Pobra do Caramiñal A - ORDENANZA FISCAL Nº 10, REGULADORA DA TAXA POR OCUPACIÓN DE TERREOS DE USO PÚBLICO POR MESAS, CADEIRAS E ELEMENTOS AUXILIARES CON FINALIDADE LUCRATIVA.
Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.
O art. 133 da CE sinala ca potestade orixinaria para establecer tributos corresponde exclusivamente ó Estado, mediante lei; e cas Corporacións locais poderán establecer e esixir tributos, de acordo coa Constitución e as leis. Por outra parte a mesma CE, no seu art. 142, di que as Facendas locais deberán dispoñer dos medios suficientes para o desempeño das funcións ca lei atribúe ás Corporacións respectivas e nutriranse fundamentalmente de tributos propios e da participación nos do Estado e das Comunidades Autónomas. A Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das Bases de Réxime Local, no seu art. 106, preceptúa cas Entidades locais terán autonomía para establecer e esixir tributos de acordo co previsto na lexislación do Estado reguladora das Facendas locais e nas Leis que dicten as Comunidades Autónomas nos supostos expresamente previstos naquela; e ademais ca potestade regulamentaria das Entidades Locais en materia tributaria exercerase a través de Ordenanzas fiscais reguladoras dos seus tributos propios. Pola súa parte o art. 57 do RDL 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, autoriza ós Concellos a esixir taxas pola utilización privativa do dominio público. Por último, as taxas ó ser tributos que poden ser esixidos polos entes locais de forma potestativa, é necesario aproba-las correspondentes Ordenanzas fiscais de conformidade ó previsto nos artigos 15 e ss. Do RDL 2/2004, de 5 de marzo.
Artigo 2.º .-Feito impoñible.
Constitúe o feito impoñible da Taxa a utilización privativa do dominio público local mediante a ocupación de terreos de uso público por mesas, cadeiras e elementos auxiliares con finalidade lucrativa.
Artigo 3.º .-Suxeitos pasivos.
Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas así como as entidades a que se refire o artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria que soliciten a preceptiva licencia municipal para a utilización privativa ou aproveitamento especial do dominio público local ou, no caso de non existir solicitude previa, que gocen, utilicen ou aproveiten privativamente o dominio público local en beneficio particular, mediante a realización do feito impoñible.
Artigo 4.º .-Exencións.
Están exentos da Taxa o Estado, as Comunidades Autónomas e as Entidades locais polos aproveitamentos inherentes ós servicios públicos de comunicacións que exploten directamente ou por tódolos que inmediatamente interesen á seguridade cidadá ou á defensa nacional.
Artigo 5.º .-Cota tributaria.
1. A cota da taxa regulada nesta ordenanza será a fixada na tarifa contida no artigo seguinte, atendendo á categoría da rúa e en función do tempo de duración do aproveitamento e da superficie que sexa autorizada a ocupar en virtude da licencia, ou a realmente ocupada, se fora maior.
2. Nos supostos que se utilicen procedementos de licitación pública, o importe da taxa será o valor económico da proposición sobre a que recaia a concesión, autorización ou adxudicación.
Artigo 6.º .-Tarifas.
A contía da taxa regulada nesta ordenanza será o resultado de aplicar a seguinte tarifa:
EPÍGRAFE | CONCEPTO | Tarifa mensual | Tarifa diaria |
1º.- Zona casco urbano | Por m2 | 7,66 € | 0,25 € |
Por 1 mesa e 4 cadeiras = 4m2 | 30,62 € | 1,02 € | |
2º.- Zona praias | Por m2 | 7,66 € | 0,25 € |
Por 1 mesa e 4 cadeiras = 4m2 | 30,62 € | 1,02 € | |
3º.- Resto municipio | Por m2 | 3,42 € | 0,12 € |
Por 1 mesa e 4 cadeiras = 4m2 | 13,68 € | 0,46 € |
As citadas taxas soamente serán aplicables durante os meses de xuño, xullo, agosto e setembro.
Artigo 7.º .-Devengo.
1.- O devengo da taxa regulada nesta Ordenanza nace no momento de solicita-la preceptiva licencia.
2.- O pagamento da taxa realizarase por ingreso directo na tesourería municipal ou onde estableza o Concello, no momento de solicita-la preceptiva licencia. Durante os meses de verán, xuño, xullo, agosto e setembro, os obrigados poderán efectuar o pagamento da taxa, fraccionadamente por partes iguais en mensualidades, antes do día primeiro de cada un dos períodos naturais autorizados.
3.- No caso de denegarse as autorizacións, os interesados poderán solicitar deste Concello a devolución do importe.
Artigo 8.º .-Declaración de ingreso e xestión.
1.-As cantidades esixibles de acordo coas tarifas liquidaranse por cada aproveitamento solicitado ou realizado e serán prorrateables por quincenas cando o período mínimo autorizado de instalación sexa de 15 días naturais. O tempo autorizado será como mínimo dun mes e como máximo o ano natural. Excepto nos meses de xuño e setembro durante os cales o período mínimo autorizado será de 15 días naturais. Neste caso aplicarase a tarifa mensual cunha bonificación do 5 %.
2.- As persoas ou entidades interesadas na concesión de aproveitamentos regulados nesta ordenanza, deberán solicitar a licencia, cunha antelación mínima de 2 días ao inicio do período de instalación solicitado, ingresando a autoliquidación correspondente. Tanto ás solicitudes presentadas fora de prazo coma ás autoliquidacións ingresadas tamén fora de prazo se lles aplicará a recarga executiva do 5 % consonte ao regulado no artigo 28 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria (LXT).
