Touro - ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA POR ABASTECEMENTO DE AUGA A DOMICILIO

Publicación provisional: 11/03/1999 BOP Nº: 57
Publicación definitiva: 11/03/1999 BOP Nº: 57
Aplicable dende: 01/01/2013

Artigo 1.-

De conformidade co previsto no artigo 17 do R.D. Lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais este Concello establece a Taxa polo subministro de auga que se rexerá pola presente Ordenanza.

Artigo 2.º-

As concesións de auga faranse aos propietarios de fincas urbanas, aos arrendatarios ou a calquera usuario, sempre que estean autorizados para introducir a auga nos edificios que ocupan polos donos dos mesmos.

Artigo 3.º-

As concesións faranse a título persoal, previo pago das tarifas vixentes.

Artigo 4.º-

Non se farán concesións gratuítas aos particulares, corporacións, institucións, organismos oficiais ou outros similares.

Artigo 5.º-

A auga subministrarase mediante contador, que medirá en volumes a cantidade consumida, que será a que o abonado deba pagar segundo as taxas desta Ordenanza, partindo dun mínimo igual para tódolos usuarios.

Artigo 6.º-

As concesións de auga serán para usos domésticos ou industriais, entendéndose por tales: bebida, preparación de alimentos, limpeza, aseo persoal e outras similares.

Artigo 7.º-

As concesións de auga coa rede xeral serán autorizadas pola Xunta de Goberno Local, previa solicitude do interesado, e serán realizadas única e exclusivamente polo persoal encargado de dita xestión polo Concello.

Artigo 8.º-

Desde a peza de toma colocada no ramal correspondente da rede do abastecemento, a instalación farase polo Concello, sendo de conta do abonado o custo correspondente da instalación e conservación.

Artigo 9.º-

O Concello, en evitación de abusos, poderá exercer unha vixilancia sobre tuberías, aparatos de condución e media de auga. O persoal encargado do servizo de augas estará autorizado para entrar nas fincas e inspeccionar e practicar os recoñecementos que xulguen convenientes.

Artigo 10.º-

Tódalas concesións faranse polo sistema de contador, podendo os abonados establecer no interior das súas fincas, despois do contador, o número de billas que consideren convenientes.

Artigo 11.º-

O contador de auga será propiedade do abonado, convenientemente verificado pola Delegación de Industria da Provincia.

Artigo 12.º-

En cada toma de auga instalarase unha chave de paso, que só poderán manexar os encargados do servizo. Os abonados faranse cargo dos gastos de conservación e reparación de dita chave. En caso de avaría na toma de auga, o Concello poderá ordenar o seu precintado de forma temporal.

Artigo 13.º-

Os usuarios no poderán vender nin ceder gratuitamente a auga a terceiras persoas, aínda que sexa para dedicar ó mesmo uso para o que se ten concedida.

Artigo 14.º-

As concesións de auga van unidas ás fincas que as disfrutan, non podendo, por tanto, transferirse dunha a outra, nin en parte nin na súa totalidade.

Artigo 15.º-

Os abonos comezarán a contar desde o día no que empece a correr a auga pola tubería do abonado.

Artigo 16.º-

O usuario poderá causar baixa cando o desexe, solicitando nas oficinas municipais a baixa correspondente, momento no que procederán os encargados do servizo a cortar o subministro.

Artigo 17.º-

O abonado ou os seus herdeiros serán responsables do pago da cota. No caso de baixa, o pago surtirá efecto ata o primeiro día do mes seguinte.

Artigo 18.º-

A tarifa da auga ten un mínimo mensual de consumo de dez metros cúbicos.

Artigo 19.º-

No caso de avaría do contador, durante o tempo no que estea inutilizado calcularase o consumo en base ó gasto habido na mesma finca en igual época dos anos anteriores. Esta circunstancia notificarase ó abonado por escrito, dándolle un prazo de 15 días para solicitar o cambio de contador, e a substitución correrá por conta do abonado.

Artigo 20.º-

Os abonados que alteren o funcionamento dos contadores para obter un maior volume de auga do que os aparatos sinalan, pagarán una multa de trinta euros, e ademais, o triple da tarifa mensual a partir do día no que os empregados do servizo efectuaron o último control ata que se advertiu o fraude.

Artigo 21.º-

A falta de pago do recibo trimestral leva consigo a suspensión automática do subministro de auga sen previo aviso ó usuario. Igualmente, suspenderase o servizo en caso de que fora negada a entrada no domicilio ó encargado das visitas de inspección oficial.

Artigo 22.º-

As solicitudes para conectar na rede xeral do abastecemento de auga potable dirixiranse á Alcaldía e pasarán á aprobación da Xunta de Goberno Local, sendo de conta do solicitante o importe dos materiais, as obras de apertura e peche de gabias, colocación de tuberías e arqueta para rexistro. Tódalas obras necesarias serán realizadas polos encargados do servizo de augas no seu caso.

Artigo 23.º-

Os recibos pagaranse trimestralmente de acordo coas indicacións do contador.

Artigo 24.º-

Os abonados serán responsables dos danos ou prexuízos cá existencia das tuberías poida causar a terceiros.

Artigo 25.º-

Se o caudal das augas experimentara variacións por razóns climatolóxicas ou outras de forza maior, non darán dereito esta circunstancia aos abonados para que reclamen cantidade algunha a título de indemnización polos danos sufridos.

Artigo 26.º-

Cando o abonado observe variacións ou deficiencias no subministro, deberá dar conta con rapidez ao Concello ou ao servizo de augas.

Artigo 27.º-

Cando as circunstancias técnicas ou climatolóxicas así o impoñan, pola Alcaldía poderase cortar o subministro ou regular o seu uso de forma temporal.

Artigo 28.º-

A contía da taxa regulada nesta ordenanza será a fixada na tarifa seguinte:

- mínimo ata 30 m3 por abonado ao trimestre 0,4162 €/m3

- de 31 m3 a 45 m3 por abonado ao trimestre 0,4803 €/m3

- máis de 45 m3 por abonado ao trimestre 0,6402 €/m3

Estas tarifas incrementaranse conforme ao establecido na lei co IVE que corresponda en cada momento.

Disposición final.-

A presente modificación da Ordenanza entrará en vigor o día da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia, e comezará a aplicarse a partir do día primeiro de xaneiro de 2013, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresas.