Irixoa - ORDENANZA FISCAL Nº 4 DA TAXA POLA CONCESIÓN DE LIZENZAS URBANÍSTICAS

Publicación provisional: 29/11/1989 BOP Nº: 00
Publicación definitiva: 29/11/1989 BOP Nº: 00
Aplicable dende: 30/12/2015

Artigo 1º. Fundamento e natureza

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985 de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do Real Decreto Lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, do Texto Refundido da Lei reguladora das Facendas Locais,, este concello establece a taxa ¿pola tramitación de licenzas, comunicacións previas e declaracións responsables urbanísticas" que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao prevido no artigo 57 do citado texto refundido.

Artigo 2º. Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal, técnica e administrativa, tendente a verificar se os actos de edificación e uso do solo a que se refire o artigo 194 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de Ordenación Urbanística de Galicia e Protección do Medio Rural de Galicia, e que teñan que realizarse no termo municipal, axústanse as normas urbanísticas, de edificación e policía previstas na normativa urbanística, incluído o plan xeral de ordenación municipal deste concello.

2. Non estarán suxeitas a esta taxa as obras de mero ornato, conservación e reparación que se realicen no interior das vivendas.

Artigo 3º. Suxeito pasivo

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 35 da Lei Xeral Tributaria, que sexan propietarios dos inmobles nos que se realicen as construcións ou instalacións ou se executen as obras.

2. En todo caso, terán a condición de substitutos do contribuínte os construtores e contratistas das obras.

Artigo 4º. Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 42 da Lei Xeral Tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das Sociedades e dos síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que se sinala no artigo 43 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5º. Base impoñible

1. Constitúe a base impoñible da taxa: o custo real da obra, construción ou instalación suxeita a licenza, comunicación previa e declaración responsable. Serán aplicables os prezos mínimos aprobados polo concello para a xestión na tributación no ICIO (ordenanza fiscal nº 15). No caso de dúbida ou discrepancia poderán ser utilizados para determinar a base impoñible da taxa os seguintes parámetros do expediente: nº de servizos, m2 de superficie, metros lineais, potencia instalada, unidades e outros adecuados.

Artigo 6º. Cota tributaria.

As cotas tributarias pola tramitación de licenza, comunicacións previas e declaracións responsables urbanísticas son as seguintes:

1º. Obras ordinarias (nova planta, reforma, reconstrución, demolición, cerramentos, pozos, escavación, etc.):

A. Menor con tramitación íntegra no concello: cota fixa de 20 € e ademais unha cota variable do 0,2 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta).

B. Maior con presentación inicial de proxecto de execución e tramitación íntegra no concello: cota fixa de 25 € e ademais unha cota variable do 0,2 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta).

C. Maior con presentación inicial de proxecto básico e tramitación íntegra no concello: cota fixa de 30 € e ademais unha cota variable do 0,2 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta); a taxa cubre a tramitación da conformidade municipal posterior ao proxecto de execución).

D. Con trámite de informe ou autorización de fóra do concello: cota fixa de 30 € e ademais unha cota variable do 0,3 % do orzamento de execución material da obra (se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta).

As liquidacións deste apartado 1º terán unha cota adicional do 50% da cota principal nos supostos en que sexa necesario un replaneamento previo ou unha comprobación posterior da obra, instalación ou actividade, cun límite máximo de 50 €.

2º. Primeira ocupación: cota fixa de 10 € e cota variable do 0,05 % do orzamento de execución material da obra (proxecto ou comprobado); se esta cota variable é inferior a 1 € non será tida en conta.

3º. Segregación de terreos: por unidade de operación, aínda que comporte varias fincas e varios actos xurídicos: 15 euros no solo rústico e 10 euros no resto de solos.

Artigo 7º. Exencións e bonificacións

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da taxa.

Artigo 8º. Devengo

1. Devéngase a taxa e nace a obriga de contribuír cando se empece a actividade municipal que constitúe o seu feito impoñible. A estes efectos, entenderase comezada dita actividade na data de presentación da oportuna solicitude da licenza urbanística, comunicación previa ou declaración responsable, se o suxeito pasivo formulase expresamente esta.

2. Cando as obras fosen comezadas ou executadas sen obter primeiramente a oportuna licenza, ou sen comunicar ou declarar as mesmas ao concello, a taxa devengarase cando se comece efectivamente a actividade municipal conducente a determinar se a obra en cuestión é ou non autorizable, con independencia da iniciación do expediente administrativo que poida instruírse para a autorización desas obras ou a súa demolición por razón de non ser autorizables.

3. A obriga de contribuír, unha vez nada, non se verá afectada en modo ningún pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación do proxecto presentado, nin pola renuncia ou desestimento do solicitante unha vez concedida a licenza.

Artigo 9º. Normas de xestión

1. DOCUMENTACIÓN:

As persoas obrigadas ao control urbanístico municipal da obra, instalación ou construción que se promove, presentarán previamente no rexistro xeral a documentación establecida na normativa urbanística.

2. TRAMITACIÓN:

A tramitación dos expedientes será a sinalada na normativa urbanística aplicable.

Artigo 10º. Liquidación e ingreso

1. As cotas correspondentes á presente ordenanza satisfaranse en efectivo na Tesourería municipal.

2. As liquidacións pola obtención de licenzas urbanísticas aprobaranse co acordo de outorgamento.

3. As liquidacións das cotas por comunicación previa ou declaración responsable aprobaranse co acto de conformidade ou desconformidade municipal.

4. Notificaranse as liquidacións aos suxeitos pasivos con expresión dos requisitos previstos na lexislación vixente; as liquidacións non satisfeitas dentro do período voluntario, e a súa prórroga no seu caso, faranse efectivas pola vía de prema, de acordo co vixente Regulamento Xeral de Recadación.

Artigo 11º. Caducidade e duración das licenzas

1. En tanto non recaia acordo municipal sobre concesión de licenza ou conformidade municipal coas obras comunicadas ou declaradas, os interesados poderán renunciar expresamente ás mesmas.

2. Consideraranse caducadas as licenzas nos supostos e polo transcurso do tempo previsto na normativa urbanística.

3. Todas as obras que requiran proxecto técnico deberán especificar o prazo de execución material das mesmos.

Artigo 12º. Infraccións e sancións

1. Constitúen casos especiais de infracción, cualificados de:

a) Simple infracción:

- Non solicitar a necesaria licenza, non presentar a comunicación previa ou declaración responsable para a realización das obras, sen prexuízo da calificación que proceda por defraudación.

- Non ter a disposición do axente municipal a documentación acreditativa da regularidade das obras ou instalacións promovidas.

b) Omisión:

O non dar conta á administración municipal do maior valor das obras realizadas, ou das modificacións das mesmas ou do seu presuposto, agás que polas circunstancias concorrentes deba cualificarse de defraudación.

c) Defraudación:

A realización de obras sen obter licenza municipal, presentar a comunicación previa ou declaración responsable, segundo os casos.

A falsidade da declaración en extremos esenciais para a determinación da base do gravame.

2. En todo o relativo á calificación de infraccións tributarias, así como cuantificación das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 191-206 e concordantes da Lei Xeral Tributaria.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal, aprobada orixinariamente por acordo plenario do 7-9-1989, modificado por acordo do 29-10-2004, do 28-12-2007, 31-10-2012 e na presente modificación por acordo plenario do 4-11-2015, entrará en vigor e será de plena aplicación, en canto a tal modificación, con data do día seguinte ao da súa publicación no BOP, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.