Pontes de García Rodríguez As - IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS
ARTIGO 1º.- FUNDAMENTO E RÉXIME
1.-No uso das potestades conferidas pola Constitución, polo artigo 106 da Lei 7/85 de bases de réxime local e de acordo co previsto no artigo 59.2 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais aprobado polo RDL 2/2004, de 5 de marzo, este Concello establece o Imposto sobre construccións, instalacións e obras.
2.- Este imposto rexerase polo disposto nos artigos 100 a 103 do Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais aprobado polo RDL 2/2004, de 5 de marzo, polas disposicións que a desenvolvan e polo disposto na presente Ordenanza Fiscal.
ARTIGO 2º.- FEITO IMPOÑIBLE.
1.-Constitúe o feito impoñible deste imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construcción, instalación ou obra para a que se esixa a obtención da correspondente licencia de obras ou urbanística, obtivérase a mesma ou non, sempre que a súa expedición lle corresponda ó Concello das Pontes.
2.- As construccións, instalacións e obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir, entre outras actuacións, en:
a)Movemento de terras.
b)Obras de construcción de edificacións e instalacións de toda clase de nova planta.
c)Obras de demolición.
d)Obras nos edificios, tanto as que modifiquen o seu interior como o seu exterior.
e)Aliñacións e rasantes.
f)Obras de fontanería e sumidoiros.
g)Obras nos cemiterios.
h)Calquera outra construcción, instalación ou obra que requira licencia urbanística.
ARTIGO 3º.- SUXEITOS PASIVOS.
1.-Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuíntes, as persoas físicas, persoas xurídicas ou entidades do artigo 36 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, xeral tributaria, que sexan donos da construcción, instalación ou obra, sexan ou non propietarios do inmoble sobre o que se realice aquela.
Para os efectos previstos no parágrafo anterior terá a consideración de dono da construcción, instalación ou obra quen soporte os gastos ou o custo que comporte a súa realización.
2.- No suposto de que a construcción, instalación ou obra non sexa realizada polo suxeito pasivo contribuínte terán a condición de suxeitos pasivos substitutos do mesmo quen solicite as correspondentes licencias ou realice as construccións, instalacións ou obras.
O substituto poderá esixir do contribuínte o importe da cota tributaria satisfeita.
3.- Os suxeitos pasivos que residan no extranxeiro durante máis de seis meses de cada ano natural, estarán obrigados a designar un representante con un domicilio no territorio español, para os efectos das relacións coa facenda pública.
ARTIGO 4º.- EXENCIÓNS
Exímese do pago deste imposto a realización de calquera construcción, instalación ou obra da que sexan donos o Estado, a Comunidade Autónoma de Galicia ou Provincia da Coruña, sempre que estean directamente destinadas a estradas, ferrocarrís, portos, aeoportos, obras hidráulicas, saneamento de poboacións e de augas residuais, aínda que a súa xestión se leve a cabo por organismos autónomos, tanto que se trate de obras de investimento novo como de conservación.
ARTIGO 5º.-BONIFICACIÓNS
1.- Establecese unha bonificación do 95 por cento da cota tributaria do imposto a favor das construccións, instalacións ou obras, realizadas por asociación sen ánimo de lucro, en centros destinados a:
-Asistencia ou integración social.
-Desenvolvemento de actividades culturais, deportivas ou actividades de entidades veciñais de libre participación.
-Bens cualificados como histórico-artísticos ou incluídos no correspondente catálogo.
Para acceder a esta bonificación será necesario acompañar a solicitude cos estatutos da asociación debidamente rexistrados, así como unha memoria explicativa da actividade que se vai desenvolver no local. A devandita actividade deberá manterse, no tempo e lugar, por un período nunca inferior a catro anos.
