Laracha A - Ordenanza fiscal nº 6, reguladora da taxa por expedición de licenza de vaos e polas reservas de vía pública para entrada de vehículos a través das beirarrúas e autorizacións para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías

Publicación provisional: 16/11/1998 BOP Nº: 263
Publicación definitiva: 16/11/1998 BOP Nº: 263
Aplicable dende: 02/04/2012

Artigo 1.- Fundamento e réxime

No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución, polos artigos 4 e 106 da Lei 7/1985, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19 e 20.4.b) e 20.3.h) do Real decreto lexislativo 2/2004 polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello da Laracha establece a taxa por expedición de licenza de vaos e polas reservas de vía pública para entrada de vehículos a través das beirarrúas e para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.

Artigo 2.- Feito impoñible.

1.- Constitúe o feito impoñible desta taxa a actividade municipal, tanto técnica como administrativa, desenvolvidas para verificar que os baixos ou vías públicas correspondentes reúnen as condicións requiridas polas ordenanzas municipais, pola lexislación urbanística e sectorial que resulte de aplicación, para autorizar ás utilizacións privativas ou os aproveitamentos especiais sinalados no art. 49 da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria e a utilización de placas e outros distintivos análogos co escudo do Concello.

2.- Constitúen tamén, o feito impoñible desta taxa, a realización sobre a vía ou terreos de uso público, as utilizacións privativas ou os aproveitamentos especiais sinalados no art. 49 da ordenanza xeral municipal sobre tráfico, circulación de vehículos a motor e seguridade viaria.

Artigo 3.- Devengo.

1.- Devengarase a taxa, correspondente ó feito impoñible definido no artigo 2.1, e nacerá a obriga de contribuír cando se inicie a actividade municipal que constitúe o feito impoñible. Para estes efectos, entenderase iniciada esta actividade na data de presentación da oportuna solicitude.

2.- Devengarase a taxa, correspondente ó feito impoñible definido no artigo 2.2, e nacerá a obriga de contribuír ao iniciarse algún dos aproveitamentos obxecto desta ordenanza, e anualmente, ao 1 de xaneiro de cada ano.

3.- A obriga de contribuír, unha vez nacida, non se verá afectada pola denegación da licenza solicitada ou pola concesión desta condicionada á modificación das condicións do establecemento. Tampouco verase afectada a obriga de contribuír pola renuncia ou desistimento do solicitante unha vez transcorridos cinco días dende a presentación da solicitude da oportuna licenza municipal.

Artigo 4.- Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003 xeral tributaria, solicitantes da corresponde licenza de vaos ou da autorización para aparcamento exclusivo, parada de vehículos, carga e descarga de mercadorías de calquera clase.

De acordo co art. 23.2.a) do RDL 2/2004, terán a consideración de substitutos do contribuínte na licenza de vaos, os propietarios dos correspondentes inmobles, que poderán repercutir, no seu caso, as cotas sobres os respectivos beneficiarios.

Artigo 5.- Responsables.

1.- Serán responsables solidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 42 da Lei 58/2003 xeral tributaria.

2.- Serán responsables subsidarios da débeda tributaria as persoas ou entidades a que se refire o artigo 43 da Lei 58/2003 xeral tributaria.

Artigo 6.- Base impoñible e cota tributaria.

1.- A cota tributaria do feito impoñible definido no artigo 2.1 é de 25 €.

2.- A cota tributaria do feito impoñible definido no artigo 2.2 determinarase polas seguintes tarifas,

a) Entrada de vehículos a garaxes públicos, locais que encerren máis de catro vehículos, talleres de reparacións ou análogos, ou espazos de calquera clase que estacionen vehículos de turismo, camións ou calquera outro vehículo a motor, reservas de vía pública para aparcamento exclusivo, parada de vehículos e carga e descarga de mercadorías: 6,75 euros por cada metro lineal ao ano.

b) Reservas de espazos de uso diverso provocados por necesidades ocasionais: 1,50 euros por cada metro lineal e día que alcance a reserva.

