Negreira - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO DE AXUDA NO FOGAR DO CONCELLO DE NEGREIRA
Artigo 1.-Obxecto.
De conformidade co previsto no artigo 20 do RDL 2/2004, de 5 de marzo; a Lei 5/1997, de 22 de xullo, da Administración Local de Galicia; e a Orde do 22 de xaneiro de 2009, da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, este Concello establece a taxa polo servizo de axuda no fogar especificado nas tarifas comprendidas no artigo 4.°, que se rexerá pola presente Ordenanza fiscal.
Artigo 2.-Obrigados/as ó pagamento.
Están obrigadas ó pagamento da taxa regulada nesta Ordenanza as persoas físicas beneficiarias do servizo de axuda a domicilio que se presta por este Concello, nos termos e condicións establecidos na ordenanza reguladora do mesmo. Estas persoas teñen a consideración de suxeitos pasivos da taxa.
A prestación deste servicio constitúe o feito impoñible de esta taxa.
Para a determinación da capacidade económica das persoas usuarias do servizo estarase ó disposto no artigo 17 da xa citada Orde de 22 de xaneiro de 2009.
A contía mensual do IPREM para o 2010 está establecida en 532,51 €.
Artigo 3.-Base impoñible e cota tributaria.
A base impoñible desta taxa está constituída polas horas de utilización do servizo por parte da persoa usuaria.
Para os efectos previstos para a aplicación das tarifas do artigo 4 seguinte establécese o prezo de hora por prestación de servizo en 13,43 €, revisable anualmente segundo o índice anual de prezos ó consumo.
A cota tributaria establécese mediante a aplicación, ó prezo unitario por hora establecido no parágrafo anterior, dos coeficientes fixados no artigo seguinte, en función da capacidade económica da persoa beneficiaria.
Artigo 4.-Contía.
A contía da taxa regulada será a fixada nas tarifas contidas nos apartados seguintes:
Acceso gratuito.-Quedarán exentos do pagamento os usuarios que perciban unha renda per cápita anual inferior ou igual ó 100% do IPREM vixente anualmente.
Acceso cofinanciado:
Renda per cápita sobre IPREM:
- Máis do 100% ata o 300%: 20% do prezo por hora da prestación do servizo.
- Máis do 300% ata o 500%: 40% do prezo por hora da prestación do servizo.
- Máis do 500%: 65% do prezo por hora da prestación do servizo.
Artigo 5.-Normas de xestión.
a) As persoas interesadas na prestación do servizo ó que se refire esta ordenanza deberán presentar no Departamento de Servizos Sociais do Concello a solicitude segundo o establecido na Ordenanza reguladora do servizo de axuda no fogar.
b) As cantidades esixibles de acordo coa tarifa liquidaranse polo servizo prestado, e serán irreductibles por períodos mensuais.
Disposición final.
A presente ordenanza entrará en vigor a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir da data de publicación, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.