Irixoa - ORDENANZA FISCAL N.º 12, DA TAXA DO SUBMINISTRO MUNICIPAL DOMICILIARIO DE AUGA POTABLE
Artigo 1º. Fundamento e natureza.
Establécese a presente taxa pública en base á seguinte normativa aplicable:
- Artigos 133.2 e 142 da Constitución Española de 1978.
- Artigos 2.2.l e 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local.
- Artigos 15-19, 20.4.t, 57 e demais concordantes do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, do texto refundido da lei reguladora das facendas locais.
Artigo 2º. Feito impoñible.
O feito impoñible realízase mediante a prestación do servizo de subministro domiciliario de auga potable, con independencia de que sexa ou non utilizado polo usuario. O servizo poderá prestarse de xeito directo ou indirecto.
Artigo 3º. Suxeitos pasivos.
1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas, físicas, xurídicas ou entidades do artigo 33 LGT, que sexan usuarias deste servizo, ou que resulten especificamente beneficiadas por este.
2. Terán a consideración de suxeitos pasivos substitutos dos contribuíntes o propietario de vivendas ou locais, os cales poderán repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios finais do servizo.
Artigo 4º. Responsables.
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas referidas nos artigos 38.2 e 39 da LGT.
2. Serán responsables subsidiarios os administradores de sociedades, síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concurso e entidades en xeral, nos supostos e co alcance previsto no artigo 40 da LGT.
Artigo 5º. Exencións, bonificacións e reducións.
Non se contempla ningún tipo de exención, redución nin bonificación ordinaria; por motivos extraordinarios xustificados establécense as seguintes bonificacións:
5.1. No caso de funcionamento anormal do servizo por un tempo superior a 48 horas continuadas; neste caso reduciranse, segundo a gravidade da anormalidade, as cotas ata nun 10% por cada episodio.
5.2. Cando o consumo de augas nunha lectura sexa claramente excesivo e provocado por unha causa involuntaria ou accidental, regularase a medición para a correspondente liquidación da taxa do seguinte xeito:
a) Cando haxa un rexistro histórico de lecturas de consumo, igual ou superior a 2 medicións, farase unha media de tales lecturas anteriores e incrementarase o resultado nun 20%.
b) Cando unicamente haxa unha soa lectura previa no histórico farase un cálculo proporcional entre o período contratado e/ou efectivo de uso realizado, o consumo rexistrado e o que correspondería no período legal semestral, incrementándose o resultado nun 10%.
5.3. Establécense as seguintes bonificacións respecto os gastos derivados deste servizo, por razón de emerxencia social:
* Poderase obter unha bonificación do prezo do servizo fixado polo Concello para aquelas persoas ou unidades familiares que por circunstancias sociais, económicas, laborais etc, se atopen en situación que imposibilite o seu pago.
* Esta bonificación terá carácter puntual e concederase para cada unha das facturas de forma concreta e individual.
* A concesión desta bonificación farase mediante procedemento iniciado a solicitude do beneficiario ou a instancia de parte do Departamento de Servizos Sociais do Concello de Irixoa cando sexan coñecedores dunha situación destas características.
* Para o trámite e concesión desta axuda solicitaráselle o beneficiario os documentos acreditativos da súa situación económica e social que se consideren pertinentes, así coma os dos membros da unidade familiar.
En todo caso deberán presentar:
Solicitude xeral
Certificado de padrón colectivo.
DNI de todos os membros da unidade familiar.
Xustificación dos ingresos da unidade familiar.
Todos aqueles documentos xustificativos da situación que sexan requiridos polo Departamento de Servizos Sociais.
En todo caso será criterio indispensable estar empadroado no Concello de Irixoa cunha antigüidade mínimo dun ano e contar con residencia efectiva no mesmo sendo no domicilio polo que se solicita a bonificación.
En ningún caso a concesión dunha bonificación puntual dará dereito a concesións futuras.
O trámite da citada bonificación farase mediante procedemento tramitado no Departamento de Servizos Socias e informe técnico que terá carácter preceptivo e vinculante e será positivo ou negativo.
