Culleredo - Ordenanza fiscal núm. 1, reguladora do Imposto sobre Bens inmobles

Publicación provisional: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 30/12/1998 BOP Nº: 298
Aplicable dende: 01/01/2012

Artigo 1. Tipo de gravame

O tipo de gravame do Imposto sobre Bens Inmobles aplicable neste Concello queda fixado nos termos seguintes:

Bens inmobles urbanos: 0,56%.

Bens inmobles rústicos: 0,73%.

Bens inmobles de características especiais: 1,30%

Artículo 2.º Bonificacións

1.       Terán dereito a unha bonificación do 90% na cota íntegra do imposto os inmobles que constitúan o obxecto da actividade das empresas de urbanización, construción e promoción inmobiliaria tanto de obra nova como de rehabilitación equiparable a esta, e non figuren entre os bens do seu inmobilizado.

Para poder obter esta bonificación os interesados deberán presentar unha solicitude antes do inicio das obras, coa que deberán achegar a seguinte documentación:

-          copia do recibo do Imposto sobre Bens Inmobles correspondente ao inmoble ao que se refire a solicitude. En caso de que non se dispoña do mesmo, certificación expedida pola Xerencia territorial do catastro da Coruña, na que se faga constar a referencia catastral do referido inmoble.

-          certificación do técnico-director das obras de construción, visado polo Colexio Oficial competente, na que se indique a data de comezo das obras.

-          documentación acreditativa de que o inmoble para o que se solicita bonificación non figura entre o inmobilizado da empresa: cédula de cualificación provisional no caso de vivendas de protección oficial, fotocopia compulsada do último balance de situación presentado ante Facenda ou certificación do censor xurado de contas no que se faga constar tal circunstancia.

-          documentación pola que se acredite que o inmoble para o que se solicita bonificación constitúe o obxecto da empresa de urbanización, construción ou promoción inmobiliaria: fotocopia compulsada dos Estatutos sociais ou fotocopia compulsada da declaración de alta no Imposto sobre Actividades Económicas.

A bonificación concedida só surtirá efectos para o período impositivo seguinte ao inicio das obras, debendo solicitarse expresamente a súa prórroga para os dous períodos seguintes, achegando a documentación que acredite que se seguen cumprindo os requisitos establecidos anteriormente.

 

2.       Terán dereito a unha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto, durante os tres períodos impositivos seguintes ao do outorgamento da cualificación definitiva, as vivendas de protección oficial e as que resulten equiparables a estas conforme á normativa da Comunidade Autónoma. Esta bonificación concederase a petición do interesado. A petición poderá efectuarse en calquera momento anterior ao remate dos tres períodos impositivos de duración da mesma e surtirá efectos, no seu caso, desde o período impositivo seguinte a aquel en que se solicite.

3.       Terán dereito a unha bonificación do 95% da cota íntegra e, no seu caso, do recargo do imposto ao que se refire o artigo 153 do RD lexislativo 2/2004, os bens rústicos das cooperativas agrarias e de explotación comunitaria da terra, nos termos establecidos na Lei 20/1990, de 19 de decembro, sobre réxime fiscal das cooperativas.

4.       Terán dereito a unha bonificación do 90% sobre a cota íntegra aplicable aos bens inmobles de carácter residencial destinados a vivenda habitual e nos que figure como suxeito pasivo quen ostente a condición de titular dunha familia numerosa, sempre que se cumpran ademais os seguintes requisitos:

a. que a suma dos valores catastrais de todos os bens inmobles sitos no Termo Municipal de Culleredo, dos que sexan suxeitos pasivos o titular da familia numerosa ou algún dos membros da mesma, non exceda de 100.000 €.

b. que a renda da unidade familiar, tendo en conta o número de membros da mesma, non exceda dos límites que figuran no seguinte cadro:

 

 

 

Número de membros da unidade familiar

Importe máximo de renda

3

20.000,00 €

4

30.000,00 €

5

35.000,00 €

6

39.000,00 €

7

42.000,00 €

8

44.000,00 €

9 ou máis

45.000,00 €

 

Para os efectos de aplicación do cadro anterior, considerarase renda a suma das bases impoñibles dos membros da unidade familiar que obteñan rendas suxeitas ao Imposto sobre a Renda de Persoas Físicas.

Os suxeitos pasivos que, cumprindo os requisitos establecidos no apartado anterior, pretendan obter a bonificación regulada neste apartado, deberán presentar unha solicitude antes do 31 de marzo do ano correspondente ao período impositivo en que se pretenda que surta efectos. Coa mesma deberá achegarse a seguinte documentación:

-          Copia compulsada de título de familia numerosa expedido polo órgano competente.

-          Certificado de empadroamento do titular da familia numerosa, referido á situación existente a 31 de decembro do ano inmediato anterior, na que consten os membros da unidade familiar que conviven no inmoble para o que se solicita bonificación.

-          Copia compulsada da última declaración do IRPF presentada polo titular da familia numerosa e, no seu caso, por cada un dos membros da unidade familiar que obteña rendas suxeitas ao referido imposto. No caso de non estar obrigados a presentar declaración da renda, achegarán certificado no que conste que non se presentou a mesma e copias compulsadas de nóminas, certificados de retencións ou calquera outro elemento que sirva para a determinación da renda.

A bonificación concedida só surtirá efectos para o período impositivo no que se insta a súa concesión, debendo solicitarse a prórroga nos seguintes períodos impositivos, achegando de novo a documentación que acredite que se seguen cumprindo os requisitos para a súa obtención.

Artigo 3.-Exencións.

Gozarán de exención os seguintes bens:

-                                 Os bens inmobles urbanos, cunha cota líquida que non supere a contía de 3,00 €.

-                                 Os bens inmobles rústicos, cunha cota líquida que non supere a contía de 10,00 €. Para estes efectos tomarase en consideración, no seu caso, a cota agrupada nun único documento de cobramento de todas as cotas deste imposto relativas a un mesmo suxeito pasivo.

disposición final

A presente ordenanza fiscal foi aprobada en sesión plenaria celebrada o día 03/10/1989, sendo modificada posteriormente en sesións plenarias celebradas os día 20/11/1990, 07/11/1991, 10/11/1992, 29/06/2003, 09/12/19993, 25/11/1995, 27/11/1997, 27/10/1998, 26/10/1999, 07/11/2000, 29/10/2002, 25/02/2003, 28/10/2003, 26/10/2004, 25/10/2005 e  31/10/2006. A presente modificación foi aprobada en sesión plenaria de 25/09/2007. Entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia. Comezará a aplicarse a partir do día 01 de xaneiro de 2008, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.