Pobra do Caramiñal A - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO POR MESAS, CADEIRAS E ELEMENTOS AUXILIARES CON FINALIDADE LUCRATIVA.
Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.
O art. 133 da CE sinala que a potestade orixinaria para establecer tributos corresponde exclusivamente ó Estado, mediante lei; e que as Corporacións locais poderán establecer e esixir tributos, de acordo coa Constitución e as leis. Por outra parte, a mesma CE, no seu art. 142, di que as Facendas locais deberán dispoñer dos medios suficientes para o desempeño das funcións que a lei atribúe ás Corporacións respectivas e nutriranse fundamentalmente de tributos propios e da participación nos do Estado e das Comunidades Autónomas. A Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, no seu art. 106, preceptúa que as Entidades Locais terán autonomía para establecer e esixir tributos de acordo co previsto na lexislación do Estado reguladora das Facendas locais e nas leis que dicten as Comunidades Autónomas nos supostos expresamente previstos naquela; e ademais que a potestade regulamentaria das Entidades locais en materia tributaria exercerase a través de Ordenanzas fiscais reguladoras dos seus tributos propios. Pola súa parte o art. 58 da Lei 39/1988, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, autoriza ós entes locais a esixir taxas pola utilización privativa do dominio público. Por último, as taxas ó ser tributos que poden ser esixidos polos entes locais de forma potestativa, é necesario aproba-las correspondentes Ordenanzas fiscais de conformidade ó previsto nos artigos 15 e ss. da Lei 39/1988.
Artigo 2.º .-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da Taxa a utilización privativa do dominio público local mediante a ocupación de terreos de uso público por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa.
Artigo 3.º .-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas así como as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria:
Que disfruten, utilicen ou aproveiten privativamente o dominio público local en beneficio particular, mediante ocupación de terreos de uso público por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa.
Artigo 4.º .-Exencións.
Están exentos da Taxa o Estado, as Comunidades Autónomas e as Entidades locais polos aproveitamentos inherentes ós servicios públicos de comunicacións que exploten directamente ou por tódolos que inmediatamente interesen á seguridade cidadá ou á defensa nacional.
Artigo 5.º .-Cota tributaria.
1. A cota da taxa regulada nesta ordenanza será a fixada na tarifa contida no artigo seguinte, atendendo á categoría da rúa e en función do tempo de duración do aproveitamento e da superficie que sexa autorizada a ocupar en virtude da licencia, ou a realmente ocupada, se fora maior.
2. Nos supostos que se utilicen procedementos de licitación pública, o importe da taxa será o valor económico da proposición sobre a que recaia a concesión, autorización ou adxudicación.
Artigo 6.º .-Tarifas.
A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a seguinte:
a) Zona casco urbano:
Por m2 e mes 6,377988 euros; 1 mesa e 4 cadeiras = 4 m2: 25,511953 euros /mesa/mes
b) Zona praias:
Por m2 e mes 6,377988 euros; 1 mesa e 4 cadeiras = 4 m2: 25,511953 euros/mesa/ mes
c) Resto municipio:
Por m2 e mes 2,870095 euros (462 ptas.); 1 mesa e 4 cadeiras = 4 m2: 11,480378 euros /mesa/mes
As citadas taxas soamente serán aplicables durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.
Artigo 7.º .-Devengo.
1. O devengo da taxa regulada nesta Ordenanza nace:
a) Tratándose de concesións de novo aproveitamento de vía pública, no momento de solicita-la correspondente licencia.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados, o día primeiro de cada un dos períodos naturais de tempo sinalados na tarifa.
2. O pagamento da taxa realizarase:
a) Tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na tesourería municipal ou onde establecera o concello, pero sempre antes de retira-la correspondente licencia.
Este ingreso terá carácter de depósito previo, conforme ó disposto no art. 47.1 da Lei 39/88, do 28 de decembro, quedando elevado a definitivo ó concederse a correspondente licencia.
b) Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, unha vez incluídos nos padróns ou matrículas desta taxa, por trimestres naturais nas dependencias de recadación municipal dende o día 16 do primeiro mes do trimestre ata o 15 do segundo mes.
Artigo 8.º .-Declaración de ingreso e xestión.
1. As cantidades esixibles de acordo coas tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán irreducibles polo período anual ou de temporada autorizado.
2. As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza, deberán solicitar, previamente, a licencia, realizar o depósito previo a que se refire o art. 7.2 a) anterior e formular declaración na que conste a superficie do aproveitamento e os elementos que se van a instalar.
3. Os servicios técnicos municipais comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións se non se atoparan diferencias coas peticións de licencias. Se apareceran diferencias notificaranse estas ós interesados e xiraranse, de ser o caso, as liquidacións complementarias correspondentes, concedéndose as autorizacións logo de subsanadas as diferencias polos interesados e, se é o caso, realizados os ingresos complementarios que procedan.
4. No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar deste Concello a devolución do importe ingresado.
5. Non se consentirá a ocupación da vía pública ata que se aboe o depósito previo a que se refire o art. 7.2. a) seguinte e sexa obtida a correspondente licencia polos interesados. O incumprimento deste mandato dará lugar á non concesión da licencia sen prexuízo do pagamento da taxa e das sancións e recargos que procedan.
6. Logo de autorizada a ocupación entenderase prorrogada mentres non sexa acordada a súa caducidade pola alcaldía ou sexa presentada baixa xustificada polo interesado ou polos seus lexítimos representantes, caso de falecemento.
7. A presentación da baixa producirá efectos a partir do día primeiro do período natural de tempo seguinte sinalado no epígrafe da tarifa que corresponda. Sexa cal sexa a causa que se alegue en contrario, a non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.
8. As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia.
Artigo 9.º .-Infraccións e sancións.
A limpeza dos espacios que se ocupen será por conta dos concesionarios, debendo manterse en debidas condicións de hixiene, e a estética responderá ó entorno onde se ubique, previa comprobación polos servicios municipais.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo pleno do Concello o día 18 de febreiro de 1999, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir do día seguinte, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.