Cambre - Ordenanza Fiscal Reguladora dos Prezos Públicos por Actividades Culturais

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 31/12/2005 BOP Nº: 299
Aplicable dende: 01/01/2006

Artigo 1º. - Fundamento e natureza.

De acordo co previsto no artigo 127, en relación co artigo 41, ambos do do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, regulador das facendas locais, este Concello establece prezos públicos por actividades culturais regulados pola presente.

Artigo 2º. - Concepto.

Os prezos públicos regulados nesta ordenanza constitúen prestacións patrimoniais de carácter público que se satisfarán polos usuarios que voluntariamente soliciten algunha das actividades mencionadas no artigo anterior.

Artigo 3º. - Obrigados ó pagamento.

Están obrigados ó pagamento do prezo público, regulado nesta ordenanza, quen se beneficien das actividades prestadas por este Concello a que se refire o artigo anterior.

Artigo 4º .- Contía.

1. A contía do prezo público regulado nesta ordenanza será a que fixe, en cada caso, a Xunta de Goberno Local en exercicio da delegación outorgada ó seu favor polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o día 24 de xuño de 2004, de acordo co artigo 47 do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, e 23 da Lei 7/1985, de 2 de abril.

A Xunta de Goberno Local de acordo co artigo 44, apartado 2, do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo poderá fixar prezos públicos que non cubran o custo do servicio ou actividade prestado, dado que nestes casos concorren razóns sociais, culturais ou de interese público que así o aconsellen, ó perseguir con estas actividades a consecución do mandato establecido na Constitución española de promoción e tutela do acceso á cultura (artigo 44).


2. Reduccións.

A contía dos prezos públicos aos que se refire esta ordenanza, verase reducida na porcentaxe que se sinala en cada un dos supostos seguintes:

a) As persoas que acrediten formar familia numerosa, o 50 por 100 da cota en cada actividade.

b) Cando se inscriban, polo menos, tres participantes dunha mesma unidade familiar, o 50 por 100 nas cotas correspondentes aos menores de idade integrantes dela.

c) As persoas maiores de 55 anos, o 25 por 100 da cota.

d) As persoas que acrediten debidamente figurar nos rexistros do paro, así como as persoas pertencentes ó voluntariado de Cambre, terán unha bonificación do 30 por 100 da cota.

e) Os posuidores do "carné xove", "carné máis" ou "carné propio da omix", terán unha bonificación do 20 por 100 da cota.

f) As persoas que acrediten a súa falta de capacidade económica para o pagamento da tarifa correspondente segundo informe dos servicios sociais do Concello de Cambre ao respecto, o 100 por 100 da cota.

3. As reduccións reguladas no apartado anterior, só serán de aplicación a aquelas persoas empadroadas no municipio de Cambre, non sendo posible aplicar máis dunha delas. En caso de que unha das reduccións aplicables, o sexa por ser a persoa pertencente o voluntariado de Cambre, á maior delas aplicaráselle unha reducción acumulable do 10%.

Artigo 5º. - Obriga do pagamento.

1. A obriga do pagamento do prezo público regulado nesta ordenanza nace dende que se inicie a realización da actividade, se ben se exige o seu depósito previo de acordo co artigo 46.1 do Real decreto lexislativo 2/2004.

2. Para os efectos, o ingreso do prezo público realizarase previamente á autorización mediante domiciliación bancaria, que será obrigatoria.

3. No suposto de que por causas non imputables ao interesado deixara de realizarse a actividade solicitada procederase á devolución do depósito constituído.

Artigo 6º. - Infraccións e sancións.

As infraccións e sancións rexeranse polo disposto nos artigos 178 e seguintes da Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento."