Pontedeume - Ordenanza fiscal reguladora da taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal Chalet Rosa.
Artigo 1.-Fundamento legal
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, o Concello de Pontedeume establece a taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal "Chalet Rosa", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
Artigo 2.-Feito impoñible
Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servicio da escola infantil municipal.
Artigo 3.-Suxeitos pasivos
Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito impoñible desta taxa.
Tendo en conta que os usuarios do servicio gravado por esta taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais, titores, ou calquera outro representante legal.
Artigo 4.-Responsables
Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria.
Artigo 5.-Estimación das rendas, tarifas, descontos e exencións.
Este baremo adáptase ó publicado pola Consellería de Familia, Promoción de Emprego, Muller e Xuventude a través do Decreto 70//2002, do 28 de febreiro, polo que se aproba o réxime de prezos dos centros de atención á primeira infancia dependentes da dita Consellería (DOG número 52, do mércores 13 de marzo de 2002), que rexerán mentres non existan modificacións posteriores e que serán os seguintes:
- SMI (salario mínimo interprofesional) para o ano 2002: 442,20 euros/mes, establecido no RD 1466/2001, do 27.12.2001; BOE 311, do 28.12.2001, para o ano 2002.
- Prezo base/mes por asistencia (8 horas/día): 110 euros mensuais.
- O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario normal será de 13,75 euros/mes.
- O Decreto 70/2002 sinala unicamente os prezos por asistencia en horario completo; os ratios por horario reducido obtéñense con aplicacións porcentuais.
Os prezos non incluídos na orde tamén se revisarán anualmente.
Artigo 6.-Base impoñible e cota tributaria
6.1. A base impoñible virá determinada pola renda per cápita mensual, entendendo por tal o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar o cociente resultante de dividir por doce a suma dos ingresos totais da unidade familiar.
Enténdese por unidade familiar a formada polos pais e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos, cunha minusvalía superior ó 33 por cento. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita, incrementarase nun 0,8 ó número real de membros que compoñen a unidade familiar.
Para os efectos, ten a consideración de ingresos a suma da parte xeral maila parte especial da base impoñible, previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas.
Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de aplicarlles ós datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.
6.2. A cota tributaria calcularáse coas seguintes tarifas máximas:
Contribucións mensuais por horas de uso, horas complementarias e matrícula anual.
RPC/mes Reduc-cións A pagar (8 h) X.Mañán (80%) X. Tarde (50%) Horario ampliado hora/mes Matrícula/cursoescolar Inferior ó 30% do SMI: -132,66 Euros 100% 0 0 0 0 euros 60 euros Dende o 30% do SMI e inferior ó 50% SMI: 132,66-221,10 euros 100% 0 euros 0 euros 0 euros 6.87 euros 60 euros Entre o 50% e o 75% SMI: 221,10 - 331,65 euros 70% 33 euros 26,40 euros 16,50 euros 6.87 euros 60 euros Superior ó 75% e inferior ó 100% SMI: 331,65 - 442,20 euros 40% 66 euros 52,80 euros 33,00 euros 6.87 euros 60 euros Entre o 100% e o 150% SMI: 442,20 - 663,30 euros 10% 99 euros 79,20 euros 49,50 euros 13.75 euros 90euros Superior ó 150% SMI: + 663,30 euros 0% 110 euros 88,00 euros 55,00 euros 13.75 euros 90 euros - A matrícula será irreductible e se devengará ó inicio de cada curso escolar ou no momento de ingreso no centro.
-O prezo de cada hora complementaria en que se incremente o horario normal será de 2 euros (dous euros).
Descontos:
a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20%.
b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20%.
c) Cando asistan ó mesmo centro varios irmáns, desconto dun 20% por cada neno/a atendido/a. No caso de que estes irmáns nacesen de parto múltiple, o desconto será dun 30% por cada neno/a.
Estes descontos serán acumulables en caso de concorrer estas circunstancias na mesma praza.
Cando o/a neno/a atendido/a ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50%.
Artigo 7.-Retribución e período impositivo
A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, rateado por meses.
Artigo 8.-Liquidación, recadación e xestión
8.1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servicio. En calquera momento o suxeito pasivo terá a posibilidade de domicilia-los recibos.
8.2. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes de vacacións do neno. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.
8.3. A non asistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón reducción ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.
Cando, por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ó centro, o suxeito obrigado estará exento de aboa-la cota mensual dende o primeiro día do segundo mes natural seguinte ó da data de ausencia ó centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno/a ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente ó dito mes reducirase nun 50 por cento.
A solicitude de suspensión da cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o señor alcalde, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.
Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes ó da notificación da resolución denegatoria.
Artigo 9.-Infraccións e sancións
En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.
Disposición final
A presente ordenanza fiscal entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.