Muros - ORDENANZA REGULADORA DO PREZO PÚBLICO DO SERVICIO DE SUMINISTRACIÓN DE AUGA CORRENTE

Publicación provisional: 07/06/1996 BOP Nº: 00
Publicación definitiva: 07/06/1996 BOP Nº: 00
Aplicable dende: 07/06/1996

Artigo 1.- Feito imponible.

Constitúe o feito imponible ou presuposto de aplicación do prezo público que regula esta ordenanza a prestación do servicio de suministración de auga corrente pola "Mancomunidade de auga dos concellos de Carnota e Muros.

Artigo 2.- Suxeito pasivo ou obrigado ó pagamento.

1. Están obrigados ó pagamento do prezo público as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei 230/1963, de 28 de decembro, xeral tributaria (en diante, LXT), seguintes:

            a) Cando se trate da conexión á rede de suministración, o dono, usufructuario ou titular do dominio útil do inmoble.

            b) Cando se trate da recepción do servicio, os ocupantes ou usuarios do inmoble beneficiario del, calquera que sexa o seu título (donos, usufructuarios, arrendatarios ou precaristas).

            2. En calquera caso, o dono da vivenda ou local terá a natureza de substituto do ocupante ou usuario na obrigación do pagamento e poderá, se é o caso, repercuti-las cotas que satisfaga sobre os beneficiarios do servicio.

Artigo 3.- Responsables.

1. Responderán solidariamente da obrigación de pagamento do prezo público, as persoas físicas e xurídicas as que se refiren os artigos 38.1 e 39 da LXT.

2. Serán responsables subsidiarios do pagamento os administradores das sociedades e os síndicos, interventores e liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades nos supostos que prevé o artigo 40 de LXT.

Artigo 4.- Cota.

1. A cota correspondente á licencia ou autorización de conexión á rede de suministración de auga consistirá nunha cantidade fixa de 12.000 ptas., que se aboará unha soa vez.

2. A cota correspondente á prestación do servicio de suministración de auga corrente determinarase en función do volume de auga consumido, de conformidade co seguinte cadro de tarifas:

            a) 35,40 ptas./m3, ata 45 m3 por trimestre. Esta cantidade ten o carácter de facturación mínima esixible.

            b) 60,90 ptas./m3 pola cantidade de auga consumida que supere o mínimo citado no apartado anterior.

 

Artigo 5.- Nacemento da obrigación.

A obrigación de pagamento do prezo público xorde:

            a) No caso do apartado 1 do artigo anterior, na data de presentación da solicitude de licencia de conexión á rede.

            b) No caso do apartado 2 do artigo anterior, desque se realice a conexión á rede de suministración.

 

Artigo 6.- Declaración, liquidación e ingreso.

1. Os donos das vivendas e locais que se beneficien do servicio están obrigados a declararen as altas e baixas no censo de usuarios no prazo dun mes desque se produza a variación na titularidade ou na ocupación do inmoble. A declaración producirá efecto a partir da primeira liquidación que se realice despois da súa presentación.

2. A inscrición inicial no censo realizarase de oficio trala concesión da licencia de conexión.

3. As cotas do prezo público de suministración de auga corrente liquidaranse:

            a) Cando se trate da conexión á rede de suministración, ó solicita-la licencia ou autorización municipal.

            b) Nos outros casos, con periodicidade trimestral."