Negreira - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por prestación de servizos deportivos municipais
Artigo 1.º.-Concepto.
No uso das facultados concedidas polos artigos 133.2 e 142 da CE e polo artigo 106 da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases de Réxime Local, e de conformidade co disposto no artigo 24 do RDL 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto Refundido da Lei Reguladora das Facendas Locais, este Concello establece a taxa pola prestación de servizos deportivos municipais, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal, atendendo ás normas ó previsto no artigo 57 do citado RDL.
Artigo 2.º.-Obrigados ó pagamento.
Están obrigados ó pagamento das taxas reguladas nesta Ordenanza as persoas ou entidade que utilicen as instalacións deportivas municipais ou sexan usuarias dos servizos deportivos abaixo citados.
Artigo 3.º.-Contía.
1. A contía das taxas reguladas nesta Ordenanza será a fixada nas tarifas contidas no apartado seguinte para cada un dos distintos servizos ou actividades.
2. Tarifas:
Por uso de instalacións
a) Entrada á piscina: 1,00 € por persoa.
b) Abono mensual piscina: 10 € por persoa.
c) Abono temporada piscina: 20 € por persoa.
d) Abono familiar de temporada: 30 €.
e) Abono familiar de temporada, familia numerosa: 40 €.
f) Utilización pavillón polideportivo: 8 €/hora.
g) Utilización campo de fútbol de herba artificial de Cepelo: 50 €/hora.
h) Utilización das pistas de tenis e pádel: 3 €/hora.
Por actividades
a) Liga fútbol-sala (inverno): 250 € por equipo.
b) Escolas deportivas: 60 € por persoa; 52,5 € por persoa cando haxa máis dun membro da mesma familia ou se acuda a máis dunha escola deportiva; 45 € por persoa cando haxa máis de dous membros da mesma familia ou se acuda a máis de dúas escolas deportivas, ou ben se teña recoñecido á familia a condición de numerosa, ou nos casos en que, mediante o procedemento que se estableza, a familia teña sido declarada en risco de exclusión social.
c) Ximnasia de mantemento: 50 € por persoa.
d) Campamentos: 60 € por persoa; 55 € por persoa cando haxa máis dun membro da mesma familia.
e) Ximnasia da 3.ª idade: 40 € por persoa.
Artigo 4.º.-Exencións e bonificacións.
1. Non están suxeitos a esta taxa aquelas utilizacións correspondentes a competicións organizadas ou patrocinadas por iniciativa do Concello de Negreira.
2. A Xunta de Goberno Local poderá conceder exencións ou bonificacións desta taxa no caso de utilización das instalacións para a celebración de actos organizados con fins benéficos.
As persoas ou entidades interesadas na obtención da devandita exención ou bonificación deberán solicitalas por escrito con anterioridade á celebración das actividades, acreditando abondo as circunstancias que concorran na súa pretensión.
Artigo 5.º.-Devengo, liquidación e ingreso.
1. No caso xeral de utilización individualizada das instalacións deportivas municipais fundiranse nun só intre procedimental as fases de devengo, liquidación e pago da taxa. Dito intre procedimental producirase cando a persoa manifeste a súa pretensión de utilizar as referidas instalacións.
2. No caso de solicitude por colectivos para a utilización nun momento posterior, o devengo e a liquidación produciranse coa autorización da Alcaldía. O pago, que se efectuará con anterioridade á utilización efectiva, realizarase na Tesourería municipal.
Disposición final
A presente Ordenanza entrará en vigor ó día seguinte o da súa íntegra publicación no Boletín Oficial da Provincia, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.