Pobra do Caramiñal A - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO POR MESAS, CADEIRAS E ELEMENTOS AUXILIARES CON FINALIDADE LUCRATIVA.

Publicación provisional: 31/03/1999 BOP Nº: 73
Publicación definitiva: 31/03/1999 BOP Nº: 73
Aplicable dende: 01/01/2008

Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.

O art. 133 da CE sinala ca potestade orixinaria para establecer tributos corresponde exclusivamente ó Estado, mediante lei; e cas Corporacións locais poderán establecer e esixir tributos, de acordo coa Constitución e as leis. Por outra parte a mesma CE, no seu art. 142, di que as Facendas locais deberán dispoñer dos medios suficientes para o desempeño das funcións ca lei atribúe ás Corporacións respectivas e nutriranse fundamentalmente de tributos propios e da participación nos do Estado e das Comunidades Autónomas. A Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, no seu art. 106, preceptúa cas Entidades locais terán autonomía para establecer e esixir tributos de acordo co previsto na lexislación do Estado reguladora das Facendas locais e nas Leis que dicten as Comunidades Autónomas nos supostos expresamente previstos naquela; e ademais ca potestade regulamentaria das Entidades Locais en materia tributaria exercerase a través de Ordenanzas fiscais reguladoras dos seus tributos propios. Pola súa parte o art. 57 do RDL 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, autoriza ós Concellos a esixir taxas pola utilización privativa do dominio público. Por último, as taxas ó ser tributos que poden ser esixidos polos entes locais de forma potestativa, é necesario aproba-las correspondentes Ordenanzas fiscais de conformidade ó previsto nos artigos 15 e ss. Do RDL 2/2004, de 5 de marzo.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

Constitúe o feito impoñible da Taxa a utilización privativa do dominio público local mediante a ocupación de terreos de uso público por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa.

Artigo 3.º .-Suxeitos pasivos.

Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas así como as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria que disfruten, utilicen ou aproveiten privativamente o dominio público local en beneficio particular, mediante ocupación de terreos de uso público por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa.

Artigo 4.º .-Exencións.

Están exentos da Taxa o Estado, as Comunidades Autónomas e as Entidades locais polos aproveitamentos inherentes ós servicios públicos de comunicacións que exploten directamente ou por tódolos que inmediatamente interesen á seguridade cidadá ou á defensa nacional.

Artigo 5.º .-Cota tributaria.

1. A cota da taxa regulada nesta ordenanza será a fixada na tarifa contida no artigo seguinte, atendendo á categoría da rúa e en función do tempo de duración do aproveitamento e da superficie que sexa autorizada a ocupar en virtude da licencia, ou a realmente ocupada, se fora maior.

2. Nos supostos que se utilicen procedementos de licitación pública, o importe da taxa será o valor económico da proposición sobre a que recaia a concesión, autorización ou adxudicación.

Artigo 6.º .-Tarifas.

A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a seguinte:
a) Zona casco urbano:
Por m² e mes 7,17 € ; 1 mesa e 4 cadeiras = 4 m²
28,69 €/mesa/mes
b) Zona praias:
Por m² e mes 7,17 €; 1 mesa e 4 cadeiras = 4 m²
28,69 €/mesa/mes
c) Resto municipio:
Por m² e mes 3,20 € ; 1 mesa e 4 cadeiras = 4 m²
12,92 €/mesa/mes
As citadas taxas soamente serán aplicables durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.

Artigo 7.º .-Devengo.

1.- O devengo da taxa regulada nesta Ordenanza nace:

a)Tratándose de concesións de novo aproveitamento de vía pública, no momento de solicita-la correspondente licencia.

b)Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados, o día primeiro de cada un dos períodos naturais de tempo sinalados na tarifa.

2.- O pagamento da taxa realizarase:

a)Tratándose de concesións de novos aproveitamentos, por ingreso directo na tesourería municipal ou onde establecera o concello, pero sempre antes de retira-la correspondente licencia.

b)Tratándose de concesións de aproveitamentos xa autorizados e prorrogados, unha vez incluídos nos padróns ou matrículas desta taxa, por trimestres naturais nas dependencias de recadación municipal dende o día 16 do primeiro mes do trimestre ata o 15 do segundo mes.

Artigo 8.º .-Declaración de ingreso e xestión.

1.-As cantidades esixibles de acordo coas tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán prorrateables polo período de tempo autorizado.

2.- As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza, deberán solicitar, previamente, a licencia, realizar o depósito previo do importe e formular declaración na que conste a superficie dos aproveitamentos e os elementos que se van a instalar.

3.- Os servicios técnicos municipais comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións se non se atopan diferencias coas peticións de licencias. Se apareceran diferencias notificaranse estas ós interesados e xiraranse, de ser o caso, as liquidacións complementarias correspon dentes, concedéndose as autorizacións logo de subsanadas as diferencias polos interesados e, se é o caso, realizados os ingresos complementarios que procedan.

4.- No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar deste Concello a devolución do importe ingresado.

5.- Non se consentirá a ocupación da vía pública ata que se aboe o depósito previo do importe e sexa obtida a correspondente licencia polos interesados. O incumprimento deste mandato dará lugar á non concesión da licencia sen prexuizo do pagamento da taxa e das sanción e recargos que procedan.

6.- Logo de autorizada a ocupación entenderase prorrogada mentres non sexa acordada a súa caducidade pola alcaldía ou sexa presentada baixa xustificada polo interesado ou polos seus lexítimos representantes, caso de falecemento.

7.- a presentación da baixa producirá efectos a partir do día primeiro do período natural de tempo seguinte sinalado no epígrafe da tarifa que corresponda. Sexa cal sexa a causa que se alegue en contrario, a non presentación da baixa determinará a obriga de continuar aboando a taxa.

8.- As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia.

9.- Esta taxa poderá esixirse en réxime de autoliquidación.

Artigo 9.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.

A limpeza dos espacios que se ocupen será por conta dos concesionarios, debendo manterse en debidas condicións de hixiene, e a estética responderá ó entorno onde se ubique, previa comprobación polos servicios municipais.

Disposición final.

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo pleno do Concello o día 18 de febreiro de 1999, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir do día seguinte, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.