Ordes - ORDENANZA FISCAL Nº 4, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.

Publicación provisional: 21/12/2007 BOP Nº: 293
Publicación definitiva: 21/12/2007 BOP Nº: 293
Aplicable dende: 09/05/2018

Artigo 1º.- Fundamento e réxime.

No uso das facultades conferidas pola Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, de bases do réxime local, e de acordo co previsto nos artigos 15.1 e 59.2 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, este Concello establece o imposto sobre construcións, instalacións e obras, que rexerase polo disposto no devandito Real decreto lexislativo, polas demais disposicións que o desenvolvan ou complementen e pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2º.- Feito impoñible.

O Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras é un tributo indirecto cuxo feito impoñible está constituído pola realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obras ou urbanística, obtívose ou non dita licenza, ou para a que se esixa presentación de declaración responsable ou comunicación previa, sempre que a expedición da licenza ou a actividade de control corresponda ao concello de Ordes.

Para estes efectos estarase ao disposto no artigo 142 da lei 2/2016, do 10 de febreiro, do solo de Galicia, artigos 351 e 360.3 do Decreto 143/2016, do 22 de setembro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 2/2016, na normativa urbanística municipal e nas normas que as substitúan ou complementen.

Artigo 3º.- Exencións.

Está exenta do pago do imposto a realización de calquera construción, instalación ou obra da que sexa dono o Estado, as comunidades autónomas ou as entidades locais, que estando suxeita ao imposto, vaia a ser directamente destinada a estradas, ferrocarrís, portos, aeroportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e das súas augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto se se trata de obras de investimento novo como de conservación.

Non poderán recoñecerse outros beneficios fiscais nos tributos locais que os expresamente previstos nas normas con rango de lei ou os derivados da aplicación dos tratados internacionais.

Artigo 4º.- Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, persoas xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, que sexan donos da construción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.

Para os efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custo que comporte a súa realización.

2. No caso de que a construción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen solicite as correspondentes licenzas ou presenten as correspondentes declaracións responsables ou comunicacións previas ou quen realice as construcións, instalacións ou obras.

O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.

Artigo 5º.- Base impoñible.

A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, e enténdese por tal, a estes efectos, o custo de execución material daquela.

Non forman parte da base impoñible o Imposto sobre o Valor Engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estritamente, o custo de execución material.

Artigo 6º.- Tipo de gravame.

O tipo de gravame será o 2,5%.

Artigo 7º.- Cota tributaria.

A cota tributaria íntegra virá determinada pola aplicación do tipo de gravame sobre a base impoñible.

A cota tributaria líquida será o resultado de practicar, de ser o caso, sobre a cota tributaria íntegra, as bonificacións previstas no artigo seguinte, que reducirá a súa contía na porcentaxe á que teña dereito.

Artigo 8º.- Bonificacións.

1. Na contestación que o Concello faga por escrito ao solicitante dunha licenza ou, de ser o caso, de presentárense por este unha declaración responsable ou comunicación previa, sempre e cando a actuación teña posibilidade de acceder a unha bonificación, deberá existir un recordatorio da citada bonificación e das condicións da mesma.

2. Decláranse de interese social as obras de construción, ampliación, reforma e conservación de explotacións gandeiras e agropecuarias no termo municipal de Ordes que cumpran coa normativa urbanística e dispoñan de licenza de apertura ou, de ser o caso, esta estivese substituída pola presentación de declaración responsable ou comunicación previa, previa tramitación do expediente ambiental que corresponda. A dita bonificación será do 75% da cota e outorgarase, de ser o caso, previa solicitude por escrito do interesado, a cal deberá presentarse previamente ao pago do ICIO por parte do interesado, e elevarase ao Pleno Corporativo, o cal decidirá por maioría simple, sobre a súa concesión ou non.

A citada bonificación levarase a cabo sobre as naves, rochos, ...etc. vinculados directamente á explotación, sen que en caso algún poida efectuarse a mesma sobre edificacións destinadas a vivenda ou outros usos non gandeiros ou agropecuarios.

En caso ningún se procederá á aprobación da citada bonificación se a obra foi iniciada sen a oportuna licenza, declaración responsable ou comunicación previa, salvo no caso de legalización de explotacións preexistentes nos termos sinalados pola normativa vixente.

3. Decláranse de interese social as obras de construción, ampliación, reforma e conservación de residencias de maiores e calquera outra construción necesaria para a creación de servizos sociais especializados por parte de calquera Administración Pública no termo municipal de Ordes. A dita bonificación será do 95% da cota e outorgarase, de ser o caso, previa solicitude por escrito do interesado, a cal deberá presentarse previamente ao pago do ICIO por parte do interesado, e elevarase ao Pleno Corporativo, o cal decidirá por maioría simple, sobre a súa concesión ou non.

