Dodro - ORDENANZA FISCAL Nº 1 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.
Artigo 1: FEITO IMPOÑIBLE
a) Constitúe o feito impoñible do imposto, a realización dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra que esixa o outorgamento por parte do Concello das licenzas urbanísticas esixidas pola lexislación do chan e ordenación urbana ou realización das actividades administrativas de control nos supostos nos que a esixencia de licenza fose substituída pola presentación de declaración responsable ou comunicación previa.
2. As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir en:
a) Obras de construción de edificacións e instalacións de todas clases de nova planta
b) Obras de demolición
c) Obras de edificios, tanto aquelas que modifiquen a súa disposición interior coma o seu aspecto exterior
d) Aliñacións e rasantes.
e) Obras de fontanería e sumidoiros.
f) Obras en cemiterios
g) Calquera outras construcións, instalacións ou obras que requiran licencia de obra ou urbanística
Artigo 2: SUXEITOS PASIVOS
1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións ou obras sempre que sexan donos das obras; nos demais casos considerarase contribuínte a quen ostente a condición de dono da obra.
2. Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, os que soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras, se non foran os propios contribuíntes.
Artigo 3: BASE IMPOÑIBLE, COTA E DEREITO DE PERCEPCIÓN
1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra.
2. A cota do imposto será o resultado de aplica á base impoñible, o tipo de gravame.
3. O imposto xerarase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza.
4. O tipo de gravame será do 3,5 %.
Artigo 4: BENEFICIOS FISCAIS
1. O Pleno da corporación ou órgano que actúe por delegación poderá declarar, previa solicitude dos interesados e os informes dos técnicos municipais, que determinadas construcións, instalacións ou obras son de especial interese ou utilidade pública municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego. Dita declaración require o voto favorable da maioría simple dos seus membros.
Os interesados deberán efectuar a solicitude de bonificación no momento en que se efectúe a solicitude da licenza de obra e, en todo caso, antes do inicio das mesmas, o que se acreditará co certificado expedido polo técnico director da obra; a solicitude de declaración de utilidade pública polo Pleno ou órgano que actúe por delegación, suspenderá o prazo para a resolución da solicitude de licenza, que se retomará na data de declaración ou denegación polo Pleno da utilidade pública solicitada.
Declarada dita utilidade á Xunta de Goberno Local poderá aplicar unha bonificación de ata o 45% da cota en atención ós documentos existentes no expediente e que motivaron a declaración de especial interese ou utilidade pública municipal.
Respecto das solicitudes de bonificación fundamentadas no fomento do emprego, unicamente poderán acollerse a este beneficio as solicitudes de licenza para obra maior de construción de vivenda, debendo emitirse informe técnico ao respecto.
Declarada a utilidade polo Pleno ou órgano que actúe por delegación, a Xunta de Goberno Local practicará a liquidación provisional do 100% da cota do imposto no acordo de concesión da licenza e os interesados, antes de transcorrer 4 anos dende o pagamento da liquidación provisional do imposto sobre construcións instalación e obras, poderán solicitar á Xunta de Goberno Local a devolución do importe bonificado, previa acreditación documental da creación de emprego.
3. Á solicitude dos interesados, e previos os informes dos técnicos municipais, a Xunta de Goberno Local poderá conceder unha bonificación de ata o 50% a favor das construcións, instalacións ou obras referentes ás vivendas de protección oficial.
4. Á solicitude dos interesados, e previos os informes dos técnicos municipais, á Xunta de Goberno Local, poderá conceder unha bonificación de ata o 90% a favor das construcións, instalacións ou obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.
5. A Xunta de Goberno Local determinará, en cada caso, se todas ou algunhas das bonificacións reguladas neste artigo son ou non aplicables simultaneamente.
Se o foran, aplicaranse de forma simultánea e sucesiva, segundo a orde na que aparezan reguladas.
Artigo 5: XESTIÓN
1. Cando se conceda a licenza preceptiva ou se proceda á presentación de declaración responsable ou comunicación previa, practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do presuposto presentado polo interesados, sempre que o mesmo fora visado polo colexio oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais, de acordo co custo estimado do proxecto.
2. Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo das mesmas, o Concello, mediante a oportuna comprobación administrativa, poderá modificar, no seu caso, a base impoñible a que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo, ou reintegrándolle no seu caso, a cantidade que corresponda.
3. O Concello establece con carácter obrigatorio, que a liquidación do imposto esixirase en réxime de autoliquidación, no momento da presentación da instancia de solicitude.
Artigo 6: INSPECCIÓN E RECADACIÓN
A inspección e recadación do imposto realizaranse de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
Artigo 7: INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como á determinación das sancións que polas mesmas corresponda a cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente Ordenanza, unha vez aprobada definitivamente, será publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia e comezará a aplicarse unha vez transcorra o prazo previsto no artigo 49 e 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, e manterase en vigor mentres non se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.