Carballo - ORDENANZA FISCAL Nº 18, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DO CONSERVATORIO MUNICIPAL DE MÚSICA.
Exposición de motivos
O Concello de Carballo leva décadas a prestar o servizo do Conservatorio Municipal de Música, un referente no eido do ensino e da cultura para Carballo en toda a bisbarra de Bergantiños e mesmo na provincia da Coruña. O interese municipal en manter en funcionamento un valor cultural como é a música ten provocado que, a pesares das limitacións orzamentarias dos últimos tempos, o servizo non só se teña mantido, senón que se teña incluso potenciado mediante o gasto para aumentar a eficiencia no seu funcionamento e a calidade do ensino musical.
Mais este esforzo económico precisa, regularmente, que as tarifas a repercutir aos usuarios do servizo se vexan adaptadas á realidade económica do servizo, sempre coa idea de que o déficit na prestación do mesmo non aumente a porcentaxes máis elevadas que puideran poñer en risco a viabilidade económica do servizo.
Polo tanto, e con pleno respecto dos principios consagrados nos arts. 128 e seguintes da Lei 39/2015, do 1 de outubro, de procedemento administrativo das Administracións Públicas, o Concello de Carballo regula as taxas pola prestación dos servizos de carácter docente e administrativo polas actividades do Conservatorio Municipal de Música de Carballo, mediante esta Ordenanza Fiscal, medio legalmente esixido, como de menor intervención, e sempre tentando facilitar aos interesados o máis sinxelo cumprimento das obrigas tributarias nela contidas, a fin de obter os ingresos tributarios minimamente precisos para garantir a continuidade do servizo e a súa viabilidade económica.
ARTIGO 1º.- FUNDAMENTO E NATUREZA.
No uso das facultades atribuidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polo artigo 106 da Ley 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, e ao abeiro do previsto no art. 57 e 20.4.v), do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aprobou o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Carballo establece as taxas pola prestación de servizos de carácter docente e administrativo polas actividades do Conservatorio Municipal de Música de Carballo, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal.
ARTIGO 2º.- FEITO IMPOÑIBLE.
O feito impoñible estará constituido por:
a) A prestación de servizos de carácter administrativo de competencia local relativos á admisión, xestión e funcionamento das actividades docentes prestadas polo Concello a través do Conservatorio Municipal de Música.
b) A prestación de servizos docentes de por parte do Conservatorio Municipal de Música.
ARTIGO 3º.- SUXEITOS PASIVOS.
Son suxeitos pasivos a título de contribuíntes, as persoas físicas, xurídicas, e as entidades ás que se refire o art. 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, que soliciten os servizos, sexan os destinatarios do mesmo ou os seus representantes legais. No caso de menores de idade, será sempre suxeito pasivo quen ostente a garda e custodia legal dos mesmos, debendo subscribir a correspondente solicitude en representación do menor.
ARTIGO 4º.- COTA TRIBUTARIA.
1.- Establécense as seguintes tarifas en concepto de taxas pola prestación dos servizos de educación musical -regrada e non regrada- do Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo:
A. Cursos de Iniciación Musical, non regrada:
1.-Curso completo 120,00 €
B. Grao elemental:
1.-Curso completo no grao elemental (1º, 2º, 3º ou 4º) 329,92 €
2.- Materias pendentes, por cada unha delas 81,04 €
3.- Proba de acceso aos 1º, 2º, 3º e 4º cursos 57,89 €
C. Grao profesional:
1.- Curso completo en 1º ou 2º curso 387,81 €
2.- Curso completo en 3º ou 4º curso 445,68 €
3.- Curso completo en 5º ou 6º curso 509,36 €
4.- Asignaturas soltas/ pendentes, por cada unha delas 115,76 €
5.- Proba de acceso grao profesional 92,61 €
2.- A taxa correspondente aos dereitos de apertura de expediente será fixada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia na resolución correspondente. Estes dereitos serán satisfeitos polos alumnos no impreso de liquidación correspondente.
3.- A taxa correspondente a materias pendentes aplicarase a aqueles alumnos que, matriculándose nun curso completo, teñan pendente ata dúas materias do curso anterior. Aplicarase, igualmente, a aqueles alumnos que se matriculen no centro con materias pendentes do 6º curso, sempre que unha destas non sexa a especialidade instrumental. Se se tratase dunha materia de especialidade instrumental, estarase ao disposto no parágrafo seguinte.
