Baña A - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACION DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR

Publicación provisional: 17/08/2010 BOP Nº: 156
Publicación definitiva: 15/10/2010 BOP Nº: 197
Aplicable dende: 13/03/2014

Artigo 1. Obxecto

Este concello establece a taxa polo servizo de axuda no fogar especificado nas tarifas comprendidas no artigo 4º que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, de conformidade co disposto no artigo 20 do RDL 2/2004, do 5 de marzo; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia; e na Orde do 22 de xaneiro de 2009, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.

Artigo 2. Persoas obrigadas ao pagamento

Están obrigadas a pagar a taxa regulada nesta ordenanza as persoas físicas beneficiarias do servizo de axuda a domicilio que presta este concello, nos termos e nas condicións establecidos na ordenanza reguladora deste. Estas persoas teñen a consideración de suxeitos pasivos da taxa. A prestación deste servizo constitúe o feito impoñible desta taxa.

Para determinar a capacidade económica das persoas usuarias do servizo estarase ao disposto na Ordenanza municipal do servizo de axuda no fogar do Concello da Baña.

Artigo 3. Base impoñible e cota tributaria

A base impoñible desta taxa está constituída polas horas que a persoa usuaria utilice o servizo:

a) No caso de que a persoa acceda ao servizo a través do sistema de dependencia, a cantidade que debe aboar a persoa usuaria será a resultante de aplicarlle á capacidade económica da persoa a porcentaxe establecida para cada grao e nivel de dependencia, segundo o cadro establecido no artigo 17 da ordenanza reguladora que vén determinado no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.

b) No caso de que a persoa acceda ao servizo pola modalidade de libre concorrencia, tras calcular a capacidade económica da persoa, aplicaránselle ao custo do servizo as porcentaxe establecidas no artigo 4 desta ordenanza

Para aplicar as tarifas do artigo 4 seguinte, establécese o prezo de hora por prestación de servizo en 13,75 €, revisable anualmente segundo o índice anual de prezos ao consumo.

A cota tributaria establécese aplicándolle ao prezo unitario por hora establecido no parágrafo anterior os coeficientes fixados no artigo seguinte, en función da capacidade económica da persoa beneficiaria.

Artigo 4. Contía

A contía da taxa regulada será a fixada nas tarifas contidas no artigo 18 da Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar do Concello da Baña, que se reproducen a continuación:

Capacidade económica

Participación no custo do servizo de SAF básico

Menor de 0,80 do IPREM

0%

Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,50 do IPREM

20%

Maior de 1,50 e menor ou igual a 2,00 do IPREM

25%

Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 do IPREM

40%

Maior de 2,50 do IPREM

90%

Así mesmo, serán aplicables as porcentaxes establecidas no artigo 17 da mesma norma para persoas dependentes con dereito de atención recoñecido como usuarias do servizo de axuda no fogar.

Artigo 5. Normas de xestión

a) As persoas interesadas na prestación do servizo ao que se refire esta ordenanza deberán presentar no Departamento de Servizos Sociais do Concello a solicitude segundo o establecido na Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar.

b) As cantidades esixibles de acordo coa tarifa liquidaranse polo servizo prestado, e cobraranse as horas efectivamente prestadas por períodos mensuais.

Disposición final

Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorran 15 días tras a súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, tal como se establece nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (BOE núm. 80 do 3 de abril de 1985).