4. De conformidade co establecido no artigo 103.2, letra a), do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, establécese unha bonificación de ata o 95% da cota correspondente para as construcións, instalacións e obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego que xustifiquen a dita declaración.

Esta bonificación será de aplicación unicamente a aquelas construcións, instalacións e obras destinadas á implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aquelas outras que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando impliquen creación de emprego.

A gradación da porcentaxe de bonificación aplicarase do xeito seguinte:

¿ De ata un 95% pola creación de máis de 20 postos de traballo.

¿ Cando menos o 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

¿ Cando menos o 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.

Para o cálculo dos postos de traballo estes deben supoñer a ocupación permanente de postos de traballo de nova creación a tempo completo. No caso de seren a tempo parcial o seu cálculo levarase a cabo mediante a equivalencia destes con postos de traballo a tempo completo.

A creación de novos postos de traballo acreditarase mediante a presentación por parte dos interesados das correspondentes altas da Seguridade Social:

¿ No réxime xeral, cando se trate de contratación por conta allea.

¿ No réxime especial de traballadores por conta propia ou autónomos, cando se trate de autoemprego.

No caso de que a creación de novos postos de traballo non poida xustificarse no momento de alta ou no momento de ampliación da actividade no Imposto sobre Actividades económicas xustificarase no prazo máximo de seis meses dende o devandito feito.

O emprego comprometido deberá manterse, cando menos, un período de tres anos desde o inicio ou ampliación da actividade polo suxeito pasivo. Tal circunstancia deberá ser acreditada por este ante os servizos tributarios do Concello dentro dos 15 días hábiles seguintes ao remate de cada trimestre. O incumprimento dos requisitos indicados dará lugar ao inicio do correspondente expediente de reintegro.

Non se considerará que se produce o inicio do exercicio dunha actividade cando esta se desenvolva anteriormente baixo outra titularidade. No caso de traslado de actividades dentro do termo municipal unicamente aplicarase para a creación de novos postos de traballo, non os xa existentes.

No prazo dun mes desde o remate da obra, conforme o prazo concedido, deberá achegar copia do certificado de final de obra ou comunicar esta circunstancia para a súa verificación polo servizo de urbanismo.

Nos seis meses seguintes do cumprimento do anterior requisito, deberá presentar copia da declaración previa de inicio de actividade, de ser o caso, ou comunicar a dita circunstancia para a súa verificación polo servizo de urbanismo.

Unha vez concluída a obra e obtida a primeira ocupación, para os efectos de practicaren a correspondente liquidación definitiva, o suxeito pasivo deberá presentar xustificante de creación de emprego no prazo máximo de seis meses desde o efectivo remate da obra, achegando copias do xustificante de alta no Imposto sobre Actividades Económicas, copias dos contratos subscritos para cubrir os postos de traballo de nova creación visados polo Servizo Público de Emprego e copias dos correspondentes TA2 presentados ante a Seguridade Social. De transcorrer ese prazo sen que se achegue a documentación requirida liquidaranse as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de mora correspondentes.

En caos excepcionais e debidamente xustificados, previa solicitude do interesado, poderase conceder unha prórroga para a presentación da xustificación por un prazo non superior a seis meses, mediante Decreto da Alcaldía.

O Concello poderá esixir ao suxeito pasivo que achegue no prazo dun mes, a contar desde o seguinte á recepción do requirimento polo interesado calquera outra documentación que estime oportuna para os ditos efectos.

Corresponderá ao Pleno da Corporación a dita declaración e se acordará previa solicitude do suxeito pasivo polo voto favorable da maioría simple dos seus membros.

5. Establécese unha bonificación do 50% sobre as obras, construcións ou instalacións destinadas á incorporación de sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar.

A presente bonificación aplicarase só sobre a parte do presuposto de execución que corresponda á obra e/ou instalación dos sistemas de aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar para autoconsumo. A aplicación desta bonificación condiciónase a que se acredite que os colectores ou captadores dispoñan da correspondente homologación da Administración competente, non concedéndose en caso de que a implantación dos sistemas sexa obrigatoria a tenor da normativa específica na materia.

A estes efectos, xunto coa solicitude deberá achegar o orzamento de execución das ditas instalacións (en separata), un certificado asinado por técnico competente e visado polo respectivo colexio profesional onde se recolla que a instalación non é obrigatoria pola normativa específica na materia e a homologación da Administración competente.