Artigo 7.- Exencións , reducións e demais beneficios legalmente aplicables.

1.- De conformidade co disposto no Real decreto lexislativo 2/2004, non se recoñece beneficio tributario ningún, salvo os que sexan consecuencia do establecido nos tratados ou acordos internacionais ou os previstos en normas con rango de lei.

2.- O Estado, as comunidades autónomas e as entidades locais non estarán obrigados ao pago das taxas por utilización privativa ou aproveitamento especial do domino público polos aproveitamentos inherentes aos servizos públicos de comunicacións que exploten directamente e por todos os que inmediatamente interesen á seguridade cidadá ou á defensa nacional.

Artigo 8.- Normas de xestión, liquidación e ingreso.

1.- Ó tempo de presentar a correspondente solicitude, os interesados procederán a efectuar a autoliquidación que corresponda.

O pago da autoliquidación presentada polo interesado terá o carácter de provisional e será a conta da liquidación definitiva que, no seu caso, proceda.

A cotas tributarias definidas no artigo 6.1 esixiranse no momento da presentación da solicitude de licenza de vao ou da solicitude de autorización para aparcamento exclusivo, parada de vehículos ou carga e descarga de mercadorías de calquera clase.

A cota tributaria definida no artigo 6.2.a) será de carácter anual, devengaranse o 1 de xaneiro de cada ano e o período impositivo comprenderá o ano natural, salvo nos casos de inicio e cese no aproveitamento, onde se rateará a cota por trimestres naturais. O importe correspondente ó ano de inicio do aproveitamento esixirase no momento da entrega da placa correspondente. Dito importe incrementarase en 60 €, en concepto do custo estimado da placa entregada.

A cota tributaria definida no artigo 6.2.b) esixirase no momento da presentación da solicitude de reserva, sen prexuízo da liquidación complementaria que proceda se a devolución da placa ou elemento análogo tivese lugar con posterioridade ao prazo para o que se solicitou a reserva.

2.- As entidades ou particulares interesados na concesión dos aproveitamentos regulados por esta ordenanza, presentarán no concello solicitude detallada da extensión e carácter do aproveitamento requirido.

3.- Tamén deberán presentar a oportuna declaración en caso de alteración ou baixa dos aproveitamentos xa concedidos dende que o feito se produza ata o último día do mes natural seguinte ao que tal feito tivo lugar. Quen incumpra tal obriga seguirá obrigado ao pago do tributo. Tales declaracións producirán plenos efectos a partir do semestre seguinte a aquel en que se formulen.

4.- Os titulares das licenzas, inclusive os que estiveran exentos do pago de dereitos, deberán proverse de placas regulamentarias para a sinalización do aproveitamento. En tales placas constará o número de rexistro da autorización e deberán ser instaladas, de forma permanente delimitando a lonxitude do aproveitamento.

5.- Igualmente, os titulares da reserva a que fai referencia o artigo 6.2.b), deberán proverse de placas adecuadas, nas que constará o tempo de emprego; a lonxitude autorizada da reserva, quedará limitada por medio dunha cadea que una as placas.

6.- A falta de instalación das placas, ou o emprego doutras distintas ás regulamentarias, impedirá aos titulares das licenzas o exercicio do seu dereito ao aproveitamento.

7.- O concello facilitará ós titulares das licenzas as placas regulamentarias das que deberán proverse.

8.- No caso de perda, destrución ou roubo das placas regulamentarias o beneficiario poderá solicitar unha nova placa previo abono de 60 €.

Artigo 9.- Infraccións e sancións tributarias.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias e sancións, ademais do previsto nesta ordenanza, rexerase segundo o disposto no Título IV da Lei xeral tributaria.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente ordenanza fiscal, entrará en vigor o día seguinte ó da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, mantendo a súa vixencia en tanto non sexa modificada ou derrogada expresamente.