Laracha A - ORDENANZA FISCAL Nº 17, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 05/04/2000 BOP Nº: 79
Publicación definitiva: 05/04/2000 BOP Nº: 79
Aplicable dende: 24/03/2017

Artigo 1º.- Fundamento e réxime.

O imposto sobre construcións, instalacións e obras esíxese neste concello de conformidade co disposto nos artigos 100 a 103 do Real decreto lexislativo 2/2004, aplicándose sobre estas disposicións os elementos determinantes da cota tributaria que se regulan nos artigos da presente ordenanza fiscal.

Artigo 2º. - Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra pola que se esixa a obtención da correspondente licenza urbanística, obtéñase ou non esta licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este concello.

Artigo 3º. - Suxeito pasivo.

1. - Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas nas entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, propietarias dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións ou obras, sempre que sexan donos destas; nos demais casos, considerarase contribuínte a quen ostente a condición de dono da obra.

2. - Teñen a condición de suxeitos pasivos substitutos de contribuínte, os que soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non foran os propios contribuíntes.

Artigo 4º. - Base impoñible, cota e devengo.

1. - A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, entendéndose por tal o custo de execución material daquela.

Non forman parte da base impoñible o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coas construcións, instalacións e obras, nin tampouco os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, de xeito estrito, o custo de execución material.

2. - A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame do 2,5 por cen, a excepción das obras realizadas en edificacións destinadas a vivenda unifamiliar, en réxime de autopromoción, e levadas a cabo en solo de núcleo rural, para as que o tipo de gravame será do 2 por cen.

3. - O imposto devéngase no momento de iniciar a construción, instalación ou obra aínda cando non se obtivese a correspondente licenza.

Artigo 5º. - Xestión.

1º. - Cando se conceda a licenza preceptiva ou cando non tendo solicitada, concedida ou denegada esta licenza, se inicie a construción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta, determinándose a base impoñible:

a) En función do presuposto presentado polos interesados, sempre que estivese visado polo colexio oficial correspondente, cando isto constitúa un requisito preceptivo.

b) Cando non se presente presuposto visado ou o proposto sexa, a criterio dos servizos técnicos municipais, manifestamente inferior ao custo real e efectivo da construción, instalación ou obra, a base impoñible poderá ser determinada por aqueles, aplicando os módulos que recolle a Base de Datos da Construción de Galicia ou outros índices ou módulos xustificadamente elixidos para tal determinación.

2º. - Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e de custo real e efectivo destas, o concello, mediante a oportuna comprobación administrativa poderá modificar a base impoñible ás que se refire o número anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo ou reintegrando ao suxeito pasivo, no seu caso, a cantidade que corresponda.

Artigo 6º. - Beneficios fiscais.

En aplicación do artigo 103.2. a) do Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, as construcións, instalacións e obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, histórico-artísticas ou de fomento de emprego que xustifiquen tal declaración, poderán beneficiarse das seguintes bonificacións na cota tributaria:

a) As promovidas polas administracións públicas para a implantación de servizos públicos ou servizos de interese comunitario, bonificación do 95%.

b) As promovidas por entidades inscritas no Rexistro Municipal de Asociacións e destinadas a fins ou actividades non lucrativas que complementen ou suplan os servizos de competencia municipal, bonificación do 75%.

c) As de reparación ou conservación de inmobles declarados de interese cultural ou incluídos nun catálogo municipal como de protección urbanística integral, bonificación do 75%. Cando os bens catalogados gocen de protección non íntegra aplicarase a bonificación do 50%.

d) A construción, rehabilitación ou reparación de vivendas promovidas por persoas en situación de emerxencia social, bonificación do 95%.

e) As destinadas ao primeiro establecemento ou á implantación de empresas no Polígono Industrial de A Laracha, bonificación do 95%.

Corresponde ao Pleno do Concello a declaración de especial interese ou utilidade municipal e o outorgamento das anteriores bonificacións, que se acordará previa solicitude do interesado, presentada con anterioridade é realización do feito impoñible.

Artigo 7º. - Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto realizarase conforme ao previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado, reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 8º. - Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que por estas correspondan en cada caso, aplicarase en réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e a desenvolvan.