Índice
Redaccións
San Sadurniño - Ordenanza fiscal núm. 8, reguladora da taxa por expedición de documentos
Publicación provisional:
BOP Nº:
Publicación definitiva:
21/12/2007
BOP Nº:
293
Aplicable dende:
01/01/2008
Artigo 1.º. Fundamento e natureza.
En aplicación do disposto nos artigos 15 a 27 e 58 do texto refundido da Lei de Facendas Locais, aprobado por Real Decreto Legislativo 2/2004 de 5 de marzo, este Concello establece a exacción da taxa por expedición de documentos, que se rexerá pola presente Ordenanza Fiscal.
Artigo 2.º. Feito impoñible.
1.-Constitúe o feito impoñible da taxa a actividade administrativa desempeñada con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expidan e de expedientes de que entendan a Administración ou as autoridades municipais.
2.-Para tal efecto, considerarase tramitada a instancia de parte calquera documentación administrativa que fose expedida ou redunde en beneficio dun particular, aínda que non haxa mediando solicitude expresa.
3.-Non estará suxeita á taxa a tramitación de expedientes e documentos necesarios para:
a) O cumprimento de obrigas tributarias, e a obtención de información en relación con esas obrigas.
b) A devolución de ingresos indebidos.
c) A solicitude de pensións públicas de calquera natureza e as reclamacións ou recursos relativas a estas.
d) Os documentos incluídos en expedientes de alienación de bens e dereitos municipais, ou de adquisición e subministración de bens mobles ou inmobles.
e) Os documentos precisos para a solicitude ou xustificación de subvencións ou axudas económicas, becas e similares.
Artigo 3.º. Suxeito pasivo.
1.-Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, que insten ou soliciten, ou no interese da cal redunde, a tramitación do documento ou expediente de que se trate.
Artigo 4.º. Responsables.
1.-Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas a que se refiren os artigos 38-1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.
2.-Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei Xeral Tributaria.
Artigo 5.º. Cota tributaria.
1.-A cota tributaria consistirá nunha cantidade fixa, sinalada en función da natureza dos documentos ou expedientes a tramitar, de acordo coa seguinte tarifa:
Epígrafe 1: Censos e padróns de poboación
1.-Altas, baixas e alteracións no Padrón Municipal de Habitantes: 1 €.
2.-Certificacións de empadroamento:
- Do Padrón vixente: 1,5 €.
- De Padróns ou censos anteriores: 2 €.
3.-Informes e certificacións de residencia, convivencia, dedicación profesional, conduta e similares, así como todos os informes non incluídos noutros epígrafes: 3,5 €.
Epígrafe 2: Certificacións, compulsas e cotexos
1.-Compulsa ou cotexo de copias: 1,5 € por cada folla.
2.-Por certificacións non comprendidas noutros epígrafes: 3 €.
Epígrafe 3: Documentos relativos a servizos urbanísticos
1.-Expedientes de declaración de ruína de edificios: 60 €.
2.-Informes, certificacións ou cédulas relativos a características de terreos, cualificacións urbanísticas, edificabilidade e outras cuestións urbanísticas: 20 €.
3.-Licenzas e autorizacións para segregación de terreos: 18 €.
4.-Licenzas para movementos de terras: 60 €.
5.-Licenzas urbanísticas en xeral: 3 €.
Epígrafe 4: Outros expedientes ou documentos
1.-Presentación de instancias: 1 €.
2.-Calquera outro documento ou actuación municipal non incluída en ningún dos epígrafes anteriores: 3 €.
2.-As anteriores tarifas actualizaranse anualmente e de forma automática segundo o índice de prezos ó consumo (IPC) publicado polo Instituto Nacional de Estatística.
Artigo 6.º. Exencións e bonificacións.
Non se concederá exención nin bonificación ningunha na exacción da presente taxa.
Artigo 7.º. Devengo.
Devengarse a taxa, e nace a obriga de pagamento no momento en que se presente a solicitude que inicie a tramitación dos expedientes e documentos suxeitos á taxa. No caso de iniciación de oficio, a taxa devengarse no momento da expedición do documento, ou do inicio da tramitación do expediente de que se trate.
Artigo 8.º. Declaración e ingreso.
1.-A taxa esixirase en réxime de autoliquidación, abonándose en efectivo nas oficinas municipais no momento de presentar a solicitude de expedición do documento ou inicio do expediente. Nos casos de expedientes iniciados ou documentos expedidos de oficio, esixirase no momento da notificación ou entrega da documentación ao interesado. Ningunha actuación do Concello pola que se devengue a presente taxa sutirá efecto ningún mentres non se realizara o abono correspondente.
2.-As solicitudes recibidas polos medios sinalados nos epígrafes b), c), d) e e) do apartado 4 do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, nas que non se xustifique o pagamento da presente taxa, serán admitidas provisionalmente, pero non poderá dárselles curso sen que se emende esa deficiencia. A tal finalidade, requirirase ao interesado para que, no prazo de dez días, aboe a cota correspondente, coa indicación de que, en caso de non o facer, se lle terá por desistido na súa petición, arquivándose sen máis trámite, de conformidade co establecido no artigo 71-1 da referida Lei 30/1992.
Artigo 9.º. Infraccións e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como ás sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ao disposto nos artigos 77 e seguintes da Lei Xeral Tributaria.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día primeiro de xaneiro de 2008, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.