6. Establécese unha bonificación do 50% sobre a cota no caso de construcións, instalacións e obras que impliquen unha reforma no interior da vivenda para adecuala á discapacidade de calquera persoa que resida habitualmente na mesma, alcanzando exclusivamente á parte da cota correspondente ás instalacións e obras destinadas estritamente a tal fin.

A estes efectos, xunto coa solicitude, deberá achegar o orzamento de execución das ditas instalacións (en separata) subscrito polo técnico director das mesmas, certificado de discapacidade emitido pola Administración competente e certificado de empadroamento da persoa para a que se adapta a vivenda.

A presente bonificación só se aplicará no caso de reformas de vivendas xa existentes.

As bonificacións sinaladas nos parágrafos precedentes son compatibles entre si, aplicándose na orde na que figuran sinaladas e practicarase deducindo o importe ao que ascendan da cota resultante de deducir as que lle preceden.

 

Artigo 9.- Devindicación.

O imposto devéñase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivo a correspondente licenza.

Artigo 10.- Xestión

1. Cando se conceda a licencia preceptiva ou se presente a declaración responsable ou a comunicación previa ou cando non téndose solicitado, concedido ou denegado a preceptiva licencia o presentado estas, e se inicie ou realice a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose o custo de execución material en función do informe técnico municipal resultante da aplicación dos módulos contemplados no anexo a esta ordenanza. O pago da liquidación provisional non implica ningún acto declarativo de dereito a favor do suxeito pasivo.

2. Cando se modifique o proxecto orixinario da construción, instalación ou obras que supoña un incremento do número de unidades dos índices e módulos, unha vez aceptada a modificación pola administración municipal, practicarase unha liquidación complementaria.

3. Finalizada a construción, instalación ou obras, tendo en conta o custo real e efectivo destas, o concello previa a oportuna comprobación administrativa, modificará no seu caso, a base impoñible sinalada no parágrafo primeiro practicando a correspondente liquidación definitiva, esixindo ó suxeito pasivo ou reintegrándolle no seu caso, a cantidade que corresponda.

4. A determinación da data de remate da construción, instalación ou obras determinarase por calquera medio de proba admisible en dereito, e en particular:

a) Obras de nova planta: certificado de fin de obra expedido polo técnico director.

b) Nos restantes casos a partir da data de expedición do certificado de fin de obra, faltando este, a data de finalización que o titular da licencia comunique ó Concello.

En defecto dos documentos anteriores, tomarase como data de remate a que conste no informe técnico municipal previa comprobación dos feitos acreditativos desta.

5. No caso de que non se execute a construción, instalación ou obras o suxeito pasivo terá dereito á devolución do ingresado previa renuncia expresa á licencia concedida, declaración responsable ou comunicación previa. O mesmo sucederá no caso de que a correspondente licenza sexa denegada, sempre e cando non se executaran as obras.

Artigo 11º.Recadación e inspección

A recadación e inspección do tributo realizarase de acordo co previsto na Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria, Regulamento Xeral de Recadación aprobado por Real decreto 939/2005, do 29 de xullo, demais leis do Estado reguladoras da materia e disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 12º. Infraccións e sancións tributarias.

Para todo o relativo a cualificación de infraccións tributarias e a imposición das sancións correspondentes, rexerá o disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei 58/2003, do 17 de decembro, Xeral Tributaria.

Artigo 13º. Comprobación e investigación.

A Administración Municipal poderá, por calquera dos medios previstos nos artigos 57 e 115 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, comprobar o valor dos elementos do feito impoñible.

Disposición derradeira

A presente ordenanza fiscal, foi modificada polo Pleno do Concello de Ordes en sesión celebrada o 29 de setembro de 2017 comezará a aplicarse a partir do día seguinte á súa publicación definitiva no Boletín Oficial da Provincia, e permanecerá en vigor até a súa modificación ou derrogación expresas.

ANEXO I

Estimación do orzamento de execución material de obras, instalacións e construcións, para aplicación do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).

Co fin de determinar o orzamento de execución para aplicación do imposto sobre construcións, instalacións e obras, estímase oportuno adoptalo procedemento de avaliación establecido no ¿manual para a estimación simplificada dos presupostos de execución material da edificación" do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG), introducindo pequenas variacións para axustalo seu contido á casuística do concello de Ordes.

1.- DEFINICIÓNS.

Mb Módulo básico.

Mc Módulo de construción ou de referencia.

Ct Coeficiente de tipoloxía.

