Laracha A - ORDENANZA FISCAL Nº 17, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 05/04/2000 BOP Nº: 79
Publicación definitiva: 05/04/2000 BOP Nº: 79
Aplicable dende: 01/03/2018

Artigo 1º.- Fundamento e réxime.

O imposto sobre construcións, instalacións e obras esíxese neste concello de conformidade co disposto nos artigos 100 a 103 do Real decreto lexislativo 2/2004, aplicándose sobre estas disposicións os elementos determinantes da cota tributaria que se regulan nos artigos da presente ordenanza fiscal.

Artigo 2º. - Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra pola que se esixa a obtención da correspondente licenza urbanística, obtéñase ou non esta licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este concello.

Artigo 2º. - Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra pola que se esixa a obtención da correspondente licenza urbanística, obtéñase ou non esta licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este concello.

Artigo 3º. - Suxeito pasivo.

1. - Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas nas entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, propietarias dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións ou obras, sempre que sexan donos destas; nos demais casos, considerarase contribuínte a quen ostente a condición de dono da obra.

2. - Teñen a condición de suxeitos pasivos substitutos de contribuínte, os que soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non foran os propios contribuíntes.

Artigo 4º. - Base impoñible, cota e devengo.

1.- A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, entendéndose por tal o custo de execución material daquela.

Non forman parte da base impoñible o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coas construcións, instalacións e obras, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, de xeito estrito, o custo de execución material.

2.- A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame do 2,5 por cen, a excepción das obras realizadas en edificacións destinadas a vivenda unifamiliar, en réxime de autopromoción, e levadas a cabo en solo de núcleo rural, para as que o tipo de gravame será do 2 por cen.

3.- O imposto devéngase no momento de iniciar a construción, instalación ou obra aínda cando non se obtivese a correspondente licenza.

Artigo 5º. - Xestión.

1º. - Cando se conceda a licenza preceptiva ou cando non tendo solicitada, concedida ou denegada esta licenza, se inicie a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñible:

a) En función do presuposto presentado polos interesados, sempre que estivese visado polo colexio oficial correspondente, cando isto constitúa un requisito preceptivo.

b) Cando non se presente presuposto visado ou o proposto sexa, a criterio dos servizos técnicos municipais, manifestamente inferior ao custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, a base impoñible poderá ser determinada por aqueles, aplicando os módulos que recolle a Base de Datos da Construción de Galicia ou outros índices ou módulos xustificadamente elixidos para tal determinación.

2º.- Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e de custo real e efectivo destas, o concello, mediante a oportuna comprobación administrativa poderá modificar a base impoñible ás que se refire o número anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo, no seu caso, a cantidade que corresponda.

Artigo 6º. - Beneficios fiscais.

En aplicación do artigo 103.2. a) do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, as construcións, instalacións e obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, histórico-artísticas ou de fomento de emprego que xustifiquen tal declaración, poderán beneficiarse das seguintes bonificacións na cota tributaria:

a) As promovidas polas administracións públicas para a implantación de servizos públicos ou servizos de interese comunitario, bonificación do 95%.

b) As promovidas por entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e destinadas a fins ou actividades non lucrativas que complementen ou suplan os servizos de competencia municipal, bonificación do 75%.

c) As de reparación ou conservación de inmobles declarados de interese cultural ou incluídos nun catálogo municipal como de protección urbanística integral, bonificación do 75%. Cando os bens catalogados gocen de protección non íntegra aplicarase a bonificación do 50%.

d) A construción, rehabilitación ou reparación de vivendas promovidas por persoas en situación de emerxencia social, bonificación do 95%.

e) As destinadas ao primeiro establecemento ou á implantación de empresas no Polígono Industrial de A Laracha, bonificación do 95%.

f) Inmobles urbanos nos que se desenvolvan actividades económicas que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulado no artigo 74.2 do Real Decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora de facendas locais. Esta medida será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego. En relación con esta bonificación estableceranse os seguintes tramos:

- o 95% pola creación de mais de 20 postos de traballo.

- o 75% pola creación de entre 11 e 20 postos de traballo.

- o 50% pola creación de ata 10 postos de traballo.

Os beneficiarios deberán solicitar a bonificación presentando as altas na Seguridade Social e contratos de traballo dos novos empregados/as dentro do prazo de 15 días dende o otorgamento da licenza de primeira ocupación. No momento da solicitude da Licenza adxuntarase un compromiso de creación do número de postos de nova creación que vaia a xenerar.

Corresponde ao Pleno do Concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal e o outorgamento das anteriores bonificacións, que se acordará previa solicitude do interesado, presentada con anterioridade é realización do feito impoñible.

Artigo 7º. - Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto realizarase conforme ao previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado, reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 8º. - Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que por estas correspondan en cada caso, aplicarase en réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e a desenvolvan.