2.- Establécense unhas bonificacións a favor das construccións, instalacións e obras de carácter industrial ou comercial que contribúan á dinamización do emprego no Concello das Pontes de García Rodríguez:
a) Cando se xeren ata dez postos de traballo | 15 por cento |
b) Cando se xeren entre once e vinte e cinco postos de traballo | 30 por cento |
c) Cando se xeren entre vinte e seis e cincuenta postos de traballo | 45 por cento |
d) Cando se xeren entre cincuenta e un e cen postos de traballo | 60 por cento |
e) Cando se xeren mais de cen postos de traballo | 75 por cento |
As porcentaxes deste apartado incrementaranse nun 20 por cento adicional cando os traballadores contratados procedan das empresas auxiliares afectadas pola reducción da actividade da Mina de ENDESA GENERACIÓN, SA sita no Concello das Pontes de García Rodríguez. No caso de contratación mixta, esta porcentaxe será proporcional ao número de traballadores de cada unha das modalidades. Os postos de traballo que dan dereito á bonificación deberán manterse no tempo por un período nunca inferior a catro anos.
Esta bonificación deberá ser solicitada con anterioridade ao devengo do imposto xuntando a documentación xustificativa da creación do número de postos de traballo.
3.- Establecese unha bonificación do 95 por cento en favor das construccións, instalacións ou obras que consistan en rehabilitación ou reparación de vivendas promovidas por persoas en situación de emerxencia social.
4.- Establecese unha bonificación en favor das construccións, instalacións ou obras de vivendas de protección oficial do 50 por cento, que deberá ser solicitada xunto coa petición de licenza municipal.
5.- Establecese unha bonificación do 95 por cento a favor das construccións, instalacións ou obras destinadas á realización de actividades industriais -entendendo como tales a pequena e mediana empresa- ou comerciais, cando estas sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal polo Pleno da Corporación, esta declaración acordarase previa solicitude do suxeito pasivo achegando os documentos acreditativos do cumprimento dos requisitos establecidos en cada caso, por voto favorable da maioría simple dos seus membros, por concorrer circunstancias que sirvan para a creación ou modernización de locais comerciais, cos seguintes requisitos:
a) Que se trate de obras de creación de pequena e mediana empresa, comercio ou reforma, rehabilitación ou reparación de comercios abertos con mais de cinco anos de antigüidade.
b) Que as obras sexan executadas por un empresario que teña o seu domicilio fiscal establecido no Concello das Pontes con polo menos un ano de antigüidade.
As construccións, instalacións ou obras que se inicien sen terse concedido a preceptiva licenza municipal non poderán acollerse aos beneficios fiscais previstos neste apartado.
6.- Establecese unha bonificación do 95 por cento da cota tributaria do imposto en favor das construccións, instalacións e obras feitas polas Cooperativas e Sociedades Laborais.
Para acceder a esta bonificación será necesario xuntar coa solicitude unha copia compulsada da escritura de constitución, a inscrición no Rexistro Mercantil e a cualificación da empresa como laboral no caso das Sociedades Laborais, e no caso das cooperativas a copia compulsada da escritura e da inscrición no Rexistro Galego de Cooperativas.
Para as bonificacións recollidas nos puntos 1 e 6 anteriores, a inactividade por un prazo superior a seis meses ou o cambio de actividade nos locais dentro dos catro anos seguintes ao outorgamento do beneficio darán lugar á perda da bonificación e liquidaranse as cantidades bonificadas coa aplicación dos xuros de demora correspondentes.
Unha vez recibida a solicitude de bonificación xunto coa documentación xustificativa, o Interventor Municipal emitirá un informe sobre a procedencia ou non da concesión da bonificación. Á vista de tal informe, corresponderalle ao Pleno da Corporación a concesión ou non da bonificación.
A comisión de calquera infracción urbanística na execución da construcción, instalación ou obra suporá a perda inmediata da bonificación concedida.
ARTIGO 6º.- BASE IMPOÑIBLE
1.-A base impoñible do imposto está constituida polo custo real e efectivo da construcción, instalación ou obra, enténdese por tal, para estes efectos, o custo de execución material daquela.
