Negreira - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO PÚBLICO DE AXUDA DOMICILIO.

Publicación provisional: BOP Nº:
Publicación definitiva: 23/09/2000 BOP Nº: 220
Aplicable dende: 23/09/2000

Artigo 1.-Obxecto.

De conformidade co previsto no artigo 20 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, e Lei 4/1993, do 14 de abril, e Orde do 22 de xullo de 1996, ámbalas dúas da Xunta de Galicia, este Concello establece a taxa polo servicio de axuda no fogar especificado nas tarifas comprendidas no artigo 4 que se rexerá pola presente ordenanza fiscal.

Artigo 2.-Obrigados/as ó pagamento.

Están obrigados/as ó pagamento da taxa regulada nesta ordenanza os beneficiarios do servicio de axuda a domicilio que se presta por este Concello.

Quedarán exentos do pagamento os usuarios que perciban unha renda per cápita anual inferior ó 75% do salario mínimo interprofesional vixente anualmente.

Entenderase por renda per cápita anual a suma dos ingresos que, por calquera concepto, reciba a unidade familiar dividida polo número de membros que integran a mesma. A contía do salario mínimo interprofesional para o 2000 é 70.680 pesetas.

Artigo 3.-Base imponible.

Para os efectos previstos para a aplicación das tarifas do artigo 4 seguinte establécese o prezo de hora por prestación de servicio en 650 pesetas, revisable anualmente e de xeito automático segundo o índice anual de prezos ó consumo.

Artigo 4.-Contía.

A contía da taxa regulada será a fixada nas tarifas contidas nos apartados seguintes:

Acceso gratuíto.-Quedarán exentos do pagamento os usuarios que perciban unha renda per cápita anual inferior ó 75% do salario mínimo interprofesional vixente anualmente.

Acceso co-financiado.

Tarifa número 1: unidade convivencial integrada por unha soa persoa:

Renda per cápita sobre SMI:

- Inferior ó 75% de SMI: gratuíto.

- Máis do 75% ata o 100% : 25% do custo do servicio.

- Máis do 100% ata o 125%: 50% do custo do servicio.

- Máis do 125% ata o 150%: 75% do custo do servicio.

- Máis do 150%: 100% do custo do servicio.

Tarifa número 2: unidade convivencial integrada por dúas persoas:

Renda per cápita sobre SMI:

- Máis do 50% ata o 75%: 25% do custo do servicio.

- Máis do 75% ata o 100%: 50% do custo do servicio.

- Máis do 100% ata o 125%: 75% do custo do servicio.

- Máis do 125%: 100% do custo do servicio.

Tarifa número 3: unidade convivencial integrada por tres ou máis persoas:

Renda per cápita sobre SMI:

- Máis do 50% ata o 65%: 40% do custo do servicio.

- Máis do 65% ata o 75%: 60% do custo do servicio.

- Máis do 75%: 100% do custo do servicio.

Artigo 5.-Normas de xestión.

a) As persoas interesadas na prestación do servicio ó que se refire esta ordenanza deberán presentar no Departamento de Servicios Sociais do Concello a solicitude segundo modelo normalizado sobre o servicio interesado e a documentación que se específica no artigo 7 do Regulamento do servicio de axuda no fogar.

b) As cantidades esixibles de acordo coa tarifa liquidaranse polo servicio prestado, e serán irreductibles por períodos mensuais.

Artigo 6.-Períodos vacacionais dos/as usuarios/as do Servicio axuda domiciliaria.

As persoas que estean recibindo o servicio e se ausente do seu domicilio por vacacións ou viaxes, deberán avisar con antelación ó Departamento de Servicios Sociais do Concello. Durante este tempo se desexan que se lles reserve a praza dentro do Servicio de axuda domiciliaria, terán que seguir aboando a cota mensual correspondente.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir da data de publicación, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.