Mugardos - ORDENANZA FISCAL N.º 7, REGULADORA da taxa polo subministro de auga
ARTIGO 1.-FUNDAMENTO E RÉXIME.
En uso das facultades concedidas polo artigo 106 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 do texto refundido da Lei reguladora das facendas locais (TRLRHL), este Concello establece a taxa polo servizo de subministración de auga, que se rexerá por esta ordenanza fiscal, cuxas normas atenden ao establecido no artigo 57 do TRLRHL.
ARTIGO 2.-FEITO IMPOÑIBLE.
Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade municipal desenvolvida con motivo da distribución de auga potable a domicilio e o enganche de liñas á rede.
ARTIGO 3.-SUXEITO PASIVO.
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas, ou as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, que soliciten ou resulten beneficiadas polos servizos a que se refire esta ordenanza.
Son suxeitos pasivos substitutos do contribuínte os propietarios das vivendas e locais, quen poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobre os beneficiarios do servizo.
ARTIGO 4.-COTA TRIBUTARIA.
1. A cota tributaria polo enganche de liñas á rede esixirase unha soa vez e consistirá nunha cantidade fixa de 21,67 € por cada vivenda ou local comercial.
A cota tributaria pola distribución de auga potable a domicilio será a que deriva da seguinte tarifa:
CONCEPTO | IMPORTE (€/TRIMESTRE) |
USOS DOMÉSTICOS | |
Cuota de mantemento do servizo | 0,00 |
Consumo de 1 a 30 m3 | 0.22 |
Consumo de 31 a 60 m3 | 0,39 |
Consumo de máis de 60 m3 | 0,71 |
USOS COMERCIAIS E INDUSTRIAIS | |
Cuota de mantemento do servizo | 0,00 |
Consumo de 1 a 30 m3 | 0,35 |
Consumo de 31 a 350 m3 | 0,39 |
Consumo de máis de 350 m3 | 0,72 |
Estas tarifas non inclúen o IVE correspondente.
Estas tarifas actualizaranse anualmente segundo o índice de prezos ao consumo publicado polo Instituto Nacional de Estatística no mes de decembro.
2. Gozarán de exención aqueles contribuintes cuxa unidade familiar perciba ingresos mensuais, por todos os conceptos, inferiores ou iguales ao 120% do IPREM.
3. Gozarán dunha bonificación do 25% aqueles contribuintes que cumpran os requisitos da táboa anexa:
N.º DE MEMBROS DA UNIDADE FAMILIAR | INGRESOS MENSUAIS POR TODOS OS CONCEPTOS (€) |
Dúas persoas | ≥ 120% IPREM + 60 € |
Tres persoas | ≥ 120% IPREM + 60 € / 120% IPREM + 120 € |
Catro persoas | ≥ 120% IPREM + 120 € / 120% IPREM + 180 € |
Cinco persoas | ≥ 120% IPREM + 180 € / 120% IPREM + 240 € |
Seis persoas | ≥ 120% IPREM + 240 € / 120% IPREM + 300 € |
Sete persoas | ≥ 120% IPREM + 300 € / 120% IPREM + 360 € |
Oito persoas | ≥ 120% IPREM + 360 € / 120% IPREM + 420 € |
Nove persoas | ≥ 120% IPREM + 420 € / 120% IPREM + 480 € |
A base impoñible virá determinada polos ingresos de todos os membros da unidade familiar divididos entre doce. A estos efectos teñen a consideración de ingresos a suma da base impoñible xeral (casilla correspondente da declaración) coa base impoñible do aforro (casilla correspondente da declaración), do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Para o previsto nestas bases considérase que compoñen a unidade familiar:
- Os país/nais non separados legalmente e, no seu caso, o titor ou persoa encargada da garda e protección do menor.
- Os fillos/as menores de idade, con excepción dos emancipados.
- Os fillos/as maiores de idade con discapacidade física, psíquica ou sensorial ou incapacitados xudicialmente, suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
- Os fillos/as solteiros/as menores de vintecinco anos e que convivan no domicilio familiar a 31 de decembro do ano inmediato anterior a aquel no que comeza o curso escolar para o que se solicita o servizo sempre que non tiveran un contrato de traballo ou percibiran recursos (agás bolsas) durante o ano anterior.
- Cando non exista vínculo matrimonial a unidade familiar entenderase constituída polo pai, a nai e todos os fillos dos pais que convivan con eles e que reúnan os requisitos do apartado anterior.
- No caso de separación ou divorcio, non se considerará membro da unidade familiar aquel que non conviva co solicitante do servizo. En cambio, si terá a consideración de membro computable o novo cónxuxe ou persoa unida ao pai/nai e que si conviva co solicitante. A separación ou divorcio acreditarase mediante sentenza xudicial que determine a mesma, ou convenio regulador onde conste a custodia do menor.