Cu Coeficiente de uso.

Mci Módulo de construción de acordo co destino predominante nela.

Si Superficie construída por uso de acordo co destino predominante nela.

Pmb Presuposto de execución material segundo módulos básicos.

2.- MÓDULO BÁSICO.

Se establece un módulo básico (Mb) ou prezo en euros por cada metro cadrado de edificación.

O seu valor será fixado e actualizado periodicamente polo Concello en función dos datos coñecidos, tanto de carácter oficial como do mercado da construción e inmobiliario. No momento actual estímase en 520 euros/m²

3.- MÓDULO DE CONSTRUCIÓN OU REFERENCIA (Mc).

O módulo de construción ou de referencia obtense aplicando a seguinte fórmula:

Mc= Mb x Ct x Cu

4.- COEFICIENTE DE TIPOLOXÍA (Ct).

4.1.- En edificacións de nova planta e adicións.

1,20 Edificación illada (catro fachadas). Vivenda unifamiliar. Sotos a partir do terceiro.

1,10 Agrupación en fila. Sotos primeiro e segundo.

1,00 Edificio en quinteiro pechado. Edificación aberta de vivenda colectiva.

4.2.- En obras de reforma e rehabilitación.

1,20 Rehabilitación total, incluíndo a desmontaxe das fachadas.

1,00 Adecuación interior de plantas baixas e entreplantas. Rehabilitación integral conservando exclusivamente as fachadas.

0,65 Reforma interior de instalacións e acabados conservando a estrutura existente.

0,50 Reforma de elementos estruturais.

0,35 Rehabilitación de fachadas. Substitución de carpinterías e cerramentos (aplicada á superficie da fachada).

0,30 Reforma de acabados interiores (sen afectar a elementos estruturais nin a instalacións)

0,08 Substitución do material de cobertura.

0,02 Pintado de fachadas. Demolicións e derrubos.

4.3.- En obras non edificatorias.

1,00 Parcelas campings. Acondicionamento de terreos.

0,15 Cerramentos de parcelas de manpostería, formigón, cantería ou similar.

0,10 Peches de zócalo, postes e arame.

0,04 Peches de postes e arame.

0,02 Tallos.

5. COEFICIENTE DE USO (Cu)

1,60 Auditorios. Museos. Teatros. Hoteis de cinco estrelas. Edificios bancarios.

1,50 Hospitais. Laboratorios. Igrexas.

1,40 Bibliotecas. Facultades e escolas universitarias. Hoteis de catro estrelas. Edificios penitenciarios. Terminais marítimas e aéreas.

1,30 Clubs sociais. Cines. Centros de saúde. Balnearios. Hoteis de tres estrelas. Salas de Festas. Discotecas. Colexios con residencia.

1,20 Casas da cultura. Casas consistoriais. Locais bancarios. Consultorios. Residencias da terceira idade. Apart-hoteis. Tanatorios. Centros de culto. Cuarteis. Matadoiros.

1,10 Vivendas. Hoteis de dúas estrelas. Residencias universitarias. Moteis.

1,00 Residencial VPO. Oficinas. Garderías. Centros docentes. Hoteis de unha estrela. Ambulatorios. Hostais-residencia. Restaurantes. Estacións de autobuses. Salas de exposición. Piscinas cubertas.

0,90 Bares. Mercados.

0,80 Centros comerciais. Pavillóns deportivos cubertos. Vestiarios. Bungalows. Servizos cámpings.

0,65 Edificios de aparcamentos. Locais comerciais.

0,50 Piscinas descubertas. Cemiterios.

0,40 Locais en planta baixa ou soto sen uso específico. Garaxes e aparcamentos. Estacións de servizo.

0,35 Rochos. Pórticos, soportais e terrazas abertas.

0,30 Almacéns e naves industriais. Instalacións deportivas descubertas. Naves. Granxas. Alpendres, pendellos ou cubertos. Depósitos.

0,15 Acondicionamento de naves con obras mínimas.

0,10 Proxectos de urbanización (adscritos á edificación). Parcelas de cámpings.

0,05 Xardíns. Pistas de terra e formigón. Tratamento de espazos exteriores. Acondicionamento de terreos.

6.- PRESUPOSTO DE EXECUCIÓN MATERIAL SEGUNDO MÓDULOS BÁSICOS (Pmb).

O presuposto de execución material segundo módulos básicos (Pmb), de todo tipo de construción, instalacións e obras, poderá obterse en función do módulo de construción e da superficie para cada uso, segundo a seguinte fórmula:

PMb= ∑(Mci x Si)"