Ribeira - C.4 ORDENANZA FISCAL REGULADORA DO PREZO PÚBLICO POLA PRESTACIÓN DO SERVIZO PÚBLICO DO CENTRO DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA DE RIVEIRA
ARTIGO 1.-Concepto.
De conformidade co previsto no artigo 127, en relación co artigo 41, ambos do R.D.L. 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das Facendas Locais, este Concello establece o prezo público por prestación do servizo público do centro de atención á primeira infancia de Riveira, especificando as tarifas no artigo 3 seguinte, que se rexerán polo presente texto normativo.
ARTIGO 2.-Obrigados ao pagamento.
Están obrigados ao prezo público regulamentado nesta Ordenanza os que se beneficien dos servizos ou actividades prestados ou realizados polo centro de atención á primeira infancia de Riveira.
ARTIGO 3.-Contías.
1. Establécense as seguintes contías para o prezo público:
A) ASISTENCIA REGULAR AO CENTRO - CONTÍA MENSUAL
Nº TARIFA | RENTA PER CÁPITA MENSUAL | XORNADA COMPLETA | MEDIA XORNADA |
T-7 | inferior ao 50% IPREM | 0,00 € | 0,00 € |
T-6 | >= 50 % e < 75% IPREM | 34,91 € | 17,46 € |
T-5 | >= 75% e < 100% IPREM | 69,81 € | 34,91 € |
T-4 | >= 100% e < 125% IPREM | 112,13 € | 56,07 € |
T-3 | >= 125% e < 150% IPREM | 133,29 € | 66,65 € |
T-2 | >= 150% e < 200% IPREM | 147,05 € | 73,53 € |
T-1 | >= 200% IPREM | 169,26 € | 84,63 € |
B) ASISTENCIA AMPLIADA AO CENTRO
Con carácter excepcional os/as usuarios/as poderán ampliar a súa xornada de atención educativa mediante a solicitude de horas extraordinarias, sempre que acrediten a súa necesidade.
O prezo mensual por cada hora en que se incremente o horario de atención educativa adxudicado ao usuario ou usuaria
será de 20,44 €.
C) ASISTENCIA PUNTUAL AO CENTRO
No caso de asistencias puntuais de nenos á escola infantil municipal, establécese unha tarifa de 3,07 € por hora.
D) SERVICIO DE COMEDOR
Nº TARIFA | XANTAR - CONTÍA MENSUAL | ALMORZO - CONTÍA MENSUAL | MERENDA - CONTÍA MENSUAL |
1 | 71,54 € | 22,48 € | 22,48 € |
No caso de nenos/as que non utilicen habitualmente o servizo de comedor e que excepcionalmente, e por motivos xustificados, desexen utilizar o servizo algún día solto, o prezo será de 4,09 €/día no caso de XANTAR, 2,04 €/día no caso de ALMORZO e 2,04 €/día no caso de MERENDA.
2. Enténdese por renda per cápita mensual familiar o resultado de dividir polo número de persoas que compoñen a unidade familiar, o cociente resultante de dividir entre 12 a suma dos ingresos totais da unidade familiar.
3. Enténdese por unidade familiar a formada polos cónxuxes (ou persoas vinculadas por relación afectiva análoga) e fillos menores de dezaoito anos ou fillos maiores de dezaoito anos cunha minusvalía superior ó 33%. No caso de familias monoparentais, e para os efectos do cálculo da renda per cápita a que se refire o parágrafo anterior, incrementarase nun 0,8 o número real de membros que compoñen a unidade familiar. A determinación dos membros da unidade familiar e os seus ingresos farase atendendo á situación existente a 31 de decembro do ano anterior.
4. Para os efectos desta Ordenanza, ten a consideración de ingresos da unidade familiar a suma da parte xeral máis a parte especial da base impoñible previas á aplicación do mínimo persoal e familiar do imposto sobre a renda das persoas físicas de todos os membros da unidade familiar que obtivesen algunha clase de ingreso. Para as persoas non obrigadas a declarar obterase o importe das seguintes contías de imputacións de rendas declaradas por terceiros: Rendementos íntegros do traballo + Rendementos do capital mobiliario + Ganancias patrimoniais sometidas a retención - Gastos deducibles de rendementos do traballo.
ARTIGO 4.-Revisión do prezo.
