Mugardos - ORDENANZA FISCAL NÚM. 6 REGULADORA DA TAXA POLO SERVIZO DE RECOLIDA DO LIXO

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 22/05/2015 BOP Nº: 95
Aplicable dende: 25/05/2015

ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E RÉXIME.

En uso das facultades concedidas polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRLRHL), este Concello establece a taxa polo servizo de recollida de lixos, que se rexerá por esta ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao establecido no artigo 57 do TRLRHL.

ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE.

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo de recepción obrigatoria de recollida de lixos domiciliarios e residuos sólidos urbanos de vivendas, aloxamentos e locais ou establecementos onde se exerzan actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas ou de servizos.

Non está suxeita á taxa a prestación, de carácter voluntario e a instancia de parte, dos seguintes servizos:

a) Recollida de lixos e residuos non cualificados de domiciliarios e urbanos de industrias, hospitais e laboratorios.

b) Recollida de escorias e cinzas de calefaccións centrais.

c) Recollida de cascallos de obras.

ARTIGO 3.-SUXEITO PASIVO.

Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas, ou as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, que ocupen ou utilicen as vivendas e locais situados nos lugares, prazas, rúas ou vías públicas en que se preste o servizo, xa sexa a título de propietario, usufructuario, arrendatario, habitacionista ou ata precario.

Son suxeitos pasivos substitutos do contribuínte os propietarios das vivendas e locais, quen poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os beneficiarios do servizo.

ARTIGO 4.-COTA TRIBUTARIA.

1. A cota tributaria consistirá nunha cantidade fixa, por unidade de local, que se determinará en función da natureza e destino dos inmobles e da súa situación.

A estes efectos aplicarase a seguinte tarifa:

CONCEPTO

IMPORTE (€/TRIMESTRE)

Vivendas no centro urbano

23,16

Vivendas fose do centro urbano

14,53

Establecementos comerciais e industriais no centro urbano

46,08

Establecementos comerciais e industriais fose do centro urbano

40,10

Estas tarifas actualizaranse anualmente segundo o índice de prezos ao consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística no mes de decembro.

2. Gozarán de exención aqueles contribuintes cuxa unidade familiar perciba ingresos mensuais, por todos os conceptos, inferiores ou iguales ao 120% do IPREM.

3. Gozarán dunha bonificación do 25% aqueles contribuintes que cumpran os requisitos da táboa anexa:

N.º DE MEMBROS DA UNIDADE FAMILIAR

INGRESOS MENSUAIS POR TODOS OS CONCEPTOS (€)

Dúas persoas

≥ 120% IPREM + 60 €

Tres persoas

≥ 120% IPREM + 60 € / 120% IPREM + 120 €

Catro persoas

≥ 120% IPREM + 120 € / 120% IPREM + 180 €

Cinco persoas

≥ 120% IPREM + 180 € / 120% IPREM + 240 €

Seis persoas

≥ 120% IPREM + 240 € / 120% IPREM + 300 €

Sete persoas

≥ 120% IPREM + 300 € / 120% IPREM + 360 €

Oito persoas

≥ 120% IPREM + 360 € / 120% IPREM + 420 €

Nove persoas

≥ 120% IPREM + 420 € / 120% IPREM + 480 €

A base impoñible virá determinada polos ingresos de todos os membros da unidade familiar divididos entre doce. A estos efectos teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral (casilla correspondente da declaración) coa base impoñible do aforro (casilla correspondente da declaración), do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Para o previsto nestas bases considérase que compoñen a unidade familiar:

- Os país/nais non separados legalmente e, no seu caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor.

- Os fillos/as menores de idade, con excepción dos emancipados.

- Os fillos/as maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

- Os fillos/as solteiros/as menores de vintecinco anos e que convivan no domicilio familiar a 31 de decembro do ano inmediato anterior a aquel no que comeza o curso escolar para o que se solicita o servizo sempre que non tiveran un contrato de traballo ou percibiran recursos (agás bolsas) durante o ano anterior.

- Cando non exista vínculo matrimonial a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos dos pais que convivan con eles e que reúnan os requisitos do apartado anterior.

