Betanzos - ORDENANZA FISCAL Nº 25, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE BENS INMOBLES
Artigo 1.º.-Fundamento legal.
De acordo co previsto nos artigo 71 e 72 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei 39/88, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, o tipo de gravame do Imposto sobre Bens Inmobles aplicable neste municipio, queda fixado nos termos que se establecen no artigo seguinte.
Artigo 2.º.-Tipo gravame.
1. O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles, aplicable aos bens de natureza urbana queda fixado no 0,47 por cento.
2. O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles aplicable aos bens de natureza rústica, queda fixado no 0,55 por cento.
3. O tipo de gravame do imposto sobre bens inmobles, aplicable aos bens de características especiais, queda fixado no 1,30 por cento.
4. Segundo o establecido no artigo 72.4 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais; aos inmobles de uso residencial que se encontren desocupados con carácter permanente aplicaráselle unha recarga do 50% da cota líquida do imposto.
Entenderanse como inmobles desocupados os seguintes:
a) Aqueles que non estean dados de alta no servizo de subministración de auga ou teñan unha media trimestral de consumo inferior a 0,10 m3/día.
b) Vivendas manifestamente desocupadas ou inhabitables. En todo caso, entenderase que están ocupadas aquelas vivendas nas que figure empadroada algunha persoa.
O Concello elaborará un censo de vivendas desocupadas para os efectos de aplicar esta recarga. Os suxeitos pasivos presentarán a declaración de alta no dito censo no prazo dun mes que se contará dende a data en que a vivenda quede desocupada. O Concello poderá incluír de oficio no censo as vivendas que reúnan as condicións sinaladas no presente artigo, para o que se instruirá un expediente que se iniciará ofrecéndolle ao interesado un prazo de alegacións de quince días, durante o que se lle poñerán de manifesto os elementos de proba que consten no expediente. Con carácter previo á proposta de resolución outorgarase un prazo de quince días para que o interesado manifeste canto conveña ao seu dereito.
A resolución que se dite dispoñendo a inclusión no censo de vivendas desocupadas seralle notificada ao interesado.
Artigo 3.º.-Bonificacións.
1. Os suxeitos pasivos que ostenten a condición de titulares de familia numerosa gozarán dunha bonificación na cota íntegra do inmoble de uso residencial no que estean empadroados os membros da unidade familiar. Segundo o valor catastral total do ben, a bonificación será:
- Para titulares de familia numerosa no que o valor catastral total do ben no que estean empadroados os membros da unidade familiar sexa igual ou superior aos 48.000,00 € a bonificación será do 40%.
- Para titulares de familia numerosa no que o valor catastral total do ben no que estean empadroados os membros da unidade familiar sexa inferior aos 48.000,00 € a bonificación será do 60%.
Non se poderá aplicar a bonificación a máis dunha vivenda por titular.
2. Establécese unha bonificación do 15% da cota íntegra do imposto para os bens inmobles nos que se instalaron sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía proveniente do sol. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación pola Administración competente.
Artigo 4.º.-Exención por criterios de eficiencia e economía.
Se por razóns técnicas non é posible realizar a agrupación procederase á exención daquelas liquidacións inferiores a un €.
En período executivo, decláranse exentos por razóns técnicas e de eficiencia aqueles recibos que non superen os tres €.
Disposición final
A presente Ordenanza, foi aprobada con data 24 de decembro de 2002, comezará a rexer con efectos do día 1 de xaneiro de 2003 e producirá efectos en tanto non se acorde a súa modificación ou derrogación."