Vimianzo - Ordenanza fiscal nº 2, reguladora da taxa por recollida de lixo

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 02/12/2003 BOP Nº: 277
Aplicable dende: 01/01/2004

Artigo 1.º .-Fundamento e natureza.

En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 152 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 a 19, da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, este Concello establece a "taxa por recollida de lixo", que se rexerá pola presente ordenanza fiscal seguindo as normas previstas no artigo 58 da citada Lei 39/1988.

Artigo 2.º .-Feito impoñible.

1. Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servicio de recepción obrigatoria de recollida de lixo e residuos sólidos urbanos de vivendas, aloxamentos e locais ou establecementos onde se exerzan actividades industriais, comerciais, profesionais, artísticas ou de servicios.

2. Para tales efectos, consideraranse lixo e residuos sólidos urbanos, os restos e desperdicios de alimentación ou detritos procedentes da limpeza normal de locais ou vivendas, e exclúense de tal concepto os residuos de tipo industrial, escombros de obras, detritos humanos, materias e materiais contaminados, corrosivos, perigosos ou aqueles que esixan a adopción de especiais medidas hixiénicas, profilácticas ou de seguridade.

Artigo 3.º .-Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos contribuíntes, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que ocupen ou utilicen as vivendas e locais emprazados nos lugares, prazas, rúas ou vías públicas en que se preste o servicio, xa sexa a título de propietario ou de usufructuario, habitacionista, arrendatario ou, incluso, de precario.

2. Terán a consideración de suxeito pasivo substituto do contribuínte o propietario das vivendas ou locais, que poderá repercutir, no seu caso, as cotas satisfeitas sobre os usuarios de aqueles, beneficiarios do servicio.

Artigo 4.º .-Responsables.

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas a que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei xeral tributaria.

Artigo 5.º .-Exencións.

Gozarán de exención subxectiva aqueles contribuíntes que sexan declarados pobres por precepto legal, estean inscritos no padrón da beneficencia como pobres de solemnidade, ou obteñan ingresos anuais inferiores ós que corresponden ó salario mínimo interprofesional.

Artigo 6.º .-Cota tributaria.

1. A cota tributaria consistirá nunha cantidade fixa por unidade de local, que se determinará en función da natureza e destino dos inmobles.

2. Para tales efectos, aplicarase a seguinte tarifa:

* Epígrafe 1.º .-Vivendas.

a) Por cada vivenda situada nos centros urbanos de Vimianzo, A Piroga e Baíñas, onde se presta o servicio tres ou máis días por semana: 40,00 euros/ano

b) Por cada vivenda situada nos demais lugares do concello, onde se presta o servicio un día ou dous días por semana: 20,00 euros/ano

* Epígrafe 2.º .-Aloxamentos.

a) Hoteis, moteis, residencias, pensións, casa de hóspedes, centros hospitalarios e outros de natureza semellante: 120,00 euros/ano

(Enténdese por aloxamentos aqueles locais de convivencia colectiva non familiar, sempre que excedan de dez prazas).

* Epígrafe 3.º .-Establecementos de alimentación.

a) Supermercados, economatos, cooperativas, autoservicios e semellantes180,00 euros/ano

b) Almacén polo xunto de froitas, verduras, hortalizas e semellantes: 120,00 euros/ano

c) Peixerías, carnicerías, pastelerías, froiterías, tendas de ultramarinos e outros semellantes: 120,00 euros/ano  

*Epígrafe 4.º .-Establecementos de restauración.

a) Restaurantes e semellantes: 120,00 euros/ano

b) Restaurantes con cafetería e sala vodas: 180,00 euros/ano

c) Pubs, uisquerías e semellantes: 120,00 euros/ano

d) Cafeterías: 100,00 euros/ano

e) Bares, tabernas e semellantes: 100,00 euros/ano

* Epígrafe 5.º .-Establecementos de espectáculos.

a) Salas de festas, discotecas e semellantes: 180,00 euros/ano

b) Salas de bingo, cines e semellantes: 120,00 euros/ano  

* Epígrafe 6.º .-Comercio en xeral.

a) Farmacias, perruquerías, moblerías, estancos, tendas de roupa e comercios semellantes: 100,00 euros/ano

* Epígrafe 7.º .-Outros locais.

a) Oficinas bancarias: 180,00 euros/ano

b) Centros oficiais: 100,00 euros/ano

c) Xestorías, axencias de viaxe e semellantes: 100,00 euros/ano

d) Centros de ensinanza, garderías: 100,00 euros/ano

e) Talleres, recauchutados, fábricas, pequenas industrias e outros semellantes120,00 euros/ano

f) Outros locais non expresamente tarifados: 100,00 euros/ano

* Epígrafe 8.º .-Despachos profesionais

a) Por cada despacho: 100,00 euros/ano

No suposto de que a oficina, despacho ou establecemento estea na mesma vivenda sen separación, aplicarase unicamente para os dous esta tarifa.

3. As cotas sinaladas nas tarifas teñen carácter irreductible e corresponden a un (1) ano.

Artigo 7.º .-Devengo.

1. A obriga de contribuír nacerá desde que teña lugar a prestación dos servicios, se ben entenderase, dada a natureza da recepción obrigatoria da recollida do lixo, que tal prestación terá lugar cando estea establecido e en funcionamento o servicio nas zonas ou rúas onde figuren domiciliados os contribuíntes suxeitos á taxa.

2. Estando en funcionamento o servicio, as cotas se devengarán o primeiro día de xaneiro de cada ano, salvo nos casos de novas altas, nos que o devengo coincidirá coa data de ocupación das vivendas ou locais de negocio.

Artigo 8.º .-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que a estas correspondan en cada caso, estarase ó dispor nos artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.

Artigo 9.º .-Período impositivo.

O período impositivo coincide co ano natural. As cotas soamente serán prorrateables por trimestres no caso de altas realizadas con posterioridade ó comezo do ano.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal, na que a súa redacción definitiva foi aprobada polo Pleno da Corporación en sesión celebrada o vintedous de novembro de dous mil tres, entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2004, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.