- No caso de familias monoparentais (segundo artigo 13 da Lei 3/2011, de 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia), e para os efectos do cálculo da renda per cápita, ao que se refire o parágrafo anterior, incrementaranse nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar.
Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicarlles ós datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Calquera indicio de cambio non declarado, distorsión ou falseamento da situación socioeconómica reflectida na solicitude, poderá dar lugar a que se inicie de oficio un expediente de comprobación dos datos referidos. Coa apertura deste expediente nomearase instrutor/a e secretario/a que elaborarán un informe que será obxecto de análise por parte da comisión de baremación, coordinación e seguimento. Poderase requirir ao/a solicitante os documentos que se consideren precisos para a resolución do expediente.
Aqueles solicitantes que non acheguen a documentación requirida para a determinación da súa capacidade económica, no prazo de subsanación correspondente, non gozarán de exención nin bonificación algunha. Este parágrafo non será de aplicación aos solicitantes en situación de emerxencia social ou con informe técnico no que se acredite que se trata de familias con problemas de integración social, en risco de exclusión, desestructuración familiar, con inicio de expediente en menores ou de intervención familiar.
4. Serán requisitos imprescindibles para poder gozar das exencións ou bonificación recollidas nos parágrafos anteriores:
- Estar empadronado no Concello de Mugardos.
- Que a propiedade pola que se solicita o beneficio fiscal sexa a vivenda habitual.
5. Aos efectos de valorar as solicitudes de exencións e bonificacións presentadas constituirase unha comisión de baremación, coordinación e seguimento que aplicará o disposto no parágrafo anterior e propoñerá a contía a aboar ou exención a aplicar en cada caso. Dita comisión estará composta por:
Presidente/a: o alcalde o u concelleiro/a en quen delegue.
Secretario/a: o da corporación ou funcionario/a en quen delegue (con voz e sen voto).
Vogais: un traballador/a do departamento de benestar social.
A interventora do Concello ou funcionario/a en quen delegue.
As solicitudes presentaránse dentro do prazo que se estableza a tal efecto mediante convocatoria pública. Entregaranse no rexistro xeral do Concello, no modelo facilitado ao efecto e achegando a documentación necesaria para verificar que se cumpren as condicións. A comisión poderá propor a concesión dos beneficios fóra dos prazos establecidos cando se acredite un cambio na situación económica, supoñendo dito cambio o cumprimento dos requisitos establecidos na presente ordenanza.
Dita comisión efectuará a proposta inicial de cualificación, correspondendo a resolución ao/á Sr./Sra. alcalde/alcaldesa. Esta resolución expoñerase no taboleiro de anuncios do Concello.
Os/as solicitantes que o desexen poderán efectuar as reclamacións debidamente documentadas que estimen oportunas no prazo de 10 días naturais, contados dende a data de publicación da relación provisional, ao abeiro do estabelecido na sobredita Lei 30/92 de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común. Estas reclamacións entenderanse resoltas coa publicación da lista definitiva.
Gozarán de exención as entidades sociais sen ánimo de lucro, ata o límite de 10 m3 mensuais, sempre que ese consumo destínese aos seus fins sociais.
ARTIGO 5.-DEVEÑO.
A obrigación de contribuír nace no momento en que se inicie a prestación do servizo, entendéndose iniciada cando se presente a solicitude de enganche ou, non habéndose solicitado este, desde que exista efectivamente.
O deveño prodúcese o primeiro día de cada trimestre natural. Salvo nos casos de alta en que o deveño producirase o día do alta. As cotas son irreducibles.
ARTIGO 6.-XESTIÓN.
No caso de enganche de liñas á rede, os suxeitos pasivos presentarán a oportuna solicitude e, unha vez concedida, practicaráselles e notificará a liquidación que proceda. Así mesmo, incluiráselles no padrón para o cobro das sucesivas cotas.
As altas e baixas posteriores serán notificadas nos trinta días seguintes á variación e fornecerán efectos no período de cobranza seguinte.
Non se concederán baixas que non vaian acompañadas da correspondente alta salvo que se xustifique a non utilización do servizo.
O cobro efectúase trimestralmente mediante recibo derivado do padrón.
ARTIGO 8.-INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como á determinación das sancións que polas mesmas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na LGT e nas disposicións que a complementan e desenvolven.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
Esta ordenanza entrará en vigor a partir da publicación do seu texto íntegro no Boletín Oficial da Provincia, será de aplicación a partir do día seguinte ao da súa publicación e permanecerá en vigor ata a súa modificación ou derogación expresa.