San Sadurniño - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio do subministro domiciliario de auga potable.

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 22/12/1998 BOP Nº: 292
Aplicable dende: 22/12/1998

Artigo 1.º .-Fundamento e Natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 131.2 e 142 da Constitución e polo artigo 105 da Lei 7/1995, do 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, e de acordo co disposto nos artigos 15 ó 19 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a Taxa pola prestación do subministro domiciliario de auga potable, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal, aténdose as súas normas ó previsto no artigo 20 -apartado 1, letra B) e apartado 4, letra t),- e no artigo 58 da xa citada Lei 39/1988.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible desta Taxa a prestación do servicio do subministro domiciliario de auga potable e a conservación de contadores e a súa reparación.

Artigo 3.º .-Suxeitos Pasivos.

1.-Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que sexan usuarios do servicio e as que resulten beneficiadas ou afectadas por dito servicio.

2.-Terá a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte, o propietario das vivendas ou locais, que poderá repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os respectivos beneficiarios do servicio.

Artigo 4.º .-Responsables.

1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.

2.-Serán responsables subsidiarios os Administradores das sociedades e os Síndicos, Interventores ou Liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.

Artigo 5.º .-Bases de imposición e tipos de gravame.

As bases de imposición e tipos de gravame son os contidos nas seguintes tarifas:

 

Conceptos Importe (euros)
Cota fixa, inclúe ata 40 m3 consumidos cada catro meses 8,00
Consumo entre 41 e 80 m3 cada catro meses 0,30/m3
Consumo de máis de 81 m3 cada catro meses 0,60/m3
Dereitos de acometida 120,00

 

Polo referido ós dereitos de acometida, o importe indicado comprenderá a instalación polo Concello da chave de paso, ou colar e ata 15 metros de tubo. O resto das instalacións e obras necesarias serán de conta do usuario do servicio.

Artigo 6.º .-Exencións.

Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente Taxa.

Artigo 7.º .-Devengo.

Devéngase a Taxa e nace a obriga de contribuír dende o momento en que se inicia a prestación do servicio.

Artigo 8.º .-Liquidación e recadación.

1.-As tarifas anteriores serán liquidadas por períodos cuadrimestrais vencidos.

2.-O período voluntario de cobramento será de dous meses, a contar dende o día en que se poñan os recibos ó cobro. Transcorrido dito período sen se ter efectuado o ingreso, abrirase a vía de constrinximento e reportarase o recargo do 20 por 100 da débeda non ingresada así como o dos intereses de demora correspondentes a este, computándose no seu caso, como pagos a conta, as cantidades pagadas fóra de prazo.

3.-Este recargo será do 10 por 100 cando a débeda non ingresada se satisfaga antes de que fose notificada ó debedor a providencia de constrinximento, e non se esixirán os intereses de demora reportados dende o comezo do período executivo.

Artigo 9.º .-Infraccións e Sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que as mesmas correspondan en cada caso, estarase ó previsto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria e disposicións concordantes.

Artigo 10.º .-Remisión o Regulamento do Servicio.

En todo o non especialmente previsto nesta Ordenanza estarase ó disposto no Regulamento do Servicio Municipal de Abastecemento domiciliario de auga potable de San Sadurniño.

Disposición Final.

A presente Ordenanza entrará en vigor o 1 de xaneiro de 1999 permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.