Dodro - ORDENANZA FISCAL Nº 1 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.
FEITO IMPOÑIBLE
Artigo 1:
1. Constitúe o feito impoñible do imposto, a realización dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra que esixa o outorgamento por parte do Concello das licenzas urbanísticas esixidas pola lexislación do chan e ordenación urbana ou realización das actividades administrativas de control nos supostos nos que a esixencia de licenza fose substituída pola presentación de declaración responsable ou comunicación previa.
2. As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir en:
A) Obras de construción de edificacións e instalacións de todas clases de nova planta.
B) Obras de demolición
C) Obras de edificios, tanto aquelas que modifique a súa disposición interior coma o seu aspecto exterior.
D) Aliñacións e rasantes
E) Obras de fontanería e sumidoiros
F) Obras en cemiterios
G) Calquera outras construcións, instalacións ou obras que requiran licenza de obra ou urbanística
SUXEITOS PASIVOS
Artigo 2:
1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións ou obras sempre que sexan donos das obras; nos demais casos considerarase contribuínte a quen ostente condición de dono da obra.
2. Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, os que soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras se non foron os propios contribuíntes.
BASE IMPOÑIBLE, COTA E DEREITO DE PERCEPCIÓN
Artigo 3:
1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra.
2. A cota do imposto será o resultado de aplicar a base impoñible, o tipo de gravame.
3. O imposto xerarase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza.
4. O tipo de gravame será do 3,5 %.
BENEFICIOS FISCAIS
Artigo 4:
1. O Pleno da Corporación ou órgano que actúe por delegación poderá declarar, previa solicitude dos interesados e os informes dos técnicos municipais, que determinadas construcións, instalacións ou obras son de especial interese ou utilidade pública municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego.
Os interesados deberán efectuar a solicitude de bonificación no momento en que se efectúe a solicitude da licenza de obra e, en todo caso, antes do inicio das mesmas, o que se acreditará co certificado expedido polo técnico director da obra; a solicitude de declaración de utilidade pública polo Pleno ou órgano que actúe por delegación, suspenderá o prazo para a resolución da solicitude de licenza, que se retomará na data de declaración ou denegación polo Pleno da utilidade pública solicitada.
Declarada dita utilidade a Xunta de Goberno Local poderá aplicar unha bonificación de ata o 95% da cota en atención os documentos existentes no expediente que motivaron a declaración de especial interese ou utilidade pública municipal.
Declarada a utilidade polo Pleno ou órgano que actúe por delegación, a Xunta de Goberno Local practicará a liquidación provisional do 100% da cota do imposto no acordo de concesión da licenza e, os interesados antes de transcorrer catro anos dende o pagamento da liquidación provisional do imposto sobre construcións, instalacións e obras, poderán solicitar á Xunta de Goberno Local a devolución do importe bonificado, previa acreditación documental da creación de emprego."
2. A solicitude dos interesados e previos os informes dos técnicos municipais,a Xunta de Goberno Local poderá conceder unha bonificación de ata o 95 por cento a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.
3. A solicitude dos interesados e previos os informes dos técnicos municipais, a Xunta de Goberno Local poderá conceder unha bonificación de ata 50 por cento a favor das construcións, instalacións ou obras vinculadas a plans de fomento das inversións privadas en infraestruturas.
4. Á solicitude dos interesados, e previos os informes dos técnicos municipais, a Xunta de Goberno Local poderá conceder unha bonificación de ata o 50% a favor das construcións, instalacións ou obras referentes ás vivendas de protección oficial.
5. Á solicitude dos interesados, e previos os informes dos técnicos municipais, á Xunta de Goberno Local, poderá conceder unha bonificación de ata o 90% a favor das construcións, instalacións ou obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.
A Xunta de Goberno Local determinará, en cada caso, se todas ou algunhas das bonificacións reguladas neste artigo son ou non aplicables simultaneamente. Se o foran, aplicaranse de forma simultánea e sucesiva, segundo a orde na que aparezan reguladas
XESTIÓN
Artigo 5:
1. Cando se conceda a licenza preceptiva ou se proceda á presentación de declaración responsable ou comunicación previa, practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do presuposto presentado polo interesado, sempre que o mesmo fora visado polo colexio oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais de acordo co custo estimado do proxecto.
2. Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo das mesmas, o concello, mediante a oportuna comprobación administrativa poderá modificar, no seu caso, a base impoñible á que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo, ou reintegrándolle no seu caso, a cantidade que corresponda.
3. O concello establece con carácter obrigatorio, que a liquidación do imposto esixirase en réxime de autoliquidación, no momento da presentación da instancia de solicitude.
INSPECCIÓN E RECADACIÓN
Artigo 6:
A inspección e recadación do imposto realizaranse de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.
INFRACCIÓNS E SANCIÓNS
Artigo 7:
En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como a determinación das sancións que polas mesmas corresponda a cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven.
DISPOSICIÓN FINAL
A presente Ordenanza, unha vez aprobada definitivamente, será publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia e comenzará a aplicarse unha vez transcorra o prazo previsto no artigo 49 e 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, e manterase en vigor mentres non se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.
Nota do Servizo de Asistencia Económica a Municipios
BOP nº 130 de 11/07/2017:
Corrección de erros na publicación da aprobación definitiva da modificación da ordenanza fiscal núm. 1 do ICIO.
No Boletín Oficial da Provincia núm. 95, do 23 de maio de 2017, publicouse o anuncio de Aprobación definitiva da modificación da Ordenanza fiscal número 1, reguladora do Imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO).
Advertidos erros no anuncio indicado, no apartado de BENEFICIOS FISCAIS, logo de ter sido corrixido, procédese á publicación integra deste.