Melide - ORDENANZA Nº 28.2: PREZOS PÚBLICOS CAMPAMENTO URBANO

Publicación provisional: 30/12/2005 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/2005 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 14/06/2016

ARTIGO 1.- Fundamento e natureza.

No uso das facultades conferidas polo artigo 106.1 da Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases do Réxime Local, e artigo 127 do R.D.L. 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, e de conformidade co disposto nos artigos 41 a 47, ambos inclusive, do R.D.L. 2/2004, establécese o prezo público polo uso dos servizos de Campamento urbano do Concello de Melide

ARTIGO 2.- Concepto.

Os prezos públicos regulados nesta Ordenanza constitúen a utilización do servizo de campamento urbano do Concello de Melide nos períodos vacacionais nos que se organicen estes, como medida de conciliación da vida familiar e laboral.

É obxecto deste prezo público a utilización do servizo de campamento urbano e polo prazo de tempo establecido na autorización correspondente.

Non se incluirán os servizos de xantar e/ou comedor.

ARTIGO 3.- Obrigados ó pago.

Están obrigados ó pago do prezo público establecido nesta Ordenanza os usuarios/beneficiarios do campamento urbano.

ARTIGO 4.- Tarifa.

As Tarifas as que se refire o artigo anterior estrutúranse do xeito seguinte:

- Por cada día de utilización do campamento urbano 3,10 euros (e no caso de 2º irmán ou sucesivos 2,45 euros/día)

- Nos campamentos de verán será necesario a inscrición por quendas enteiras, non sendo posible a inscrición por días soltos, resultando:

- as quendas de 4 días semanais: 12,40 euros

- as quendas de 5 días semanais: 15,50 euros

En caso de inscrición da mesma familia dun segundo irmán ou sucesivos o custo deste segundo e seguintes irmáns será:

- nas quendas de 4 días semanais: 9,80 euros

- nas quendas de 5 días semanais: 12,25 euros

ARTIGO 5.- Normas de xestión.

1.- As persoas interesadas en participar no campamento urbano deberán solicitar previamente por rexistro de entrada no Concello a correspondente inscrición, que terá lugar ata 5 días NATURAIS antes do inicio do campamento.

Xunto coa solicitude deberá presentarse fotocopia do cartón sanitario do neno/a.

Admitiranse excepcionalmente solicitudes de inscrición para as distintas quendas sempre que se presenten por rexistro de entrada ata o luns anterior á quenda en que se pretenda a inscrición.

Calquera cambio na solicitude de quendas deberá presentarse por escrito e por rexistro de entrada do Concello.

2.- Esíxese o depósito previo da actividade, de forma que no momento de presentar a solicitude debe xuntarse resgardo acreditativo do pagamento.

3.- Unicamente procederá a devolución do prezo público de constar solicitude por escrito renunciando ao campamento presentada no Concello con anterioridade ao inicio da quenda para a que se solicitase a inscrición.

ARTIGO 6.- Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias así coma das sancións que as mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.

O presente prezo público entrará en vigor de acordo co sinalado na Ordenanza xeral de prezos públicos e no TRLFL logo da súa publicación no BOP e no taboleiro de edictos do Concello.