Irixoa - ORDENANZA FISCAL N.º 12, DA TAXA DO SUBMINISTRO MUNICIPAL DOMICILIARIO DE AUGA POTABLE
Artigo 1.º .-Fundamento e natureza
Establécese a presente taxa pública en base á seguinte normativa aplicable:
- Artigos 133.2 e 142 da Constitución Española de 1978.
- Artigos 2.2.l e 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
- Artigos 15-19, 20.4.t, 58 e demais concordantes da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais.
Artigo 2.º .-Feito impoñible
O feito impoñible realízase mediante a prestación do servicio de subministro domiciliario de auga potable, con independencia de que sexa ou non utilizado polo usuario. O servicio poderá prestarse de xeito directo ou indirecto.
Artigo 3.º .-Suxeitos pasivos
1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas, físicas, xurídicas ou entidades do artigo 33 LGT, que sexan usuarias deste servicio, ou que resulten especificamente beneficiadas por este.
2. Terán a consideración de suxeitos pasivos substitutos dos contribuíntes o propietario de vivendas ou locais, os cales poderán repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios finais do servicio.
Artigo 4.º .-Responsables
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas referidas nos artigos 38.2 e 39 da LGT.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores de sociedades, síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concurso e entidades en xeral, nos supostos e co alcance previsto no artigo 40 da LGT.
Artigo 5.º .-Exencións e bonificacións
Non se contempla ningún tipo de exención, reducción nin bonificación, agás no caso de funcionamento anormal do servicio por un tempo superior a 48 horas continuadas; neste caso reduciranse, segundo a gravidade da anormalidade, as cotas ata nun 10% por cada episodio.
Cando o consumo de augas nunha lectura sexa claramente excesivo e provocado por unha causa involuntaria ou accidental, regularase a medición para a correspondente liquidación da taxa do seguinte xeito:
a) cando haxa un rexistro histórico de lecturas de consumo, igual ou superior a 2 medicións, farase unha media de tales lecturas anteriores e incrementarase o resultado nun 20%.
b) cando unicamente haxa unha soa lectura previa no histórico farase un cálculo proporcional entre o período contratado e/ou efectivo de uso realizado, o consumo rexistrado e o que correspondería no período legal semestral, incrementándose o resultado nun 10%.
c) Cando non haxa ningunha lectura previa realizada farase un promedio do consumo de todos os usuarios co mesmo destino dentro da parroquia, coas lecturas do mesmo semestre a liquidar.
Para que procedan tales cálculos de reducción será preciso que sempre quede xustificada documentalmente a causa de tal accidente, así como a realización por parte do usuario afectado das accións preventivas ou reparadoras coa dilixencia debida; ordinariamente este documento será un informe da concellería de obras e servizos, emitido en base ás inspeccións realizadas e ás xustificacións aportadas polo usuario.
Artigo 6.º .-Cota tributaria
A presente taxa determinará a súa cota mediante o seguinte cadro:
1. Tramo de consumo ata 200 m3/semestre, agás explotacións agropecuarias (funciona como mínimo de liquidación):
a) Vivendas: 25,00 euros.
b) Resto de locais e explotacións: 30,00 euros.
2. Tramo de consumo ata 400 m3/semestre en explotacións agropecuarias (funciona como mínimo de liquidación): 40,00 euros.
3. Tramo de consumo que excede o mínimo de liquidación (200 e 400 m3/semestre, para usuarios en xeral e explotacións agropecuarias respectivamente, en adiante):
a) Vivendas ou explotacións agropecuarias: 0,5 euros/m3.
b) Resto de locais e explotacións: 0,6 euros/m3.
4. Cota de conexión: 30,00 euros.
5. Traballos de enganche (según tramo e cando os realice o concello): 500 euros ata 50 m, 650 € entre 50 e 75 m e 800 € entre 75 e 100 ml; para enganches de máis de 100 ml farase un estudo específico e comunicarase un presuposto previo aos efectos de posible aceptación. (modificación por acordo plenario do 28-12-2007 e publicación no BOP do 11-3-2008).
6. Cota de baixa: 60,00 euros.
En caso de coincidencia de varios usos no mesmo local ou edificio computarase como uso o de tarifa máis alta.
Sobre estas taxas aplicaranse os correspondentes tributos obrigatorios de consumo: IVE, etc. Estas tarifas serán obxecto de actualización, en incremento o decrecemento, cando o IPC acumulado de varios anos iguale ou supere o 3 %; non obstante, esta actualización seguirá o procedemento establecido legalmente.
Artigo 7.º .-Período impositivo e devengo.
1. O período impositivo no caso de liquidación de consumo será o semestre natural, devengándose o ultimo día deste. No caso de altas e baixas o devengo será cando se acorden administrativamente estas.
2. A taxa mínima semestral ten un carácter de irreductible, polo que non se poderán facer prorrateos, aínda no caso de alta ou baixa no servicio que supoñan un tempo sen uso deste.
3. A alta no servicio do abastecemento domiciliario supón a correlativa inclusión no padrón fiscal da taxa, con independencia do seu uso ou non.
4. A baixa no servicio, e polo tanto no padrón fiscal, só se poderá adoptar cando quede plenamente garantida a imposibilidade de utilización do servicio.
Artigo 8.º .-Liquidación e recadación
1. O período voluntario de cobranza será de dous meses dende a data de posta ó cobro dos recibos, a cal deberá publicarse convenientemente, sen prexuízo da comunicación por correo cando fose posible. En caso de dúbida o período voluntario empezará a contarse no primeiro día do 2.º mes seguinte ó do período de liquidación. No caso de altas e baixas a recadación será por ingreso directo trala aprobación da liquidación.
2. A débeda será esixida polo procedemento de constrinximento unha vez rematado o período voluntario e que non fose aboada.
Artigo 9.º .-Infraccións e sancións
Para a cualificación de infraccións e sancións por incumprimentos relativos á presente ordenanza estarase ó disposto nos artigos 77-89 da LGT, e demais concordantes.
Disposición final
A modificación da presente ordenanza entrará en vigor desde a data da súa publicación íntegra no BOP, logo da súa aprobación definitiva.