Irixoa - ORDENANZA FISCAL Nº 4 DA TAXA POLA CONCESIÓN DE LIZENZAS URBANÍSTICAS

Publicación provisional: 29/11/1989 BOP Nº: 00
Publicación definitiva: 29/11/1989 BOP Nº: 00
Aplicable dende: 01/01/2013

Artigo 1º-Fundamento e natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, do Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais,, este concello establece a ¿taxa por licenzas urbanísticas", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao prevido no artigo 57 do citado texto refundido.

Artigo 2º-Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar se os actos de edificación e uso do solo a que se refire o artigo 194 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística de Galicia e Protección do Medio Rural de Galicia, e que teñan que realizarse no termo municipal, axústanse as normas urbanísticas, de edificación e policía previstas na normativa urbanística, incluído o plan xeral de ordenación municipal deste concello.

2. Non estarán suxeitas a esta taxa as obras de mero ornato, conservación e reparación que se realicen no interior das vivendas,

Artigo 3º-Suxeito pasivo

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35 da Lei Xeral Tributaria, que sexan propietarios dos inmobles nos que se realicen as construccións ou instalacións ou se executen as obras,

2. En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte os constructores e contratistas das obras.

Artigo 4º-Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das Sociedades e dos síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que se sinala no artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 4º-Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das Sociedades e dos síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que se sinala no artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5º-Base impoñible

1. Constitúe a base impoñible da taxa: o custo real da obra, construción ou instalación suxeita a licenza. Fundamentalmente serán obxecto de licenza as seguintes obras ou actividades:

Actos suxeitos a licenza Base obxecto de gravame

SERVIZOS URBANÍSTICOS..........................................NÚMERO DE SERVIZOS

OBRAS DE NOVA PRANTA...........................................SUPERFICIE EXPRESADA EN M2

OBRAS DE REFORMA OU RECONSTRUCIÓN.................SUPERFICIE EN M2

OBRAS DE DEMOLICIÓN.............................................SUPERFICIE EN M2

INSTALACIÓNS EN XERAL............................................POTENCIA DOS APARATOS OU

NÚMERO DOS MESMOS

OBRAS DE PARTICULARES NA VÍA PÚBLICA..................ML. M2. UDS.

PECHES DE FINCAS....................................................LONXITUDE EN ML.

POZOS PARA A CAPTACIÓN DE AUGA............................UD.

Artigo 6º.- Cota tributaria.

As cotas tributarias son as seguintes:

1º. Licenzas de obras ordinarias (nova planta, reforma, reconstrucción, demolición, cerramentos, pozos, escavación, etc.):

1. Menor con tramitación íntegra no concello: cota fixa de 20 € e ademais unha cota variable do 0,2 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta).

2. Maior con presentación inicial de proxecto de execución e tramitación íntegra no concello: cota fixa de 25 € e ademais unha cota variable do 0,2 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta).

3. Maior con presentación inicial de proxecto básico e tramitación íntegra no concello: cota fixa de 30 € e ademais unha cota variable do 0,2 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta); a taxa cubre a tramitación da conformidade municipal posterior ao proxecto de execución).

4. Con trámite de informe ou autorización de fóra do concello: cota fixa de 50 € e ademais unha cota variable do 0,4 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 2 € non será tida en conta).

2º. Licenzas de primeira ocupación: cota fixa de 10 € e cota variable do 0,05 % do orzamento de execución material da obra (proxecto ou comprobado); se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta.

3º. Autorización de segregación de terreos:

1. Por unidade de operación, aínda que comporte varias fincas e varios actos xurídicos: 10 euros.

Artigo 7º-Exencións e bonificacións

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da taxa.

Artigo 8º-Devengo

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se empece a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. A estes efectos, entenderase comezada dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza urbanística, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.

2. Cando as obras fosen comezadas ou executadas sen obter primeiramente a oportuna licenza, a Taxa devengarase cando se comece efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non autorizábel, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para a autorización desas obras ou a súa demolición se non fosen autorizábeis.

3. A obriga de contribuír, unha vez nada, non se verá afectada en modo ningún pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación do proxecto presentado, nin pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida a licenza.

Artigo 9º-Normas de xestión

1. DOCUMENTACIÓN:

1.1. As persoas interesadas na obtención dunha licenza de obras presentarán, previamente, no rexistro xeral, a oportuna solicitude, acompañada do certificado visado polo colexio oficial respectivo, con especificación detallada da natureza da obra e lugar de emprazamento, na que se faga constar o importe estimado da obra, medicións e o destino do edificio. Os interesados na obtención dunha licenza de obras de nova planta destinada a usos agrícolas, gandeiros ou industriais deberán acreditar con documentación idónea, licenza fiscal, alta na Seguridade Social, o destino do uso referido, etc.

