Miño - ORDENANZA FISCAL Nº 22 REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACION DO SERVICIO DA ESCOLA INFANTIL
ARTIGO 1. FUNDAMENTO E NATUREZA
En uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, reguladora das bases de réxime local, e de conformidade co disposto no artigos 15 a 19, en relación co artigo 20 do Real decreto 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei reguladora das facendas locais, o Concello de Miño establece a taxa pola prestación do servizo da escola infantil municipal que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.
ARTIGO 2. FEITO IMPOÑIBLE
Constitúe o feito impoñible da taxa a prestación do servizo da escola infantil municipal.
ARTIGO 3. SUXEITO PASIVO
Son suxeitos pasivos da taxa, en concepto de contribuíntes, as persoas que resulten beneficiadas ou afectadas pola actividade administrativa ou servizo que constitúe o feito impoñible desta taxa.
Tendo en conta que os usuarios do servizo gravado por esta taxa son menores de idade que non teñen capacidade de obrar, actuarán no seu nome, cos efectos previstos na Lei xeral tributaria, os seus pais, titores ou calquera outro representante legal.
ARTIGO 4. RESPONSABLES
1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo, as persoas físicas e xurídicas que son causantes ou colaboran na realización dunha infracción tributaria.
ARTIGO 5. ESTIMACIÓN DAS RENDAS, TARIFAS, DESCONTOS E EXENCIÓNS.
5.1. Este baremo adáptase ao publicado pola Axencia Galega de Servizos Sociais a través da Resolución do 10 de maio de 2017 pola que se actualizan os prezos das escolas infantís dependentes desta axencia (DOG número 97, do 23 de maio de 2017), que rexerán mentres que non existan modificacións posteriores e que serán os seguintes:
· IPREM (Indicador Público de Renda de Efectos Múltiples).
· Prezo base/ mes por asistencia (8 horas/día): 169,26 euros/mes.
· O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario normal será de 21,16 euros/mes.
· O prezo polo servizo de comedor: 74,05 euros mensuais.
5.2. O Decreto 49/2012 sinala unicamente os prezos por asistencia en horario completo, os ratios por horario reducido obtéñense con aplicacións porcentuais.
5.3. Establécese un servizo de horas soltas para os non usuarios do servizo, con bonos de 12 e 6 horas cun prezo de 6,35 euros/hora.
5.4 Os prezos non incluídos na orde tamén se revisarán anualmente.
ARTIGO 6. BASE IMPOÑIBLE E COTA TRIBUTARIA
6.1.- A base impoñible virá determinada polo indicador público de renda de efectos múltiples mensual. Para os efectos, a renda mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:
a) Entenderase por unidade familiar a formada polos cónxuxes non separados legalmente e:
i. Os/as fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.
ii. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.
iii. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos discapacitados cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.
A determinación dos membros da unidade familiar realizarase atendendo á situación existente no 31 de decembro do ano a que se refiran os datos económicos a que se refiren as seguintes regras.
b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar, no cal se pretenda que produza efectos, de cada un dos membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible do aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.
O importe dos ingresos totais da unidade familiar será acreditado, mediante a presentación das copias certificadas pola Administración tributaria das declaracións do IRPF ou a certificación de ingresos das persoas que non presentasen as declaracións do IRPF.
c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refire a letra a) cando formase parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa con que manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.
d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce
6.2.- A cota tributaria calcularase coas seguintes tarifas máximas:
-Contribucións mensuais por horas de uso, horas complementarias, matrícula anual e horas soltas.
