Pontedeume - ORDENANZA FISCAL N.º 29, REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL CHALET ROSA

Publicación provisional: 07/02/2003 BOP Nº: 31
Publicación definitiva: 07/02/2003 BOP Nº: 31
Aplicable dende: 01/09/2014

Artigo 1.-Fundamento legal

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, na súa nova redacción dada pola Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do réxime legal das taxas estatais e locais e de reordenación das prestacións patrimoniais de carácter público, o Concello de Pontedeume establece a taxa pola prestación do servicio da escola infantil municipal "Chalet Rosa", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.-Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servicio da escola infantil municipal.

Artigo 3.-Suxeitos pasivos

Son suxeitos pasivos desta taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servicio que constitúe o feito impoñible desta taxa.

Tendo en conta que os usuarios do servicio gravado por esta taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais, titores, ou calquera outro representante legal.

Artigo 4.-Responsables

Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria.

Artigo 5.-Estimación das rendas, tarifas, descontos e exencións.

Este baremo reproduce/adáptase ás contías establecidas no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantía 0-3 dependentes desta consellería (DOG n.º 17, do 25 de xaneiro de 2012), publicado pola Consellería de Traballo e Benestar, os cales actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xuño anterior, mediante resolución, que se publicará no Diario Oficial de Galicia, da Secretaría Xeral de Política Social.

Artigo 6.-Base impoñible e cota tributaria

6.1. A base impoñible virá determinada pola renda per cápita mensual da unidade familiar, que se computará segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:

I. Os/as filloas/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as país/nais, vivan independentes detes/as.

II. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

III. Os/as fillos /as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

6.2. A cota tributaria calcularase coas seguintes tarifas máximas:

6.2.1. Prezo da atención educativa.

O prezo pola atención educativa en xornada completa fíxase en 163,52 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no apartado 6.2.3.

Os ratios por horario reducido obtéñense con aplicacións porcentuais.

Todos/as os/as alumnos/as que teñan concedida unha praza na escola infantil deberán aboar unha matrícula anual dentro dos 10 días hábiles seguintes á publicación da relación definitiva de admitidos/as e da listaxe de espera no taboleiro do Concello e da Escola infantil municipal.

O importe da matrícula variará en función da renda per capita mensual da unidade familiar, segundo se recolle no cadro resumo de cotas que figura no anexo I. Este prezo será de 60€ /ano nos primeiros seis tramos da táboa (inferior ao 150% IPREM) e de 90€ /ano nos dous últimos (igual ou superior ao 150% IPREM).

Ninguén estará exento do pagamento da matrícula.

6.2.2. Prezo por servizos complementarios.

a) Servizo de comedor.

O prezo por este servizo fíxase en 71,54 € mensuais.

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre este prezo aplicaranse as reducións que se especifican no apartado 6.2.3.

No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente e por motivos xustificados desexen utilizalo algún día solto, o prezo será de 4,09 € por día.

O prezo de comedor por días soltos non estará suxeito a ningunha redución.

b) Horario ampliado.

Con carácter excepcional os/as usuarios/as poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade.

O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario da atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria será de 20,44 €.

O prezo da hora extraordinaria non estará suxeito a ningunha redución.

6.2.3. Aplicación dos prezos mensuais segundo os tramos de renda per cápita da unidade familiar:

a) Rendas inferiores ao trinta por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 0 €; sen servizo de comedor 0 €.

b) Rendas comprendidas entre o 30 e inferiores ao 50 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 16,86 €; sen servizo de comedor 0 €.

c) Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 50,59 €; sen servizo de comedor 33,73 €.

d) Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 93,00 €; sen servizo de comedor 67,45 €.

e) Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 144,10 €; sen servizo de comedor 108,33 €.

f) Rendas comprendidas entre 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 179,87 €; sen servizo de comedor 128,77 €.

g) Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 203,38 €; sen servizo de comedor 142,06 €.

h) Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM.

Prezo da praza: con servizo de comedor 235,06 €; sen servizo de comedor 163,52 €.

6.2.4. Descontos.

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no apartado anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto dun 20 por cento.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.

Artigo 7.-Retribución e período impositivo

A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servicio. O período impositivo coincide co ano natural, rateado por meses.

Artigo 8.-Liquidación, recadación e xestión

8.1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servicio. En calquera momento o suxeito pasivo terá a posibilidade de domicilia-los recibos.

8.2. Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes de vacacións do neno. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.

8.3. A non asistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón reducción ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.

Cando, por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ó centro, o suxeito obrigado estará exento de aboa-la cota mensual dende o primeiro día do segundo mes natural seguinte ó da data de ausencia ó centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno/a ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente ó dito mes reducirase nun 50 por cento.

A solicitude de suspensión da cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o señor alcalde, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.

Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días seguintes ó da notificación da resolución denegatoria.

Artigo 9.-Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición final

Esta ordenanza fiscal, unha vez aprobada polo pleno do Concello de Pontedeume en sesión ordinaria do 31/10/2013, entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse o 01/01/2014, continuando a súa vixencia ata que se acorde a súa modificación ou derrogación expresa.