Non forman parte da base impoñíble o imposto sobre valor engadido e demais impostos análogos propios dos réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, de ser o caso, coa construcción, instalación ou obra, nin tampouco os honorarios profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outro concepto que non integre, estrictamente, o custo de execución material.
2.-Para a determinación do presuposto de execución material partirase do prezo unitario de metro cadrado ou ratio de investimento, segundo a tipoloxía da construcción, fixados no anexo desta ordenanza, non tendo en consideración o presuposto que figure no proxecto técnico presentado. Non obstante, e soamente para aquelas tipoloxías de construccións que dun xeito directo ou analóxico non figuren recollidas no anexo de estimacións, a determinación da base impoñible suxeita a gravame farase a partir do devandito proxecto técnico.
ARTIGO 7º.- COTA TRIBUTARIA
1.-A cota tributaria será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.
2.-O tipo de gravame queda fixado no 2,8 por 100.
ARTIGO 8º.- DEDUCIÓN NA COTA TRIBUTARIA
1.-Os suxeitos pasivos poderán deducir da cota íntegra a totalidade do importe da taxa polo outorgamento de licencia urbanística correspondente á construcción, instalacións ou obra.
2.-A anterior deducción só poderá practicarse se o suxeito pasivo realiza o ingreso deste imposto e da taxa dentro do período voluntario. A tal efecto, para practica-la deducción, deberá presentar o xustificante de ter pagado a taxa polo outorgamento da licencia.
ARTIGO 9º.- RETRIBUCIÓN
O imposto retribuirase no momento de comenza-la construcción, instalación ou obra, aínda que non se obtivera a correspondente licencia.
ARTIGO 10º.- XESTIÓN
1.- Cando sexa concedida a licenza preceptiva ou cando, non solicitándose, concedéndose ou denegándose dita licenza, sexa iniciada a construcción, instalación ou obra, practicarase unha liquidación provisional a conta.
A liquidación a que se refire este apartado practicarase utilizando como base impoñible a que resulte do orzamento presentado polos interesados, sempre que o mesmo fose visado polo Colexio Oficial correspondente. Noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais en función dos módulos establecidos no anexo de valoracións da presente ordenanza ou nos establecidos oficialmente polo Colexio de Arquitectos.
2.-Os servizos de urbanismo comunicarán ao servizo de xestión tributaria os actos de concesión de licenza para actividades suxeitas a tributación acompañando unha copia do orzamento presentado polos interesados no proxecto ao que se refire a licenza concedida.
3.-No caso de que non se executen as obras, construccións ou instalacións o interesado terá dereito á devolución do ingresado unha vez que formule renuncia expresa á licenza ou transcurra o tempo máximo previsto na mesma para a iniciación das obras e, consecuentemente caduque a licenza.
4.-Unha vez rematada a construcción, instalación ou obra e tendo en conta o custe real e efectivo da mesma, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa modificará, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo ou reintegrándolle, no seu caso, a cantidade que corresponda.
Cando se produza calquera circunstancia que modifique o custe real e efectivo das obras, construccións ou instalacións que servirón de base para a determinación da cota tributaria, os suxeitos pasivos están obrigados a presentar, no prazo dun mes, declaración complementria e a ingresar simultáneamente o importe que resulte.
As devolucións, cando procedan, axustaránse ao procedemento establecido para as devolucións de ingresos indebidos.
ARTIGO 11º.- INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
En materia de infraccións e sancións serán aplicables os artigos 77 e seguintes da Lei xeral tributaria.
DISPOSICIÓN DERRADEIRA
A presente Ordenanza fiscal, unha vez aprobada definitivamente polo Pleno do Concello e publicada integramente no boletin oficial, comenzará a rexer o mesmo día da súa publicación e continuará vixente mentres non se acorde a súa modificación ou derrogación.
A presente Ordenanza fiscal que consta de 11 artigos e unha disposición derradeira, foi aprobada polo Pleno do Concello en sesión de data 14 de outubro de 2010.