Melide - ORDENANZA FISCAL Nº 20, REGULADORA DE TAXA POLA PRESTACIÓN DO SERVICIO DA ESCOLA INFANTIL MUNICIPAL

Publicación provisional: 20/11/2003 BOP Nº: 267
Publicación definitiva: 31/12/2003 BOP Nº: 299
Aplicable dende: 16/08/2017

Artigo 1. Fundamento e natureza

1.- No uso das facultades concedidas polos artigos 133.2 e 142 da Constitución e polo artigo 106 da Lei 7/85, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e de conformidade eco disposto nos artigos 15 a 19 do Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o Texto refundido da lei reguladora das facendas locais (TRLFL), este Concello establece a taxa pola prestación do servizo da escola infantil municipal, que se rexerá pola presente ordenanza fiscal, que atende ao previsto no artigo 57 do TRLFL.

2.- No non previsto nesta Ordenanza estarase ao disposto no Decreto 49/2012, do 19 de xaneiro, polo que se aproba o réxime de prezos das escolas infantís 0-3 anos dependentes da Consellería de Traballo e Benestar; no Decreto 329/2005, do 28 de xullo regula os centros de menores e os centros de atención á infancia; no Decreto 143/2007, do 12 de xullo regula o réxime de autorización e acreditación dos programas e dos centros de servizos sociais ou normativa que as substitúa que sexa de aplicación, así como nas ordes anuais que rexen as convocatorias de subvencións para o mantemento das escolas infantís 0-3 anos e os puntos de atención á infancia dependentes das corporacións locais.

Artigo 2. Feito impoñible

Constitúe o feito impoñible desta taxa a prestación do servizo da escola infantil.

Artigo 3. Suxeitos pasivos

Son suxeitos pasivos en concepto de contribuíntes, as persoas físicas e xurídicas, así como as entidades ás que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, que soliciten os servizos para as persoas beneficiarias destes.

Artigo 4. Responsables

1. Responderán solidariamente das obrigas tributarias do suxeito pasivo as persoas físicas e xurídicas ás que se refiren os artigos 38.1 e 39 de Lei xeral tributaria.

2. Serán responsables subsidiarios os administradores das sociedades e os síndicos, interventores ou liquidadores de quebras, concursos, sociedades e entidades en xeral, nos supostos e co alcance que sinala o artigo 40 da Lei tributaria.

Artigo 5. Actualizacións de taxas

As taxas establecidas actualizaranse cada curso escolar na mesma proporción que a variación interanual positiva experimentada polo índice xeral de prezos de consumo para a Comunidade Autónoma de Galicia (IPC) no mes de xuño anterior, de acordo coa modificación que delas se realice pola Xunta de Galicia.

Artigo 6. Base impoñible e cota tributaria

1.- O prezo pola atención educativa en xornada completa na escola infantil fíxase en 169,26 euros.

Segundo o nivel de renda per cápita mensual da unidade familiar, referida ao indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM) vixente, sobre este prezo aplicaranse as seguintes reducións totais ou parciais.

Rendas inferiores ao 50% do IPREM redución do 100 por cento: 0 euros.

Rendas comprendidas entre o 50 e inferiores ao 75 por cento do IPREM: 34,91 euros.

Rendas comprendidas entre o 75 e inferiores ao 100 por cento do IPREM: 69,81 euros.

Rendas comprendidas entre o 100 e inferiores ao 125 por cento do IPREM: 112,13 euros.

Rendas comprendidas entre o 125 e inferiores ao 150 por cento do IPREM: 133,29 euros.

Rendas comprendidas entre o 150 e o 200 por cento do IPREM: 147,05 euros.

Rendas superiores ao 200 por cento do IPREM: 169,26 euros.

Cando o alumno ou alumna teña solicitada e concedida unha praza en réxime de media xornada, o prezo da atención educativa reducirase no cincuenta por cento do prezo que lle corresponda aboar de acordo coa renda per cápita a unidade familiar.