4.- No caso de alumnos que teñan convalidadas dúas ou máis asignaturas da especialidade que cursan, aboarán un 80 % das taxas establecidas para o curso no que se matriculen. Se foran menos de dúas asignaturas, aboarán o importe completo do curso.
ARTIGO 5º.- BENEFICIOS FISCAIS.
Non se recoñece ningún beneficio fiscal nesta taxa, consonte ao previsto no art. 9.1 do R.D.L. 2/2004, agás os que estean previstos en normas con rango de Lei ou nos Tratados internacionais validamente suscritos polo Reino de España e publicados no B.O.E.
ARTIGO 6º.- RETRIBUCIÓN.
A obriga tributaria no momento de inicio da prestación dos servizos, sendo esixible o seu depósito previo consonte ás normas de xestión do artigo seguinte.
ARTIGO 7º.- NORMAS DE XESTIÓN. LIQUIDACIÓN DA TAXA.
1.- No momento de formalizar a solicitude de admisión aos servizos prestados no Conservatorio Municipal de Música de Carballo, o usuario deberá autoliquidar e ingresar as taxas correspondentes pola prestación do servizo. Non se tramitarán as solicitudes de matrícula que non xunten o impreso xustificativo de ter ingresado a autoliquidación correspondente.
2.- As taxas correspondentes aos cursos completos, poderá ser fraccionada, trimestralmente, sen necesidade de prestar garantía algunha, a petición do solicitante, que deberá sinalar tal petición no impreso de autoliquidación das taxas, ingresando, polo tanto, no momento da solicitude, tan só o primeiro prazo, correspondente ao primeiro trimestre do curso correspondente. Para solicitar o fraccionamento dos trimestres segundo e terceiro, deberá cumprimentar obrigatoriamente os datos da domiciliación bancaria, autorizando os cargos. O Concello realizará os cargos do segundo e terceiro trimestre entre os días 1 e 5 de cadanseu trimestre natural, sendo, pois, esixidos ao inicio do respectivo trimestre.
3.- A taxa correspondente ás probas de acceso deberá ser autoliquidada no momento de presentación da solicitude correspondente, mediante o impreso facilitado ao efecto. Non se admitirá o fraccionamento sinalado no parágrafo anterior. A devandita taxa non se devolverá se o alumno non se presentase ás probas.
4.- Nos supostos de baixa dun alumno, estarase ás seguintes normas:
a) Se a solicitude de baixa se presentase antes do 31 de xullo do ano en curso, o usuario terá dereito á devolución do 100 % das taxas que teña abonado -se fora o caso-, anulándose todos os importes que houbera pendentes de cobramento.
b) Se a solicitude se producise despois do 31 de xullo do ano en curso e antes do comenzo oficial das clases, o usuario terá dereito á devolución do 50 % das taxas aboadas, anulándose os importes pendentes de cobramento.
c) Se se producise unha vez comenzado o curso académico, o interesado non terá dereito á devolución de cota aboada algunha, e deberá abonar as cotas pendentes, no caso de telas fraccionadas, excepto nos casos nos que sexa posible cubrir a praza vacante pola baixa cun novo alumno, suposto no cal non serán esixibles as contías correspondentes ao período no que a vacante se ocupe cun novo alumno.
5.- No caso de devolución dun recibo/cargo por parte da entidade bancaria na que se teña ordeado a domiciliación das taxa, notificarase por escrito ao usuario/titor, abríndoselle o prazo de UN MES desde a data de notificación para que fagan efectivo o importe na conta bancaria que se lles sinale na devandita notificación. De non realizar o pagamento no dito prazo, procederase a tramitar a baixa do usuario no Conservatorio Municipal de Música.
6.- O modelo de autoliquidación a cumprimentar será aprobado por resolución da Alcaldía, e estará a disposición dos usuarios nas dependencias da Casa do Concello -Servizo de Xestión e Inspección Tributaria- e da Área de Cultura -sitas no Pazo da Cultura-.
ARTIGO 8º.- RÉXIME DE INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
O réxime de infraccións en sancións tributarias será o previsto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria, e nas normas que a complementen ou desenvolvan.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA.-
Esta Ordenanza entrará en vigor ao día seguinte ao da publicación do anuncio da súa aprobación definitiva, xunto co seu texto íntegro, no Boletín Oficial da Provincia, sendo aplicable a todos os feitos impoñibles que se produzan a partires dese día.