Pobra do Caramiñal A - ORDENANZA REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS
ARTIGO 1º
1.- De conformidade co establecido no art. 101 de Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, constitúe o feito impoñible do Imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construcción, instalación ou obra par a que se esixa a obtención da correspondente licencia de obra, obtéñase ou non dita licencia, sempre que a mencionada expedición corresponda a este Concello.
2.- As construccións, instalacións ou obras ás que se refire o apartado anterior deberán consistir en:
A) Obras de construcción de edificacións e instalacións, de tódalas clases, de nova planta.
B) Obras de demolición.
C) Obras en edificios, tanto aquelas que modifiquen a súa disposición interior como o seu aspecto exterior.
D) Aliñamentos e rasantes.
E) Obras de fontanería e sumidoiros.
F) Obras en cemiterios.
G) Calquera outra construcción, instalación ou obra que requira licencia de obra urbanística.
Artigo 2.º
1.- Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, persoas xurídicas ou entidades do artigo 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria, que sexan donos da construcción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.
Ós efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construcción, instalación ou obra quen soporte o costo que comporte a súa realización.
2.-No suposto de que a construcción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do mesmo os que soliciten as correspondentes licencias ou realicen as construccións, instalacións ou obras.
O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
Artigo 3.º
1.-A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construcción, instalación ou obra, e se entende por tal, a estes efectos, o costo de execución material de aquela.
2.-A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.
3.- O tipo de gravame aplicable será o 2,9 %.
4.-A obriga de paga-lo imposto xurde no momento de inicia-la construcción, instalación ou obra, aínda cando non se tivese a correspondente licencia.
Artigo 4.º .
1.- O suxeito pasivo virá obrigado a efectuar a correspondente autoliquidación do imposto de acordo coas normas establecidas na presente Ordenanza e no modelo oficial. Igualmente vira obrigado a ingresa-la cota resultante da autoliquidación no momento de efectua-la solicitude da correspondente ante a Administración municipal.
2.- A autoliquidación presentada terá carácter provisional e a conta, determinándose a base impoñible do tributo en función do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo fora visado polo Colexio Oficial correspondente; cando este non fose preceptivo, dita base determinarase en función dos módulos, que para cada tipo de construcións, instalacións ou obras que se establecen no Anexo da presente Ordenanza.
3.- No caso de que se modifique o proxecto de construción, instalación ou obra e houbese incremento do orzamento, unha vez aceptada a modificación pola Administración municipal, deberase presentar autoliquidación complementaria pola diferenza entre o orzamento inicial e o modificado, con suxeición ós requisitos e efectos indicados nos apartados anteriores.
4.- Cando os suxeitos pasivos non abonasen a correspondente autoliquidación polo imposto ou aboase aquela por cantidade inferior ó orzamento aportado, a Administración municipal poderá practicar e notificar unha liquidación provisional pola cantidade que proceda.
5.- Unha vez rematadas as construcións, instalacións e obras, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte á súa terminación, os suxeitos pasivos presentarán no Concello declaración do costo real e efectivo daquelas, así como os documentos que consideren oportunos a efectos de acredita-lo expresado costo (certificado e orzamento final de obras, ...).
6.- Á vista da documentación aportada e das construcións, instalacións e obras efectivamente realizadas e do costo real e efectivo das mesmas, o Concello mediante a oportuna comprobación administrativa, modificará, no seu caso, a base impoñible, practicando a correspondente liquidación definitiva, e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, se procede, a cantidade que corresponda.
Artigo 6º .
En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que por estas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven, incluíndo multa pecuniaria proporcional do 50 ó 150 % sobre as contías deixadas de ingresar ou sobre os beneficios ou devolucións indebidamente obtidos.
ARTIGO 7º
No non expresamente disposto na presente ordenanza, rexerán os preceptos contidos na subsección 5ª da sección 3ª, do capítulo II do título II do referido Real Decreto Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, concordantes e complementarios desta e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.