Vimianzo - ORDENANZA FISCAL Nº 16, REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS

Publicación provisional: 01/06/2006 BOP Nº: 124
Publicación definitiva: 01/06/2006 BOP Nº: 124
Aplicable dende: 23/09/2011

Artigo 1º. Feito impoñible

1. Constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do termo municipal, de calquera construcción, instalación ou obra para a que se esixa obtención da correspondente licenza de obra urbanística, obtivérase ou non a dita licenza, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.
2. As construccións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir en:
a) Obras de construcción de edificacións e instalacións de toda clase de nova planta.
b) Obras de derribo.
c) Obras en edificios, tanto aqueles que modifiquen a súa disposición anterior como o seu aspecto exterior.
d) Aliñacións e rasantes.
e) Obras de fontanería e sumidoiro.
f) Obras en cemiterios.
g) Calquera outras construccións, instalacións ou obras que requiran licenza de obra urbanística, consonte co establecido no artigo 10 do Regulamento de disciplina urbanística aprobado por Decreto 28/1999, do 21 de xaneiro, en concordancia ca Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Artigo 2º. Suxeitos pasivos

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei Xeral Tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construccións, instalacións ou obras sempre que sexan donos das obras; nos demais casos, considerarase contribuínte a quen teña a condición de dono da casa.
2. Ten a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte quen solicite as correspondentes licenzas ou realicen as construccións, instalacións ou obras, se non fosen os propios contribuíntes.

Artigo 3º. Base impoñible, cota e devengo

1. A base impoñible deste imposto constitúese polo custo real e efectivo da construcción, instalación ou obra.
2. A cota do imposto será o resultado de aplicar á base impoñible o tipo de gravame.
3. O tipo de gravame será o 3 por cento.
4. O imposto devengarase no momento de iniciarse a construcción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivese a correspondente licenza. Para os efectos deste imposto, entenderanse iniciadas as construccións, instalacións ou obras, salvo proba en contrario, cando fose concedida a preceptiva licenza municipal; no momento no que sexa retirada a devandita licenza polo interesado ou o seu representante, ou noutro caso, ou mes da data do Decreto ou do acordo da Xunta de Goberno Local.

Artigo 4º. Xestión

1. Con carácter xeral tomarase como base da presente exacción o custo real da obra ou construcción segundo presuposto. Non formarán parte da dita base o imposto sobre o valor engadido e demais impostos análogos propios de réximes especiais, as taxas, prezos públicos e demais prestacións patrimoniais de carácter público local relacionadas, no seu caso, coa construcción, instalación ou obra, nin os honorarios de profesionais, o beneficio empresarial do contratista nin calquera outra concepto que non integre o custo de execución material.
2. Cando se conceda licenza preceptiva practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do presuposto presentado polos interesados, sempre que este estivese visado polo colexio oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible determinarase polos técnicos municipais, aplicando os baremos ou tarifas oficiais dos ditos colexios profesionais.
3. No caso de que a correspondente licenza de obras ou urbanística sexa denegada, os suxeitos pasivos terán dereito á devolución das cotas satisfeitas.

Artigo 5º. Inspección e recadación

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei Xeral Tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 6º. Bonificacións

Establécese un beneficio fiscal do 40% da cota do imposto a favor das construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico artísticas ou de fomento do emprego que xustifiquen tal declaración. Corresponderá dita declaración ó Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do suxeito pasivo, por voto favorable da maioría simple dos seus membros.

Este beneficio fiscal elévase o 90 por cento da cota do imposto a favor das construcións, instalacións ou obras que se instalen no Polígono Industrial de Vimianzo, e soliciten a súa licenza de construción, instalación ou obra durante os exercicios 2011 e 2012. A declaración de interese ou utilidade municipal corresponde ao Pleno da Corporación e acordarase, previa solicitude do interesado, polo voto favorable da maioría simple dos seus membros. Coa solicitude deberá achegarse unha memoria da construción a realizar e memoria da iniciativa empresarial proxectada pormenorizando aqueles aspectos relacionados coa creación de novos postos de traballo.

Artigo 7º. Infraccións e sancións

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias así como á determinación das sancións que por estas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei Xeral Tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven

Disposición derradeira

A presente ordenanza entrará en vigor una vez aprobada definitivamente, e publicada o seu texto íntegro no BOP, consonte co previsto no art. 107.1 da LBRL, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa. Comenzará a aplicarse a partir do día 1 de xaneiro de 2008, se a súa publicación definitiva no BOP se produce antes do 1 de xaneiro de dito ano, e senon o día seguinte da su publicación.