Índice
Redaccións
Touro - Ordenanza fiscal reguladora da taxa por abastecemento de auga a domicilio
Publicación provisional:
11/03/1999
BOP Nº:
57
Publicación definitiva:
11/03/1999
BOP Nº:
57
Aplicable dende:
01/01/2009
Artigo 1
De conformidade co previsto no artigo 58 en relación co artigo 20, ambos da Lei 39/1988, de 28 de decembro, reguladora das Facendas Locais, segundo a modificación establecida polo artigo 66 da Lei 25/1998, do 13 de xullo, de modificación do Réxime Legal das Taxas Estatais e Locais e de Reordenación das Prestacións Patrimoniais e de Carácter Público, este Concello establece a Taxa polo subministro de auga que se rexerá pola presente Ordenanza.
Artigo 2
As concesións de auga faranse aos propietarios de fincas urbanas, aos arrendatarios ou a calquera usuario, sempre que estean autorizados para introduci-la auga nos edificios que ocupan polos donos dos mesmos.
Artigo 3.
As concesións faranse a título persoal, previo pago das tarifas vixentes.
Artigo 4.
Non se farán concesións gratuítas aos particulares, corporacións, institucións, organismos oficiais ou outros similares.
Artigo 5.
A auga subministrarase mediante contador, que medirá en volumes a cantidade consumida, que será a que o abonado deba pagar segundo as taxas desta Ordenanza, partindo dun mínimo igual para tódolos usuarios.
Artigo 6.
As concesións de auga serán para usos domésticos ou industriais, entendéndose por tales: bebida, preparación de alimentos, limpeza, aseo persoal e outras similares.
Artigo 7.
As concesións de auga coa rede xeral serán autorizadas pola Xunta de Goberno Local, previa solicitude do interesado, e serán realizadas única e exclusivamente polo persoal encargado de dita xestión polo Concello.
Artigo 8.
Desde a peza de toma colocada no ramal correspondente da rede do abastecemento, a instalación farase polo Concello, sendo de conta do abonado o custo correspondente da instalación e conservación.
Artigo 9.
O Concello, en evitación de abusos, poderá exercer unha vixilancia sobre tuberías, aparatos de conducción e media de auga. O persoal encargado do servicio de augas estará autorizado para entrar nas fincas e inspeccionar e practica-los recoñecementos que xulguen convenientes.
Artigo 10.
Tódalas concesións faranse polo sistema de contador, podendo os abonados establecer no interior das súas fincas, despois do contador, o número de billas que consideren convenientes.
Artigo 11.
O contador de auga será propiedade do abonado, convenientemente verificado pola Delegación de Industria da Provincia.
Artigo 12.
En cada toma de auga instalarase unha chave de paso, que só poderán manexa-los encargados do servicio. Os abonados faranse cargo dos gastos de conservación e reparación de dita chave. En caso de avaría na toma de auga, o Concello poderá ordenar o seu precintado de forma temporal.
Artigo 13.
Os usuarios no poderán vender nin ceder gratuitamente a auga a terceiras persoas, aínda que sexa para dedicar ao mesmo uso para o que se ten concedida.
Artigo 14.
As concesións de auga van unidas ás fincas que as disfrutan, non podendo, por tanto, transferirse dunha a outra, nin en parte nin na súa totalidade.
Artigo 15.
Os abonos comezarán a contar desde o día no que empece a correr a auga pola tubería do abonado.
Artigo 16.
O usuario poderá causar baixa cando o desexe, solicitando nas oficinas municipais a baixa correspondente, momento no que procederán os encargados do servicio a corta-lo subministro.
Artigo 17.
O abonado ou os seus herdeiros serán responsables do pago da cota. No caso de baixa, o pago surtirá efecto ata o primeiro día do mes seguinte.
Artigo 18.
A tarifa da auga ten un mínimo mensual de consumo de dez metros cúbicos.
Artigo 19.
No caso de avaría do contador, durante o tempo no que estea inutilizado calcularase o consumo en base ao gasto habido na mesma finca en igual época dos anos anteriores. Esta circunstancia notificarase ao abonado por escrito, dándolle un prazo de 15 días para solicita-lo cambio de contador, e a substitución correrá por conta do abonado.
Artigo 20.
Os abonados que alteren o funcionamento dos contadores para obter un maior volume de auga do que os aparatos sinalan, pagarán una multa de trinta euros, e ademais, o triple da tarifa mensual a partir do día no que os empregados do servicio efectuaron o último control ata que se advertiu o fraude.
Artigo 21.
A falta de pago do recibo trimestral leva consigo a suspensión automática do subministro de auga sen previo aviso ao usuario. Igualmente, suspenderase o servicio en caso de que fora negada a entrada no domicilio ao encargado das visitas de inspección oficial.
Artigo 22.
As solicitudes para conectar na rede xeral do abastecemento de auga potable dirixiranse á Alcaldía e pasarán á aprobación da Xunta de Goberno Local, sendo de conta do solicitante o importe dos materiais, as obras de apertura e peche de gabias, colocación de tuberías e arqueta para rexistro. Tódalas obras necesarias serán realizadas polos encargados do servicio de augas no seu caso.
Artigo 23.
Os recibos pagaranse trimestralmente de acordo coas indicacións do contador.
Artigo 24.
Os abonados serán responsables dos danos ou prexuízos cá existencia das tuberías poida causar a terceiros.
Artigo 25.
Se o caudal das augas experimentara variacións por razóns climatolóxicas ou outras de forza maior, non darán dereito esta circunstancia aos abonados para que reclamen cantidade algunha a título de indemnización polos danos sufridos.
Artigo 26.
Cando o abonado observe variacións ou deficiencias no subministro, deberá dar conta con rapidez ao Concello ou ao servicio de augas.
Artigo 27.
Cando as circunstancias técnicas ou climatolóxicas así o impoñan, pola Alcaldía poderase cortar o subministro ou regula-lo seu uso de forma temporal.
Artigo 28.
A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a fixada na tarifa seguinte:
- mínimo ata 30 m3 por abonado ao trimestre.0,3861 €/m3
- de 31 m3 a 45 m3 por abonado ao trimestre..0,4455 €/m3
- máis de 45 m3 por abonado ao trimestre.......0,5939 €/m3
Estas tarifas incrementaranse conforme ao establecido na lei co IVE que corresponda en cada momento.
Disposición final
A presente modificación da Ordenanza entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día primeiro de xaneiro de 2009, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.