2.- A cota tributaria dos servizos complementarios será a seguinte:

A cota do punto anterior incrementarase segundo os servizos dos que o/a neno/a sexa usuario:

Servizo de almorzo: 4 euros mensual

Servizo de xantar: 13,49 euros mensual

Servizo de merenda: 4 euros mensual

Segundo a renda per cápita mensual da unidade familiar, sobre os prezos dos servizos anteriores aplicaranse as reducións que se especifican:

Inferiores ao 30 por cento do IPREM: redución do 100 por cento.

Entre o 30 por cento e 100 por cento do IPREM: redución do 50 por cento.

Servizo de almorzo, xantar ou merenda por día solto: 1,27 euros.

O prezo de comedor por días soltos non estará suxeito a ningunha redución.

Horario ampliado: con carácter excepcional os /as usuarias poderán ampliar a súa xornada educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade.

O prezo mensual de cada hora en que se incremente o horario de atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria será de 21,15 euros.

O prezo da hora extraordinaria non estará suxeita a ningunha redución.

3.- Descontos

A) Segundo as circunstancias da unidade familiar, sobre o prezo que resulte de aplicar o disposto no punto anterior, aplicaranse os seguintes descontos que non son acumulables entre si:

a) Nenos/as pertencentes a familias numerosas, desconto dun 20 por cento.

b) Nenos/as pertencentes a familias monoparentais, desconto dun 20 por cento.

c) Cando asistan ao mesmo centro varios irmáns, o segundo e sucesivos terán un desconto do 20 por cento. No caso de que estes irmáns nacesen en parto múltiple, o desconto será dun 30 por cento por cada neno/a.

Entenderase por familia numerosa aquela que reúna as condicións que determina a Lei 40/2003, do 18 de novembro, de protección ás familias numerosas.

Para a aplicación dos descontos teranse en conta as circunstancias concorrentes no momento de presentación da solicitude de praza na escola infantil 0-3, que deberán ser previamente xustificadas documentalmente de non coincidir coas circunstancias na data da devindicación da declaración do IRPF.

B) Cando por circunstancias sobrevidas (solicitude fóra de prazo, traslado de residencia, etc.), o/a neno/a ingrese no centro con posterioridade ao día 15 do mes, a cota que corresponda pagar polo dito mes terá un desconto do 50 por cento.

4.- Regras e definicións para a determinación do importe que cómpre pagar.

Para determinación do importe mensual que deberán aboar as persoas obrigadas ao pagamento da taxa da escola infantil. Para estes efectos, a renda per cápita mensual da unidade familiar computarase segundo as seguintes regras:

a) Entenderase por unidade familiar a formada polos/as cónxuxes non separados/as legalmente e:

I. Os fillos/as menores, con excepción dos que, con consentimento dos/as pais/nais, vivan independentes destes/as.

II. Os/as fillos/as maiores de idade incapacitados xudicialmente suxeitos/as á patria potestade prorrogada ou rehabilitada.

III. Os/as fillos/as maiores de dezaoito anos cun grao de discapacidade superior ao 33 por cento.

b) Tomarase o importe dos ingresos totais da unidade familiar, que será o resultado da agregación das rendas do exercicio anterior a aquel en que dea comezo o curso escolar no cal se pretenda que produza efectos, de cada un/unha dos/as membros da unidade familiar, calculadas por agregación da base impoñible xeral coa base impoñible de aforro, calculadas segundo os criterios establecidos na normativa do imposto sobre a renda das persoas físicas.

c) O importe anterior dividirase polo número de membros computables da unidade familiar. No caso de familias monoparentais, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. Entenderase por familia monoparental a unidade familiar a que se refira a letra a) cando forme parte dela un único proxenitor ou proxenitora que non conviva con outra persoa coa cal manteña unha relación análoga á conxugal e sempre que o outro proxenitor ou proxenitora non contribúa economicamente ao seu sustento.

d) A renda per cápita mensual será o resultado de dividir o importe anterior por doce.

Para as persoas non obrigadas a declarar, as bases impoñibles a que se fai referencia obteranse como resultado de lles aplicar aos datos existentes na Administración os criterios da lexislación do imposto sobre a renda das persoas físicas.