1.2. Cando se trate de licenza para aqueles actos nos que non sexa esixible a formulación do proxecto subscrito por técnico competente, á solicitude acompañarase un presuposto das obras a realizar, así como unha descrición detallada da superficie afectada, número de departamentos, materiais a empregar e , en xeral, das características da obra ou acto cuxos datos permitan comprobar o custo de aqueles. En todo caso esixirase proxecto técnico visado polo colexio oficial, cando se trate de obras de nova planta destinadas a vivenda ou a outro tipo de construción que conleve estrutura e aumento de volume.

1.3. Se despois de formulada a solicitude de licenza se modificase ou ampliase o proxecto deberá pórse en coñecemento da administración municipal, acompañando o novo presuposto ou o reformado e, no seu caso, planos e memorias de modificación ou ampliación.

2. TRAMITACIÓN:

2.1. Unha vez rexistrada a solicitude de licenza requirirase que informe o técnico municipal e o secretario-interventor do concello.

2.2. A Xunta de Goberno adoptará a resolución que proceda en canto ao outorgamento da licenza solicitada, e procederá a aprobar a liquidación dos dereitos ou taxas correspondentes.

2.4. Notificarase ao interesado o outorgamento da licenza ou, no seu caso, a denegación e a liquidación correspondente na forma legalmente establecida; esixirase ao interesado que comunique nas oficinas municipais o reformulo da obra, así como a finalización da mesma.

Artigo 10º-Liquidación e ingreso

1. As cotas correspondentes á presente ordenanza satisfaranse en efectivo na Tesourería municipal.

2. Unha vez outorgada a licenza notificarase ao interesado, quen deberá satisfacer o importe dos dereitos no prazo de 15 días seguintes á notificación.

3. As cotas liquidadas e non satisfeitas dentro do período voluntario e a súa prórroga, faranse efectivas pola vía de prema, de acordo co vixente Regulamento Xeral de Recadación.

4. Notificaranse as liquidacións aos suxeitos pasivos con expresión dos requisitos previstos na lexislación vixente.

Artigo 11º-Caducidade e duración das licenzas

1. En tanto non recaia acordo municipal sobre concesión de licenza, os interesados poderán renunciar expresamente á mesma.

2. Consideraranse caducadas as licenzas se despois de concedidas transcorren máis de 6 meses sen ter comezada as obras, ou cando unha vez comezadas fosen interrompidas durante o expresado prazo, salvo en casos de forza maior, na que deberá ser alegada polo titular da licenza antes que expire o prazo antedito para a súa resolución posterior polo organismo concedente.

3. Todas as obras que requiran proxecto técnico deberán especificar o prazo de execución material das mesmos. No caso de que por causa plenamente xustificada non se comezase ou, no seu caso, rematase a obra para a cal se concedeu a licenza nos prazos establecidos, o titular da mesma, para evitar que esta caduque ou quede sen valor e efecto ningún, deberá anticipadamente solicitar e obter prórroga regulamentaria. As prórrogas que se concedan levarán fixado o prazo de vixencia correspondente.

Artigo 12º-Infraccións e sancións

I. Constitúen casos especiais de infracción, cualificados de:

a) Simple infracción:

Non solicitar a necesaria licenza para a realización das obras, sen prexuízo da calificación que proceda por defraudación.

Non ter a disposición do axente municipal os seguintes documentos: as licenzas ou cartas de pago ou fotocopia das anteriores, únicos xustificantes válidos de estar en posesión da licenza de obras.

b) Omisión:

O non dar conta á administración municipal do maior valor das obras realizadas, ou das modificacións das mesmas ou do seu presuposto, agás que polas circunstancias concorrentes deba cualificarse de defraudación.

c) Defraudación:

A realización de obras sen licenza municipal.

A falsidade da declaración en extremos esenciais para a determinación da base do gravame.

II. En todo o relativo á calificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 191-206 e concordantes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal, aprobada orixinariamente por acordo plenario do 7-9-1989, modificado por acordo do 29-10-2004, do 28-12-2007 e na presente modificación por acordo plenario do 31-10-2012, entrará en vigor e será de plena aplicación, en canto a tal modificación, con data do 1-1-2013, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.