- No caso de separación ou divorcio, non se considerará membro da unidade familiar aquel que non conviva co solicitante do servizo. En cambio, si terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou persoa unida ao pai/nai e que si conviva co solicitante. A separación ou divorcio acreditarase mediante sentenza xudicial que determine a mesma, ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.

- No caso de familias monoparentais (segundo artigo 13 da Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), e para os efectos do cálculo da renda per cápita, ao que se refire o parágrafo anterior, incrementaranse nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicarlles ós datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

Calquera indicio de cambio non declarado, distorsión ou falseamento da situación socioeconómica reflectida na solicitude, poderá dar lugar a que se inicie de oficio un expediente de comprobación dos datos referidos. Coa apertura deste expediente nomearase instrutor/a e secretario/a que elaborarán un informe que será obxecto de análise por parte da comisión de baremación, coordinación e seguimento. Poderase requirir ao/a solicitante os documentos que se consideren precisos para a resolución do expediente.

Aqueles solicitantes que non acheguen a documentación requirida para a determinación da súa capacidade económica, no prazo de subsanación correspondente, non gozarán de exención nin bonificación algunha. Este parágrafo non será de aplicación aos solicitantes en situación de emerxencia social ou con informe técnico no que se acredite que se trata de familias con problemas de integración social, en risco de exclusión, desestructuración familiar, con inicio de expediente en menores ou de intervención familiar.

4. Serán requisitos imprescindibles para poder gozar das exencións ou bonificación recollidas nos parágrafos anteriores:

- Estar empadronado no Concello de Mugardos.

- Que a propiedade pola que se solicita o beneficio fiscal sexa a vivenda habitual.

5. Aos efectos de valorar as solicitudes de exencións e bonificacións presentadas constituirase unha comisión de baremación, coordinación e seguimento que aplicará o disposto no parágrafo anterior e propoñerá a contía a aboar ou exención a aplicar en cada caso. Dita comisión estará composta por:

Presidente/a: o alcalde o u concelleiro/a en quen delegue.

Secretario/a: o da corporación ou funcionario/a en quen delegue (con voz e sen voto).

Vogais: un traballador/a do departamento de benestar social.

A interventora do Concello ou funcionario/a en quen delegue.

As solicitudes presentaránse dentro do prazo que se estableza a tal efecto mediante convocatoria pública. Entregaranse no rexistro xeral do Concello, no modelo facilitado ao efecto e achegando a documentación necesaria para verificar que se cumpren as condicións. A comisión poderá propor a concesión dos beneficios fóra dos prazos establecidos cando se acredite un cambio na situación económica, supoñendo dito cambio o cumprimento dos requisitos establecidos na presente ordenanza.

Dita comisión efectuará a proposta inicial de cualificación, correspondendo a resolución ao/á Sr./Sra. alcalde/alcaldesa. Esta resolución expoñerase no taboleiro de anuncios do Concello.

Os/as solicitantes que o desexen poderán efectuar as reclamacións debidamente documentadas que estimen oportunas no prazo de 10 días naturais, contados dende a data de publicación da relación provisional, ao abeiro do estabelecido na sobredita Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.

ARTIGO 5.-DEVEÑO.

A obrigación de contribuír nace no momento en que se inicie a prestación do servizo, entendéndose iniciada, dada a recepción obrigatoria do mesmo, cando estea establecido e en funcionamento o servizo nas rúas ou lugares onde estean as vivendas ou locais.

O deveño prodúcese o primeiro día de cada trimestre natural. Salvo nos casos de alta en que o deveño producirase o día do alta. As cotas son irreducibles.

ARTIGO 6.-XESTIÓN.

Os suxeitos pasivos están obrigados a presentar declaración de alta no padrón nos trinta días seguintes ao primeiro deveño da taxa, ingresando, ao mesmo tempo, a cota correspondente.

Así mesmo deberán comunicar calquera variación nos datos. As variacións fornecerán efectos no período de cobranza seguinte.

O cobro efectúase trimestralmente mediante recibo derivado do padrón.

ARTIGO 8.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como á determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na LGT e nas disposicións que a complementan e desenvolven.

DISPOSICIÓN DERRADEIRA

Esta ordenanza entrará en vigor a partir da publicación do seu texto íntegro non Boletín Oficial da Provincia, será de aplicación a partir do día seguinte ao da súa publicación e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.