Dodro - ORDENANZA FISCAL Nº 1 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS.

Publicación provisional: 30/12/1989 BOP Nº: 298
Publicación definitiva: 17/02/1990 BOP Nº: 00
Aplicable dende: 29/01/2018

FEITO IMPOÑIBLE

Artigo 1:

1. Constitúe o feito impoñible do imposto, a realización dentro do termo municipal, de calquera construción, instalación ou obra que esixa o outorgamento por parte do Concello das licenzas urbanísticas esixidas pola lexislación do chan e ordenación urbana ou realización das actividades administrativas de control nos supostos nos que a esixencia de licenza fose substituída pola presentación de declaración responsable ou comunicación previa.

2. As construcións, instalacións ou obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir en:

A) Obras de construción de edificacións e instalacións de todas clases de nova planta.

B) Obras de demolición

C) Obras de edificios, tanto aquelas que modifique a súa disposición interior coma o seu aspecto exterior.

D) Aliñacións e rasantes

E) Obras de fontanería e sumidoiros

F) Obras en cemiterios

G) Calquera outras construcións, instalacións ou obras que requiran licenza de obra ou urbanística

SUXEITOS PASIVOS

Artigo 2:

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades ás que se refire o artigo 35.4 da Lei xeral tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construcións, instalacións ou obras sempre que sexan donos das obras; nos demais casos considerarase contribuínte a quen ostente condición de dono da obra.

2. Teñen a consideración de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte, os que soliciten as correspondentes licenzas ou realicen as construcións, instalacións ou obras se non foron os propios contribuíntes.

BASE IMPOÑIBLE, COTA E DEREITO DE PERCEPCIÓN

Artigo 3:

1. A base impoñible deste imposto está constituída polo custo real e efectivo da construción, instalación ou obra.

2. A cota do imposto será o resultado de aplicar a base impoñible, o tipo de gravame.

3. O imposto xerarase no momento de iniciarse a construción, instalación ou obra, aínda cando non se obtivera a correspondente licenza.

4. O tipo de gravame será do 3,5 %.

BENEFICIOS FISCAIS

Artigo 4:

1. O Pleno da Corporación ou órgano que actúe por delegación poderá declarar, previa solicitude dos interesados e os informes dos técnicos municipais, que determinadas construcións, instalacións ou obras son de especial interese ou utilidade pública municipal por concorrer circunstancias sociais, culturais, histórico-artísticas ou de fomento do emprego.

Os interesados deberán efectuar a solicitude de bonificación no momento no que se efectúe a solicitude da licenza de obra e, en todo caso, antes do inicio destas, o que se acreditará co certificado expedido polo técnico director da obra; a solicitude de declaración de utilidade pública polo Pleno ou órgano que actúe por delegación, suspenderá o prazo para a resolución da solicitude de licenza, que se retomará na data de declaración ou denegación polo Pleno da utilidade pública solicitada.

Declarada a dita utilidade a Xunta de Goberno Local poderá aplicar unha bonificación de ata o 95% da cota en atención os documentos existentes no expediente que motivaron a declaración de especial interese ou utilidade pública municipal.

Declarada a utilidade polo Pleno ou órgano que actúe por delegación, a Xunta de Goberno Local practicará a liquidación provisional do 100% da cota do imposto no acordo de concesión da licenza e, os interesados antes de transcorrer catro anos dende o pagamento da liquidación provisional do imposto sobre construcións, instalacións e obras, poderán solicitar á Xunta de Goberno Local a devolución do importe bonificado, previa acreditación documental da creación de emprego.

2. Á solicitude dos interesados, e previos os informes dos técnicos municipais, a Xunta de Goberno Local poderá conceder unha bonificación de ata o 95% a favor das construcións, instalacións ou obras nas que se incorporen sistemas para o aproveitamento térmico ou eléctrico da enerxía solar. A aplicación desta bonificación estará condicionada a que as instalacións para produción de calor inclúan colectores que dispoñan da correspondente homologación da Administración competente.

3. Á solicitude dos interesados, e previos os informes dos técnicos municipais, a Xunta de Goberno Local poderá conceder unha bonificación de ata o 50% a favor de construcións, instalacións ou obras vinculadas a plans de fomento dos investimentos privados en infraestruturas ou referentes ás vivendas de protección oficial.

4. Á solicitude dos interesados, e previos os informes os técnicos municipais, á Xunta de Goberno Local poderá conceder unha bonificación de ata o 90% a favor das construcións, instalacións ou obras que favorezan as condicións de acceso e habitabilidade dos discapacitados.

A Xunta de Goberno Local determinará en cada caso, se todas ou algunhas das bonificacións reguladas neste artigo son ou non aplicables simultaneamente. Se o foran, aplicaranse de forma simultánea e sucesiva, segundo a orde na que aparezan reguladas.

5. Terán dereito á bonificación potestativa de ata o 95 por 100 da cota íntegra do imposto pola creación de postos de traballo as construcións, instalacións ou obras que sexan declaradas de especial interese ou utilidade municipal por concorrer circunstancias de fomento do emprego, regulada no artigo 103.2 a) do Real decreto lexislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da Lei reguladora das facendas locais.

Para tal efecto, no momento da solicitude da bonificación, achegarase memoria explicativa da iniciativa empresarial proxectada, pormenorizando aqueles aspectos relacionados coa creación de novos postos de traballo.

O suxeito pasivo, no prazo máximo de tres meses dende o remate da obra, deberá presentar a seguinte documentación: copia compulsada dos novos contratos de traballo formalizados, alta na Seguridade Social destes e o compromiso de manter esa situación durante un prazo mínimo dun ano desde o comezo da actividade.

Se os requisitos non se cumpren, procederíase a xirar liquidación en concepto de ICIO polo importe da bonificación obtida indebidamente.

Esta medida será de aplicación unicamente a aqueles supostos de implantación dunha nova actividade económica ou empresarial, así como a aqueles outros que consistan nunha ampliación das instalacións sempre e cando implique creación de emprego.

XESTIÓN

Artigo 5:

1. Cando se conceda a licenza preceptiva ou se proceda á presentación de declaración responsable ou comunicación previa, practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do presuposto presentado polo interesado, sempre que o mesmo fora visado polo colexio oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polos técnicos municipais de acordo co custo estimado do proxecto.

2. Á vista das construcións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e do custo real efectivo das mesmas, o concello, mediante a oportuna comprobación administrativa poderá modificar, no seu caso, a base impoñible á que se refire o apartado anterior, practicando a correspondente liquidación definitiva e esixindo do suxeito pasivo, ou reintegrándolle no seu caso, a cantidade que corresponda.

3. O concello establece con carácter obrigatorio, que a liquidación do imposto esixirase en réxime de autoliquidación, no momento da presentación da instancia de solicitude.

INSPECCIÓN E RECADACIÓN

Artigo 6:

A inspección e recadación do imposto realizaranse de acordo co previsto na Lei xeral tributaria e nas demais leis do Estado reguladoras da materia, así como nas disposicións ditadas para o seu desenvolvemento.

INFRACCIÓNS E SANCIÓNS

Artigo 7:

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como a determinación das sancións que polas mesmas corresponda a cada caso, aplicarase o réxime regulado na Lei xeral tributaria e nas disposicións que a complementan e desenvolven.

DISPOSICIÓN FINAL

A presente Ordenanza será publicada integramente no Boletín Oficial da Provincia e comenzará a aplicarse unha vez que transcorra o prazo previsto nos artigos 49 e 65.2 da Lei 7/85, do 2 de abril, e manterase en vigor mentres non se acorde a súa derrogación ou modificación expresa.