Irixoa - ORDENANZA FISCAL NÚMERO 10 REGULADORA DO IMPOSTO SOBRE CONSTRUCCIÓNS, INSTALACIÓNS E OBRAS (ICO)

Publicación provisional: 24/12/2001 BOP Nº: 293
Publicación definitiva: 24/12/2001 BOP Nº: 293
Aplicable dende: 01/01/2002

Artigo 1.-Feito impoñible.

1. De conformidade co previsto no art. 101 da Lei 39/1988, do 28 de decembro, reguladora das facendas locais, constitúe o feito impoñible do imposto a realización, dentro do término municipal, de calquera construcción, instalación ou obra para a cal se esixa a obtención da correspondente licencia de obra urbanística, con independencia de que se solicitase e obtivese ou non esta, sempre que a súa expedición corresponda a este Concello.

2. As construccións, instalacións e obras a que se refire o apartado anterior poderán consistir, a modo enunciativo non exclusivo, en:

a) Obras de construccións de edificacións e instalacións de todas clases de nova planta.

b) Obras de demolición.

c) Obras en edificios, tanto aquelas que modifiquen a súa disposición interior como o seu aspecto exterior.

d) Aliñacións e rasantes.

e) Obras de fontanería e saneamento.

f) Obras en cemiterios.

g) Calquera outra non especificada e que requira licencia de obra urbanística.

Artigo 2.-Suxeitos pasivos.

1. Son suxeitos pasivos deste imposto, a título de contribuínte, as persoas físicas ou xurídicas e as entidades a que se refire o artigo 33 da Lei xeral tributaria, propietarios dos inmobles sobre os que se realicen as construccións, instalacións e obras, sempre que sexan donos das obras; nos demais casos considerarase contribuínte a quen teña a condición de dono da obra.

2. Teñen a condición de suxeitos pasivos substitutos do contribuínte aqueles que soliciten as correspondentes licencias ou realicen as construccións, instalacións ou obras, se non fosen os propios contribuíntes.

Artigo 3.-Base impoñible, cota e a obriga de retribuír.

1. A base impoñible do imposto está constituída polo custo real e efectivo da construcción, instalación ou obra.

2. A cota do imposto será o resultado de aplicarlle á base impoñible o tipo de gravame correspondente.

3. Os tipos de gravame que se establecen, segundo cada tipo de obra, son os seguintes:

a) Tipo xeral, subsidiario e residual: 2%

b) Obras de nova planta para calquera tipo de uso, incluídos cerrados:

- A executar en 1 ou 2 parcelas catastrais rústicas: 2%

- A executar en 3 ou máis parcelas catastrais rústicas: 2,4%

c) Obras de reforma, reconstrucción, substitución de elementos, etc.: 1,5%

d) Obras de demolición e escavación: 1%

e) Pozos, fosas sépticas, abastecementos de auga e similares: 1%

4. O imposto retribuirase no momento de iniciarse a construcción, instalación ou obra, aínda cando non se solicitase nin obtivese a pertinente licencia.

Artigo 4.-Xestión.

1. Cando se conceda a licencia preceptiva practicarase unha liquidación provisional, determinándose a base impoñible en función do orzamento de execución material presentado polos interesados, sempre que este fose visado polo colexio oficial correspondente; noutro caso, a base impoñible será determinada polo técnico municipal, de acordo co custo estimado do proxecto ou memoria.

2. Á vista das construccións, instalacións ou obras efectivamente realizadas e o custo real efectivo destas, farase polo Concello a oportuna comprobación administrativa, que pode modifica-la base impoñible prevista no apartado anterior; se non existise modificación, a liquidación do apartado anterior obterá o carácter de definitiva, pero se existise modificación practicarase unha nova liquidación con carácter definitivo; o resultado da nova liquidación definitiva poderá ser favorable ó Concello, esixíndose ó suxeito pasivo a diferencia, ou favorable ó suxeito pasivo, reintegrándoselle o que corresponda.

Artigo 5.-Inspección e recadación.

A inspección e recadación do imposto realizarase de acordo co previsto na Lei xeral tributaria; Lei de dereitos e garantía do contribuínte e nas demais leis reguladoras da materia, así como nas disposicións dictadas para o seu desenvolvemento.

Artigo 6.-Infraccións e sancións.

En todo o relativo á cualificación das infraccións tributarias, así como na determinación das sancións que por estas correspondan en cada caso, aplicarase o réxime legal e normativo citado anteriormente e que regule a presente materia.

Disposición final.

A presente ordenanza entrará en vigor unha vez publicada integramente no BOP e comezará a aplicarse dende o día 1-01-2002 (ou seguinte da publicación no BOP, se fose posterior), permanecendo en vigor ata a súa modificación ou derrogación expresa.