 anos de idade, dun 3% dos 35 aos 65 anos e dun 1% menores de 35 anos.

8. Para o cómputo da renda ou do patrimonio teranse en conta os datos correspondentes á última declaración fiscal disponible ou pensión coñecida.

9. Para a actualización da información relativa á capacidade económica, os usuarios presentarán, antes do final de febreiro de cada ano, xustificación documental das circunstancias socioeconómicas tidas en conta para o acceso ao servizo.

Artigo 4. - Base impoñible

Aos efectos previstos para a aplicación das tarifas do artigo 4, establécese o prezo da hora de prestación do servizo en 12 €, revisable anualmente e de forma automática segundo o índice de prezos ao consumo (IPC) publicado polo Instituto Nacional de Estatística.

Artigo 5. - Participación económica das persoas usuarias do SAF

Para os efectos da aplicación das tarifas tomarase como referencia o indicador público de rendas de efectos múltiples (IPREM).

A contía do prezo público regulado na presente ordenanza, de conformidade co artigo 45.3 da Lei 39/1988, será a fixada na tarifa contida nos apartados seguintes:

1. No caso de que a capacidade económica da persoa usuaria sexa igual ou inferior ao IPREM, quedará exenta da obriga de participar no custo do servizo.

2. Para o resto dos supostos establécese os seguintes tramos de copagamento en función da capacidade económica da persoa usuaria en relación co IPREM:

INGRESOS EN RELACIÓN AO IPREM

COPAGAMENTO

Entre o 100% e o 150%

15%

Entre o 150% e o 300%

20%

Entre o 300% e o 400%

50%

Entre o 400% e o 500%

60%

>500%

65%

3. Sen prexuizo do establecido no punto anterior, poderán preverse excepcións aos criterios xerais no caso en que a problemática principal atendida sexa a desestructuración familiar e se procure a protección e integración social de menores de idade en risco de exclusión, mediante resolución motivada do órgano competente para acordar a concesión do servizo, da que en todo caso deberá deixarse constancia no correspondente expediente.

Artigo 6. - Modalidades de acceso ao servizo

O acceso ao servizo producirase a través do departamento de servizos sociais, de acordo coas seguintes modalidades:

1. O acceso será directo para persoas que, tendo recoñecida a situación de dependencia se lles asigne a axuda no fogar na correspondente resolución de Programa Individual de Atención, e producirase tan pronto como o permita a disponibilidade de persoal polo Concello.

2. Para as persoas que non teñan o recoñecemento da situación de dependencia, ou non as asista o dereito de acceso efectivo ao catálogo de servizos de atención á dependencia segundo o calendario de implantación que se establece na Lei 39/2006, o acceso ao servizo, logo de prescrición técnica favorable do departamento de servizos sociais , resolverase en réxime de libre concorrencia de acordo cos criterios establecidos na orde do 22 de xaneiro de 2009.

3. De igual maneira á expresada no punto anterior procederase nas situación nas que a problemática principal estea relacionada con aspectos convivenciais e socioeducativos.

4. O traballador social emitirá informe proposta que elevará ao señor Alcalde-Presidente para a súa aprobación ou denegación definitiva. A forma de prestación do servizo, a súa autorizació ou cese, serán resoltos pola alcaldía atendendo aos criterios establecidos polos servizos sociais municipais.

Artigo 7. -Obriga de pagamento

A obriga de pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza, nace dende que se inicia a prestación do servizo de axuda no fogar.

As liquidacións de prezos practicaranse por meses naturais e aboaranse nos primeiros quince días naturais do mes seguinte. O abono efectuarase mediante cargo na conta corrente ou libreta de aforros que o solicitante do servizo deberá indicar no modelo oficial de solicitude.

Artigo 8. - Normativa subsidiaria.

Para todo o non previsto na presente Ordenanza, se estará ao establecido na Orde do 22 de xaneiro de 2009.

Disposición Final.

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día seguinte da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa