Baña A - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACION DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR
Artigo 1. Obxecto
Este concello establece a taxa polo servizo de axuda no fogar especificado nas tarifas comprendidas no artigo 4º que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, de conformidade co disposto no artigo 20 do RDL 2/2004, do 5 de marzo; na Lei 5/1997, do 22 de xullo, da Administración local de Galicia; e na Orde do 22 de xaneiro de 2009, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia.
Artigo 2. Persoas obrigadas ao pagamento
Están obrigadas a pagar a taxa regulada nesta ordenanza as persoas físicas beneficiarias do servizo de axuda a domicilio que presta este concello, nos termos e nas condicións establecidos na ordenanza reguladora deste. Estas persoas teñen a consideración de suxeitos pasivos da taxa. A prestación deste servizo constitúe o feito impoñible desta taxa.
Para determinar a capacidade económica das persoas usuarias do servizo estarase ao disposto na Ordenanza municipal do servizo de axuda no fogar do Concello da Baña.
Artigo 3. Base impoñible e cota tributaria
A base impoñible desta taxa está constituída polas horas que a persoa usuaria utilice o servizo:
a) No caso de que a persoa acceda ao servizo a través do sistema de dependencia, a cantidade que debe aboar a persoa usuaria será a resultante de aplicarlle á capacidade económica da persoa a porcentaxe establecida para cada grao e nivel de dependencia, segundo o cadro establecido no artigo 17 da ordenanza reguladora que vén determinado no Decreto 149/2013, do 5 de setembro, polo que se define a carteira de servizos sociais para a promoción da autonomía persoal e a atención ás persoas en situación de dependencia e se determina o sistema de participación das persoas usuarias no financiamento do seu custo.
b) No caso de que a persoa acceda ao servizo pola modalidade de libre concorrencia, tras calcular a capacidade económica da persoa, aplicaránselle ao custo do servizo as porcentaxe establecidas no artigo 4 desta ordenanza
Para aplicar as tarifas do artigo 4 seguinte, establécese o prezo de hora por prestación de servizo en 13,75 €, revisable anualmente segundo o índice anual de prezos ao consumo.
A cota tributaria establécese aplicándolle ao prezo unitario por hora establecido no parágrafo anterior os coeficientes fixados no artigo seguinte, en función da capacidade económica da persoa beneficiaria.
Artigo 4. Contía
Prezo hora/ano 2021¿...15,04 €
A contía da taxa regulada será a fixada nas tarifas contidas no artigo 18 da Ordenanza Reguladora do Servizo de Axuda no Fogar do Concello da Baña, que se reproducen a continuación:
Capacidade económica | Participación no custo do servizo de SAF básico |
Menor de 0,80% do IPREM | 0% |
Maior de 0,80 e menor ou igual a 1,50 do IPREM | 20% |
Maior de 1,50 e menor ou igual a 2,00 do IPREM | 25% |
Maior de 2,00 e menor ou igual a 2,50 do IPREM | 40% |
Maior de 2,50 do IPREM | 90% |
Artigo 5. Normas de xestión
a) As persoas interesadas na prestación do servizo ao que se refire esta ordenanza deberán presentar no Departamento de Servizos Sociais do Concello a solicitude segundo o establecido na Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar.
b) As cantidades esixibles de acordo coa tarifa liquidaranse polo servizo prestado, e cobraranse as horas efectivamente prestadas por períodos mensuais.
Disposición final
Esta ordenanza entrará en vigor unha vez que transcorran 15 días tras a súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia da Coruña, tal como se establece nos artigos 65.2 e 70.2 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (BOE núm. 80 do 3 de abril de 1985).