3.- Excepcionalmente poderán solicitarse, no verán, ocupacións do espacio público, superficie ou número de mesas, diferentes para cada día, respectando sempre o mínimo tempo autorizado. Sempre e cando a solicitude se realice cunha antelación mínima de 10 días ao inicio do período de instalación solicitado. A este tipo de solicitudes se lles aplicara a tarifa diaria. Tanto ás solicitudes presentadas fora de prazo coma ás autoliquidacións ingresadas tamén fora de prazo se lles aplicará a recarga executiva do 5 % consonte ao regulado no artigo 28 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria (LXT).
4.- Se así o solicita o obrigado o ingreso das autoliquidacións correspondentes a autorizacións de duración igual ou superior a un mes poderá fraccionarse en 2 prazos de igual importe. O ingreso do primeiro prazo deberá efectuarse no mesmo momento e do mesmo xeito cas autoliquidacións non fraccionadas. Rematando o prazo para o ingreso voluntario do segundo prazo o día vinte do mes no que se instale a terraza.
5.- As solicitudes de licencia, presentaranse no Rexistro Xeral da Corporación. Nas instancias deberá facerse constar de xeito detallado o seguinte:
- Período de instalación solicitado.
- Superficie dos aproveitamentos e os elementos de mobiliario urbano que se pretendan instalar nas terrazas.
- Licencia de actividade e funcionamento do establecemento.
- Plano a escala da terraza que se pretende instalar con indicación dos elementos de mobiliario urbano, así como da súa clase, natureza, número, colocación destes e metros cadrados que pretende ocupar.
- Declaración xurada do interesado de estar libre de cargas e non ter débedas pendentes co Concello.
-Xustificante de ter ingresado a autoliquidación correspondente ou o de ter efectuado o depósito previo do importe
6.- Con anterioridade á concesión da licencia os servicios técnicos municipais de urbanismo informarán as solicitudes formuladas polos interesados, determinando o cumprimento da normativa urbanística.
7.- Os servicios técnicos económicos municipais comprobarán e investigarán as declaracións formuladas polos interesados, concedéndose as autorizacións se non se atopan diferencias coas peticións de licencias e sempre que o interesado estea libre de cargas e non teña débedas pendentes co Concello. Se apareceran diferencias, notificaranse estas aos interesados e xiraranse, de ser o caso, as liquidacións complementarias correspondentes, concedéndose as autorizacións logo de subsanadas as diferencias polos interesados e, se é o caso, realizados os ingresos complementarios que procedan. No caso de que o interesado non estea libre de cargas e/ou xurdan débedas pendentes co Concello durante o período autorizado a autorización será revogada.
8.- Non se consentirá a ocupación da vía pública ata que se aboe a correspondente autoliquidación ou o depósito previo do importe e sexa obtida a correspondente licencia polos interesados. O incumprimento deste mandato dará lugar á non concesión da licencia sen prexuízo do pagamento da taxa e das sanción e recargas que procedan. Tampouco se concederá licencia de ocupación a quen non estea libre de cargas ou teña débedas pendentes co Concello.
9.- As autorizacións terán carácter persoal e non poderán ser cedidas ou subarrendadas a terceiros. O incumprimento deste mandato dará lugar á anulación da licencia.
10.- Esta taxa poderá esixirse en réxime de autoliquidación.
Artigo 9.º .-Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.
A limpeza dos espacios que se ocupen será por conta dos concesionarios, debendo manterse en debidas condicións de hixiene, e a estética responderá ó entorno onde se ubique, previa comprobación polos servicios municipais.
ARTIGO 10º.- Infraccións e sancións.
O Alcalde e se é o caso o Tenente Alcalde delegado, a través dos servicios municipais correspondentes, será o competente para controlar o exacto cumprimento das normas establecidas nas presentes normas,así como para a imposición de sancións, previa a instrucción do expediente sancionador por parte dos servicios municipais correspondentes.
ARTIGO 11º.- Clasificación das Infraccións.
As infraccións das normas contidas na presente Ordenanza e disposicións complementarias clasifícanse en graves e moi graves.
1 Faltas graves:
a) A falta de ornato e limpeza na terraza ou no seu contorno.
b) O deterioramento nos elementos do mobiliario e ornamentais urbano anexos ou colindantes ao establecemento, que se produzan como consecuencia da actividade desenvolta polo titular da licencia.
c) A ocupación de maior superficie da autorizada, cando o dito exceso non supere nun 10% a superficie autorizada.
d) A non exhibición das autorizacións municipais preceptivas aos inspectores ou autoridades municipais que o soliciten.
2 Faltas moi graves:
a) A reiteración de dúas faltas graves.
b) A desobediencia aos lexítimos requirimentos dos inspectores e autoridades.
c) Non desmontar as instalacións cando así fose ordeado pola autoridade municipal.
d) Instalar elementos de mobiliario non autorizados nin homologados polos servicios municipais.
e) Incumprir as condicións técnicas de instalación e dotacións sinaladas na licencia.
f) A ocupación de maior superficie da autorizada en mais dun 10%.
g) A ocupación da vía pública sen de ter aboado o depósito previo do importe da taxa e/ou sen ter obtida a correspondente licencia.
ARTIGO 12º.- Sancións.
1. As faltas moi graves sancionaranse con multa de ata 300 €. En caso de reiteración na comisión dunha falta moi grave procederá á revogación da licencia.
2. A sanción correspondente ás faltas graves será de ata 150 €.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo pleno do Concello o día 18 de febreiro de 1999, entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e será de aplicación a partir do día seguinte, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.