TARIFA EN FUNCIÓN DO IPREM | XORNADA DE MAÑA (8:00-13:00) | XORNADA DE MAÑA (8:00-14:00) | XORNADA DE TARDE (14:00-20:00) | XORNADA COMPLETA (ata 8 horas) | SERVICIO DE COMEDOR | MATRÍCULA |
Inferior ó 30% do IPREM | 0,00 € | 0,00 € | 0,00 € | 0,00 € | 0,00 € | 31,74 € |
Do 30% ó 50% do IPREM | 0,00 € | 0,00 € | 0,00 € | 0,00 € | 17,45 € | 31,74 € |
Do 50% ó 75% do IPREM | 24,44 € | 27,93 € | 27,93 € | 34,91 € | 17,45 € | 63,47 € |
Do 75% ó 100% do IPREM | 48,88 € | 55,85 € | 55,85 € | 69,82 € | 26,45 € | 63,47 € |
Do 100% ó 125% do IPREM | 78,49 € | 89,71 € | 89,71 € | 112,13 € | 37,02 € | 95,21 € |
Do 125% ó 150% do IPREM | 93,30 € | 106,64 € | 106,64 € | 133,29 € | 52,89 € | 95,21 € |
Do 150% ó 200% do IPREM | 102,93 € | 117,64 € | 117,64 € | 147,05 € | 63,47 € | 95,21 € |
Superior ó 200% do IPREM | 118,48 € | 135,41 € | 135,41 € | 169,26 € | 74,05 € | 95,21 € |
SERVICIO DE HORAS SOLTAS | |
Bono de 12 horas: | 76,16 € |
Bono de 6 horas: | 38,08 € |
-Contribucións mensuais polos servizos complementarios de almorzo e merenda:
TARIFA EN FUNCIÓN DO IPREM | SERVIZO DE ALMORZO | SERVIZO DE MERENDA |
Inferior ó 30% do IPREM | 0,27 euros | 0,53 euros |
Do 30% ó 50% do IPREM | 0,27 euros | 0,53 euros |
Do 50% ó 75% do IPREM | 0,53 euros | 1,06 euros |
Do 75% ó 100% do IPREM | 0,53 euros | 1,06 euros |
Do 100% ó 150% do IPREM | 0,53 euros | 1,06 euros |
Superior ó 150% do IPREM | 0,53 euros | 1,06 euros |
6.3. Beneficios fiscais:
a) Nenos pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.
b) Nenos pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.
c) Cando asistan a este centro varios irmáns, desconto dun 20 por cento cada neno/a atendido/a. No caso de que estes irmáns nacesen nun parto múltiple, o desconto será dun 30 por cento por cada neno/a.
Estes descontos serán acumulables en caso de concorrer estas circunstancias na mesma praza.
d) As familias cunha renta per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais disfrutarán da exención total da cota a partir da segunda filla ou fillo que acuda á mesma escola infantil.
e) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda disfrutarán, así mesmo, da exención total da cota.
Cando o neno/a atendido ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, a cota que corresponde pagar por dito mes terá un desconto dun 50 por cento.
ARTIGO 7. RETRIBUCIÓN E PERÍODO IMPOSITIVO
A taxa retribuirase cando se inicie a prestación do servizo. O período impositivo coincide co ano natural, rateado por meses
ARTIGO 8. LIQUIDACIÓN, RECADACIÓN E XESTIÓN
ARTIGO 8. LIQUIDACIÓN, RECADACIÓN E XESTIÓN
8.1. A liquidación da cota tributaria practicarase por meses naturais e deberán aboala os interesados nos dez primeiros días de cada mes, na entidade ou entidades financeiras que indique o Concello ou, no seu caso, o concesionario do servizo. En calquera momento o suxeito pasivo terá a posibilidade de domiciliar os recibos.
Cando se trate de liquidacións polos servizos de horas soltas cuxa cuantificación se poida efectuar antes de presta-lo servizo realizarase o ingreso antes da prestación do mesmo na Tesourería municipal ou nas entidades financeiras que se sinalen na liquidación.
8.2 Non se aboará a tarifa que corresponda ó mes en que o centro permaneza pechado por razóns de vacacións de verán. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince día consecutivos, non se aboará a tarifa que corresponda a este período.
8.3 A non asistencia do usuario ó centro durante un período determinado non supón redución ningunha, nin extinción da tarifa, mentres non se formalice a baixa correspondente.
Cando por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ó centro, o suxeito obrigado estará exento de aboa-la cota mensual dende o primeiro día do mes natural seguinte á data de ausencia do centro. A suspensión da cota durará ata o día primeiro do mes natural en que teña lugar a incorporación do neno ó centro. Non obstante, se a reincorporación se produce con posterioridade ó día 15 do mes, a cota correspondente a dito mes reducirase nun 50 por cento.
A solicitude de suspensión da cota, xunto coa acreditación documental da circunstancia que a motiva, deberá presentarse ante o SR. Alcalde, que resolverá sobre a procedencia da suspensión.
Nos casos de suspensión temporal da cota, o pagamento correspondente ó mes de reincorporación realizarase no prazo de dez días seguintes ó da data de reincorporación. Así mesmo, nos casos en que se acorde a non procedencia da suspensión solicitada, o suxeito obrigado deberá ingresa-las cotas atrasadas no prazo de dez días ó da notificación da resolución denegatoria".
ARTIGO 9. INFRACCIÓNS E SANCIÓNS.
En materia de infraccións e sancións estarase ó disposto na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolva.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse a partir do día seguinte, permanecendo vixente ata que se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.