Touro - Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre bens inmobles

Publicación provisional: 06/07/2016 BOP Nº: 126
Publicación definitiva: 04/10/2016 BOP Nº: 189
Aplicable dende: 04/10/2016

Artigo 1.º.

De conformidade co previsto no R.D.Lexislativo 2/2004, o tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles, aplicable a este Municipio, queda fixado nos termos que se establecen no artigo seguinte.

Artigo 2.º.

1. O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles, aplicable aos bens de natureza urbana, queda fixado no 0,45.

2. O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles, aplicable aos bens de natureza rústica, queda fixado no 0,45.

3. O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles aplicable aos bens inmobles de características especiais queda fixado no 1,3 por cento.

A estes efectos considéranse bens inmobles de características especiais os comprendidos nos seguintes grupos:

a) Os destinados á producción de enerxía eléctrica e gas e ao refino de petróleo, e as centrais nucleares.

b) As presas, saltos de auga e embalses, incluíndo o seu leito ou vaso, excepto os destinados exclusivamente ao rego.

c) As autopistas, estradas e túneles de peaxe.

d) Os aeroportos e portos comerciais.

Artigo 3.º.

Os centros de saúde e os bens de titularidade pública adscritos aos fins específicos da sanidade pública quedan exentos da aplicación da mencionada ordenanza.

Artigo 4.º.

Gozarán dunha bonificación do 95 por cento da cota íntegra do imposto, aqueles inmobles nos que se desenvolvan total e exclusivamente, actividades agrarias, gandeiras ou pesqueiras pertencentes ao sector primario, e que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego, que xustifiquen tal declaración.

Corresponderá ao Pleno da Corporación a declaración de especial interese ou de utilidade municipal, previa solicitude dos suxeitos pasivos, debendo contar co voto favorable da maioría simple dos seus membros.

A bonificación terá carácter rogado e surtirá efectos a partir do período impositivo seguinte ao da presentación da solicitude.

Para poder gozar desta bonificación os interesados deberán presentar a seguinte documentación:

- Certificado de Facenda ou xustificante oficial que acredite o carácter da actividade que se desenvolve.

- Certificado catastral do inmoble.

- Certificado ou declaración responsable de non ter débedas coa Facenda estatal, autonómica e local, nin coa Seguridade Social.

O Concello realizará de oficio todas as actuacións precisas para a comprobación dos extremos expostos ao respecto desta bonificación.

Artigo 5.º.

No non previsto expresamente nesta ordenanza, rexerán os preceptos contidos no Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, concordantes e complementarios da mesma, e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.