5.- Exencións de pagamento

a) As familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais gozarán de exención total de cota a partir da segunda filla ou fillo que acoda a mesma escola infantil

b) As familias acolledoras de menores con medidas administrativas de tutela ou garda gozarán asimesmo da exención total da cota.

Artigo 7. Revisión da taxa

1- Ao longo do curso poderase proceder á revisión da tarifa fixada inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:

a) A modificación das circunstancias que determinan os descontos recollidos na ordenanza vixente en materia de prezos.

b) As variacións nos seus ingresos, que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica actual. Soamente se terán en conta as variacións que supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos declarados na solicitude de praza ou, de ser o caso, nunha variación posterior.Estas variacións deberán ter unha duración dun mínimo de catro meses para ser tomadas en consideración e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria ou por calquera outra documentación que, xustifique e permita un novo cálculo da renda da unidade familiar.

c) A variación no número de membros da unidade familiar, se for o caso

2- A comisión revisará a taxa anualmente. A Administración poderá requirir ampliación e/ou corrección de documentación en calquera momento, outorgando un prazo para a súa presentación. A falta de achega da documentación solicitada suporá a aplicación da tarifa máis elevada.

Artigo 8. Revisión do horario do alumnado.

As familias respectarán o horario establecido por eles cando matriculan o neno ou nena, de non facer uso de dito horario durante un mes, terase desestimada a súa necesidade e polo tanto dita franxa horaria quedará libre para outro usuario/a. Todos os posíbeis cambios deberán ser comunicados por escrito con fin de ser avaliados pola Dirección da escola que deberá de responder sobre a aceptación ou non destes nun prazo de cinco días, segundo o artigo 20º do Regulamento de Réxime Interno da escola infantil.

Artigo 9. Período impositivo e devengo

A taxa devéngase cando se inicie a prestación do servizo. O período impositivo coincide co ano natural, rateado por meses.

Artigo 10. Liquidación, recadación e xestión

1- A liquidación da cota tributaria será mensual e deberanas aboar os interesados nos dez primeiros días de cada mes na oficina bancaria sinalada para tal efecto.

2- Non se aboará a tarifa que corresponda ao mes no que o centro permaneza pechado por razón de vacacións de verán. Se por calquera motivo o centro permanecese pechado durante un número superior a quince días consecutivos, non se aboará a taxe que corresponda a este período.

3- A non asistencia durante un período determinado non supón redución nin exención de tarifa, en canto non se formalice a baixa correspondente. Cando, por causa debidamente xustificada, o neno/a deixe de asistir temporalmente ao centro, procederá a suspensión temporal da taxa, de forma que neste caso o suxeito obrigado estará exento de aboar a cota mensual desde o primeiro día do segundo mes natural seguinte ao da data de ausencia ao centro. A suspensión da cota durará até o día primeiro do mes natural en que teña lugar a reincorporación do neno/a no centro.

Artigo 11. Infraccións e sancións

En materia de infraccións e sancións estarase ao disposto na Lei Xeral tributaria e nas disposicións que a complementen e desenvolvan.

Disposición final

A presente ordenanza fiscal foi aprobada polo Pleno corporativo, en sesión celebrada o día 12 de novembro de 2003, e entrará en vigor e será de aplicación o mesmo día da súa publicación no BOP, permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.

(BOP nº 267, do 20/11/2003)

(BOP nº 299, do 31/12/2003)

(BOP nº 267 19/11/2004 e BOP nº 300, 31/12/2004)

(BOP nº 298, 30/12/2005)

(BOP nº 293, do 23/12/2006)

 (BOP nº 300, do 31/12/2007)

(BOP nº 298, 29/12/2008)

(BOP Nº 70, 27-03-2009)

(BOP Nº 146, 02-08-2012)

BOP Nº 226, 27-11-2013:

A presente modificación entrará en vigor unha vez publicada no Boletín Oficial da Provincia permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.