Pobra do Caramiñal A - ORDENANZA REGULADORA DA TAXA POR EXPEDICIÓN DE DOCUMENTOS ADMINISTRATIVOS
ARTIGO 1º .- Fundamento e natureza
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto nos artigos 15 e seguintes do RDL 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este concello establece a taxa por expedición de documentos administrativos que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ó establecido no art. 57 do citado RDL 2/2004, de 5 de marzo.
ARTIGO 2º.- Feito impoñible.
1.- Constitúe o feito impoñible da Taxa a actividade administrativa desenvolveita con motivo da tramitación, a instancia de parte, de toda clase de documentos que expida e de expedientes dos que entenda a Administración ou as autoridades municipais.
2.- Para estes efectos, entenderase tramitada a instancia de parte, calquera documentación administrativa que fora provocada polo particular e redunde no seu beneficio aínda que non mediara solicitude expresa do interesado.
3.- Non estará suxeita a esta Taxa a tramitación de documentos e expedientes necesarios para o cumprimento de obrigas fiscais, así como as consultas tributarias, os expedientes de devolución de ingresos indebidos, os recursos administrativos contra resolucións municipais de calquera índole e os relativos á prestación de servicios ou realización de actividades de competencia municipal e á utilización privativa o ó aproveitamento especial de bens de dominio público municipal, que estean gravados por outra taxa municipal ou polos que sexa esixido un prezo público por este Concello.
ARTIGO 3º .- Suxeitos pasivos
Son suxeitos pasivos contribuíntes as persoas físicas e xurídicas e as entidades ás que se refire o art. 35.4 da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria que soliciten u provoquen a tramitación do documento ou expediente de que se trate, ou que redunde no seu interese.
ARTIGO 4º.- Responsables.
1.- Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas ou xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 da Lei Xeral Tributaria.
2.- Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de crebas, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o art. 40 da Lei Xeral tributaria.
ARTIGO 5.- Exencións subxectivas
Gozarán de exención subxectiva aqueles contribuíntes que obteñan ingresos anuais inferiores ós que correspondan ó salario mínimo interprofesional.
ARTIGO 6º.- Cota tributaria.
1.- A cota tributaria determinarase por unha cantidade fixa sinalada seguindo a natureza dos documentos ou expedientes que se tramiten, dacordo coa tarifa que contén o artigo seguinte.
2.- A cota da tarifa correspondinte á tramitación completa de cada instancia, do documento ou expediente de que se trate, desde a súa iniciación ata a súa resolución final, incluída a certificación e notificación ó interesado do acordo recaído.
3.- As cotas resultantes por aplicación das anteriores tarifas incrementarase nun 50% cando os interesados solicitaran, con carácter de urxencia, a tramitación dos expedientes que motivaran a obriga de pagamento.
Artigo 7.º .-Tarifas.
A tarifa á que se refire o artigo anterior estruturarase nos seguintes epígrafes:
CONCEPTO | EUROS |
Epígrafe 1º: Documentos relacionados coa xestión urbanística | |
1.- Por cada expediente de declaración de ruína de edificios | 49,83 € |
2.- Por cada certificación de servizos urbanísticos que se expida, solicitada por instancia de parte. | 17,26 € |
3.- Por cada informe que se expida sobre características do terreo, ou consulta a efectos de edificación, por instancia de parte. | 17,26 € |
4.- Por cada plano de aliñación de rúas, ensanches, etc. Por cada m2 ou fracción de plano. | 2,60 € |
5.- Por expedición de copias de planos obrantes no expediente de concesión de licencias de obras por cada m2 ou fracción de plano. | 2,60 € |
6.- Consulta sobre ordenanzas de edificación | Gratuíto |
7.- Obtención de cédula urbanística. | 16,87 € |
8.- Por cada copia de planos de contribución rústica ou urbana | 2,61 € |
9.- Proxectos de reparcelación e compensación | 65,48 € |
10.- Normalización, parcelación, agrupación e división de fincas | 54,56 € |
11.- Por cada copia de documentos non especificados anteriormente | 0,75 € |
Epígrafe 2º | |
Compulsa de documentos, por cada unidade | 0,39 € |
ARTIGO 8º.- Bonificación da cota.
Non se concederá bonificación ningunha dos importes das cotas tributarias sinaladas na tarifa desta taxa.
ARTIGO 9º.- Devengo.
1.- A taxa ten obriga de pagamento e nace esta cando se presente a solicitude que inicia a tramitación dos documentos e expedientes suxeitos ó tributo.
2.- Nos casos os que se refire o número 2 do artigo 2ª, o inicio da obriga prodúcese cando teñan lugar as circunstancias que provean a actuación municipal de oficio ou cando esta se inicie sen solicitude previa do interesado pero redunde no seu beneficio.
ARTIGO 10º.- Declaración de ingreso e xestión.
1.- A taxa esixirase en réxime de autoliquidación, polo procedemento de selo municipal adherido ó escrito de solicitude da tramitación do documento ou expediente, nestes mesmos se o escrito non existira ou a solicitude non fora expresa.
2.-Os escritos recibidos polos conductos a que fai referencia o ar. 66 da Lei de procedemento administrativo que non veñan debidamente reintegrados serán admitidos provisionalmente pero non poderá dárselles curso sen que se subsane a deficiencia, para o que se requirirá ó interesado para que, no prazo de dez días abone as cotas correspondentes co apercibimento de que transcorrido dito prazo sen efectualo teranse os escritos por non presentados e será arquivada a solicitude.
3.- As certificacións e documentos que expida a Administración municipal en virtude de oficio de xulgados ou tribunais para toda clase de preitos, non se entregarán nin remitirán sen que previamente se satisfaga a correspondente cota tributaria.
ARTIGO 11º .- Infracción e sancións.
En todo o relativo á cualificación de infraccións tributarias, así como das sancións que ás mesmas correspondan en cada caso, estarase ó disposto nos artigos 181 e seguintes da Lei 58/2003, de 17 de decembro, Xeral Tributaria.
Disposición final.
A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Concello pleno o día 4 de decembro de 1989 e modificada polo mesmo órgano o 16 de novembro de 1999, 26 de decembro de 2000, 8 de novembro de 2001, 11 de novembro de 2002, 30 de outubro de 2003 e 28 de decembro de 2004, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.