San Sadurniño - ORDENANZA FISCAL Nº T-1: ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DO SUBMINISTRO DOMICILIARIO DE AUGA

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 01/03/2018 BOP Nº: 42
Aplicable dende: 01/03/2018

Artigo 1º.- Fundamento e natureza

En aplicación do disposto nos artigos 15 a 27 e 58 do texto refundido da Lei de Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Lexislativo 2/2004 de 5 de marzo, este Concello establece a taxa pola prestación do servizo do subministro domiciliario de auga potable, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, así como polo regulamento do servizo.

Artigo 2º.- Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación do servizo do subministro domiciliario de auga potable, e nomeadamente a utilización da rede de fornecemento de auga polos predios conectados, os dereitos de acometida e o beneficio obtido polo mantemento dos contadores.

2. Para os efectos da aplicación da taxa, diferenciaranse 2 tipos de consumo:

a. Usos domésticos: os vinculados aos edificios e propiedades particulares que teñan a condición de vivenda ou soar

b. Usos comerciais ou industriais: os vinculados a baixos comerciais e demais edificacións na que se desenvolvan actividades económicas

Artigo 3º.- Suxeitos pasivos

Artigo 1. Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que sexan usuarias do servizo e as que resulten beneficiadas ou afectadas polo dito servizo, tanto para usos domésticos como para usos comerciais ou industriais.

Artigo 2. Terá a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte, a persoa propietaria das vivendas ou locais con subministro, que poderá repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre as respectivas persoas beneficiarias do servizo.

Artigo 4º.- Responsables

a. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 41 e 43 da Lei xeral tributaria.

b. Serán responsables subsidiarias as persoas administradoras das sociedades e as que asuman as tarefas de sindicación, intervención ou liquidación de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5º.- Bases de imposición e tipos de gravame

a. As bases de imposición e tipos de gravame son os contidos nas seguintes tarifas:

Conceptos

Importe (euros)

Cota fixa cada tres meses para usos domésticos

9,10 €

Cota fixa cada tres meses para usos comerciais ou industriais

15,17 €

Consumo entre 0 e 30 m³ cada tres meses

0,16 €/m³

Consumo entre 31 e 50 m³ cada tres meses

0,33 €/m³

Consumo de máis de 51 m³ cada tres meses

0,67 €/m³

Dereitos de acometida á rede

136,49 €

Cota trimestral polo mantemento dos contadores

1,01 €

 

 

b. No referido aos dereitos de acometida, o importe indicado comprenderá a instalación polo Concello da chave de paso, do colar e ata 15 metros de tubaxe. O resto das instalacións e obras necesarias serán por conta da persoa usuaria do servizo, e serán previamente revisadas polos servizos municipais.

c. No referente aos contadores, as persoas usuarias poderán decidir se estes son da súa propiedade, e se encargan da súa compra, colocación e mantemento, ou son propiedade do Concello. Só neste último caso os suxeitos pasivos terán que aboar a cota polo mantemento dos contadores.

d. As anteriores tarifas actualizaranse anualmente e de forma automática segundo o índice de prezos ao consumo (IPC) interanual.

Artigo 6º.- Exencións

Non se concederá ningunha exención nin bonificación na exacción da presente taxa.

Artigo 7º.- Bonificacións

Concederase unha bonificación do 50% aos suxeitos pasivos usuarios do servizo obxecto da presente ordenanza, que teñan entre 12 e 30 anos e que acrediten ser posuidores do Carné Xove. Esta bonificación será solicitada pola persoa usuaria en cada trimestre de exacción da presente taxa.

Artigo 8º.- Xeración

l. Xerarase a taxa e nacerá a obriga de contribuír dende o momento en que se inicie a prestación do servizo.

m. Os suxeitos pasivos deberán presentar a solicitude de alta ou baixa no servizo e, unha vez concedida a licenza de conexión á rede, incorporaranse ao censo de suxeitos pasivos en concepto de taxa por subministración de auga potable.

Artigo 9º.- Liquidación e recadación

· As tarifas anteriores serán liquidadas por períodos trimestrais vencidos.

· O período voluntario de cobramento será de dous meses, a contar dende o día en que se poñan os recibos ao cobro. Transcorrido o dito período sen se ter efectuado o ingreso, abrirase a vía de constrinximento e reportarase o recargo do 20 por 100 da débeda non ingresada así como o dos xuros de demora correspondentes a este, computándose no seu caso, como pagos a conta, as cantidades pagadas fóra de prazo.

· Este recargo será do 10 por 100 cando a débeda non ingresada se satisfaga antes de que fora notificada á persoa debedora a providencia de constrinximento, e non se esixirán os xuros de demora reportados dende o comezo do período executivo.

Artigo 10º.- Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que as mesmas correspondan en cada caso, estarase ao previsto na Lei xeral tributaria e disposicións concordantes.

Artigo 11º.- Remisión ao regulamento do servizo

En todo o non especialmente previsto nesta ordenanza estarase ao disposto no Regulamento do Servizo municipal de abastecemento domiciliario de auga potable de San Sadurniño.

Disposición adicional transitoria

No momento de entrada en vigor desta ordenanza, os contadores das persoas usuarias existentes seguirán sendo da súa propiedade, e polo tanto deberán encargarse do seu mantemento. En todo caso, en calquera momento poderán solicitar ao Concello a instalación dun novo contador, asumindo os servizos municipais o seu mantemento, e a persoa usuaria o pagamento da correspondente taxa periódica.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.