Existirá tamén a opción de condonación de débeda naqueles casos nos que producíndose un falecemento os herdeiros/as se atopen en imposible situación de facerse cargo da débeda existente, cando o debedor orixinario se encontrara en situación similar. O proceso de trámite e concesión terá o mesmo procedemento que o establecido para a bonificación dun pago.
Artigo 6º. Cota tributaria.
A presente taxa determinará a súa cota mediante o seguinte cadro:
1. Tramo de consumo ata 150 m3/semestre, agás explotacións agropecuarias (funciona como mínimo de liquidación):
a) Vivendas: 40,00 euros.
b) Resto de locais e explotacións: 45,00 euros.
2. Tramo de consumo ata 500 m3/semestre en explotacións agropecuarias (funciona como mínimo de liquidación): 70,00 euros.
3. Tramo de consumo que excede o mínimo de liquidación (150 e 500 m3/semestre, para usuarios en xeral e explotacións agropecuarias respectivamente, en adiante):
a) Vivendas ou explotacións agropecuarias: 0,6 euros/m3.
b) Resto de locais e explotacións: 0,7 euros/m3.
4. Cota de conexión: 30,00 euros.
5. Traballos de enganche (segundo tramo e cando os realice o concello): 600 euros ata 50 m, 750 € entre 50 e 75 m e 900 € entre 75 e 100 ml; para enganches de máis de 100 ml farase un estudo específico e comunicarase un presuposto previo aos efectos de posible aceptación.
6. Cota de baixa: 100,00 euros.
En caso de coincidencia de varios usos no mesmo local ou edificio computarase como uso o de tarifa máis alta.
Sobre estas taxas aplicaranse os correspondentes tributos obrigatorios de consumo: IVE, etc. Estas tarifas serán obxecto de actualización, en incremento o decrecemento, cando o IPC acumulado de varios anos iguale ou supere o 3 %; non obstante, esta actualización seguirá o procedemento establecido legalmente.
7. O canon autonómico terá unha normativa e xestión separada, aínda que a recadación sexa conxunta coa taxa municipal.
8. As entidades protectoras de animais que teñan un convenio de colaboración co concello terán a mesma consideración que as explotacións agropecuarias aos efectos de tributación.
En caso de coincidencia de varios usos no mesmo local ou edificio computarase como uso o de tarifa máis alta.
Sobre estas taxas aplicaranse os correspondentes tributos obrigatorios de consumo: IVE, etc. Estas tarifas serán obxecto de actualización, en incremento o decrecemento, cando o IPC acumulado de varios anos iguale ou supere o 3 %; non obstante, esta actualización seguirá o procedemento establecido legalmente.
Artigo 7º. Período impositivo e devengo.
1. O período impositivo no caso de liquidación de consumo será o semestre natural, devengándose o ultimo día deste. No caso de altas e baixas o devengo será cando se acorden administrativamente estas.
2. A taxa mínima semestral ten un carácter de irredutible, polo que non se poderán facer prorrateos, aínda no caso de alta ou baixa no servizo que supoñan un tempo sen uso deste.
3. A alta no servizo do abastecemento domiciliario supón a correlativa inclusión no padrón fiscal da taxa, con independencia do seu uso ou non.
4. A baixa no servizo, e polo tanto no padrón fiscal, só se poderá adoptar cando quede plenamente garantida a imposibilidade de utilización do servizo.
Artigo 8º. Liquidación e recadación.
1. O período voluntario de cobranza será de dous meses dende a data de posta ó cobro dos recibos, a cal deberá publicarse convenientemente, sen prexuízo da comunicación por correo cando fose posible. En caso de dúbida o período voluntario empezará a contarse no primeiro día do 2.º mes seguinte ó do período de liquidación. No caso de altas e baixas a recadación será por ingreso directo trala aprobación da liquidación.
2. A débeda será esixida polo procedemento de constrinximento unha vez rematado o período voluntario e que non fose aboada.
Artigo 9º. Infraccións e sancións.
Para a cualificación de infraccións e sancións por incumprimentos relativos á presente ordenanza estarase ó disposto nos artigos 77-89 da LGT, e demais concordantes.
DISPOSICIÓN FINAL
A modificación da presente ordenanza, aprobada por acordo plenario do 25-8-2023, entrará en vigor dende o día seguinte da data da súa publicación íntegra no BOP, aplicándose con eficacia a partir do 1-1-2024.