Ao longo do curso poderase proceder á revisión do prezo fixado inicialmente, cando concorran e se xustifiquen variacións socioeconómicas na unidade familiar referidas aos seguintes casos:
a) A modificación das variables que determinan os descontos recollidos na normativa vixente en materia de prezos públicos.
b) As variacións nos seus ingresos, que impliquen unha modificación substancial na súa capacidade económica. Só se terán en conta as variacións de ingresos cando supoñan unha diminución ou incremento de máis do 20% no cómputo anual fronte aos ingresos declarados na solicitude da praza. Estas variacións deberán ter unha duración temporal dun mínimo de 4 meses para ser tidas en conta e xustificaranse por medio da declaración do IRPF, dun certificado emitido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria, dun informe dos servizos sociais do concello de Riveira ou por calquera outra documentación que, a xuízo da Comisión de Baremación xustifique e permita un novo cálculo da renda per cápita da unidade familiar.
Neste sentido a/o beneficiaria/o queda obrigada/o a comunicar calquera variación que se produza ao respecto.
A modificación do prezo, de ser o caso, resolveraá a Comisión de Baremación e aplicarase a partir do primeiro día do mes natural seguinte ao da data da correspondente resolución.
ARTIGO 5.-Actividades complementarias.
A aprobación individualizada de cada prezo a aplicar para este tipo de actividades complementarias ao servizo prestado pola Escola Infantil Municipal, corresponderá á Xunta de Goberno Local a proposta da Alcaldía-Presidencia, previa consulta cos portavoces dos distintos grupos políticos, á vista das propostas presentadas.
ARTIGO 6.-Reducións.
1. Sobre o prezo que resulte de aplicar as contías previstas no artigo 3 da Ordenanza, aplicaranse os seguintes descontos:
a. Descontos nas contías de Asistencia regular ao centro previstas no artigo 3.1 A) desta ordenanza:
i. De conformidade co previsto na Disposición adicional novena da lei 13/2008, de 3 de decembro, de servicios sociais de Galicia, outorgarase unha redución do 100 por cento.
b. Cando por circunstancias sobrevidas, o menor ingrese no centro con posterioridade ó día 15 do mes, as cotas mensuais que corresponda pagar polo dito mes terán un desconto do 50 por cento.
c. Cando por causas imputables ao centro (calendario escolar ou calquera outra), o servizo deixara de ser prestado durante un período de cando menos 15 días dentro do mesmo mes, as contías mensuais a aboar experimentarán, na mensualidade correspondente, unha minoración do 50%.
2. Non terán dereito a redución algunha aqueles usuarios que non asistan ao servizo durante un período continuado de 15 días sen xustificar.
ARTIGO 7.-Obriga de pagamento.
1. O período impositivo das contías do prezo público desta ordenanza previstas será o mes natural, producíndose o nacemento da obriga de pago o día 1 de cada mes, agás no suposto de utilización do servicio de asistencia ou comedor por días soltos, no que a obriga de pago nacerá no momento da utilización do servicio.
2. O desistimento ou falta de asistencia dos usuarios ao servizo non suporá redución nin exención da obriga de pagamento mentres non se formalice a baixa correspondente por escrito ante o rexistro municipal e causará efectos no período impositivo seguinte, non procedendo a devolución do ingresado con anterioridade á data de comunicación da baixa.
ARTIGO 8.-Normas de xestión.
1. O importe das cotas a pagar para cada obrigado determinarase pola resolución de Alcaldía, que de acordo co regulamento do servicio, aprobe a relación definitiva de admitidos na Escola Infantil cada curso escolar ou de altas sobrevidas.
2. Con todo, as tarifas inicialmente establecidas poderán ser obxecto de revisión segundo os termos do artigo 4.
3. O cobro das tarifas do prezo público xestionarase a partires dun padrón constituído polos recibos comprensivos dos obrigados ao pago, usuarios, contías e bonificacións aplicables, o cal será aprobado mensualmente nos dez primeiros días do mes natural seguinte a que corresponda o período impositivo pola Alcaldía-Presidencia, publicándose anuncio de notificación colectiva no Boletín oficial da provincia de A Coruña.
4. O período ordinario de pago será de trinta días naturais dende a aprobación e publicación do correspondente padrón, transcorrido o cal, as contías devindicadas e non pagadas serán esixidas mediante o procedemento de constrinximento.
5. O medio de pago ordinario será o de domiciliación bancaria nas contas sinaladas polos obrigados ao pago, producíndose o cargo dentro dos dez primeiros días dende a aprobación do Padrón correspondente.
Disposición final
A presente ordenanza entrará en vigor cando unha vez aprobada definitivamente polo Pleno da corporación e publicado o seu texto integro no Boletín Oficial da Provincia, teña transcorrido o prazo previsto no artigo 65.2 da Lei 7/85, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime loca, tendo efecto en todo caso as reducións previstas no artigo 6 a partires do 1 de setembro de 2022.